O persoal de bibliotecas critica que o Orzamento da Xunta segue sen recuperar as contías anteriores á crise de 2008

Un lector na libraría Numax de Santiago CC-BY-SA Xunta

A chegada do PP ao Goberno da Xunta de Galicia en 2009 supuxo unha sucesión de recortes en Cultura, que afectou en gran medida ás bibliotecas. Despois de anos dun lento ascenso, aínda non se recuperaron os niveis previos

A chegada do PP ao Goberno da Xunta de Galicia en 2009, no marco da crise económica xerada pola Gran Recesión, significou unha ampla política de recortes que se cebou de forma moi destacada no ámbito cultural. Un dos eidos que máis sufriu esta situación foi o das bibliotecas e arquivos, que entre os anos 2012 e 2014 ficou reducido á metade. En concreto, o orzamento da Xunta para bibliotecas descendeu dende os 2.611.249 euros ata os 1.378.240. E, de igual xeito, os arquivos pasaron de dispor de 573.457 euros a tan só 362.408.

Dende entón, ao abeiro dun crecemento económico sostido -só interrumpido pola pandemia de COVID-, os fondos destinados pola Xunta a estas materias veñen incrementándose lentamente. Así o farán, de novo, no ano 2023, nunhas contas nas que -con todo- o orzamento para Turismo supera o destinado a Cultura por terceiro ano consecutivo

Bamad-Galicia cualifica o incremento de 144.457 euros de "crecemento minúsculo". A entidade sinala que os orzamentos son "conservadores" e "non procuran dotar o país dunha rede eficaz e próxima á cidadanía"

Porén, o leve aumento previsto para o vindeiro ano situará o orzamento para bibliotecas e arquivos en niveis moi semellantes aos de hai unha década, sen contar co efecto da inflación. Así o denuncia a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia) nunha análise na que cualifica o incremento de 144.457 euros de "crecemento minúsculo". Bamad-Galicia sinala que os orzamentos son "conservadores" e "non procuran dotar o país dunha rede eficaz e próxima á cidadanía".

A entidade lembra que o crecemento no orzamento para bibliotecas limítase ás partidas de Lotes fundacionais e de Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes, mentres baixa na de Edición libro galego (lotes fundacionais). Mesmo esa partida de Lotes Fundacionais, que concentra o aumento nas contas ata superar os 600.000, sitúase moi lonxe do nivel que acadara no ano 2012, con preto dun millón e medio de euros.

Bamad critica que fóra do incremento das partidas para o servizo de bibliotecas itinerantes, "o orzamento para bibliotecas da Xunta para 2023 baixa con respecto ao ano anterior"

Bamad critica que, en conxunto, "se deixamos de lado o incremento das partidas para o servizo de bibliotecas itinerantes" que despois de anos de promesas vai comezar a súa posta en marcha en 2023, unha vez resolto o concurso público para a xestión do servizo, "o orzamento para bibliotecas da Xunta para 2023 baixa con respecto ao ano anterior".

En canto aos arquivos, Bamad Galicia denuncia que todas as partidas se atopan "conxeladas", coa única excepción da dedicada a proxectos e informes e dirección en materia de arquivos, que aumenta en boa medida grazas aos Fondos NextGeneration da Unión Europea. Tampouco nesta materia se recuperan os niveis previos á crise de 2008 e, nun contexto alcista dos orzamentos, os arquivos e as bibliotecas "perden peso proporcionalmente no volume de gasto da Xunta de Galicia".

A entidade critica que "non se apoie o Servizo de Bibliotecas cun orzamento que permita unha maior dotación no número de persoal que podan prestar máis servizos e incrementar o apoio á rede"

Máis aló das maiores ou menores contías destinadas a este ámbito, Bamad Galicia reclama á Xunta que mude a súa actual política neste eido e desenvolva a Lei de Bibliotecas, "fomentando a cooperación entre as distintas administracións: Concellos, Deputacións e Xunta, o que debería permitir dotar de mellores servizos, instalacións, equipamento e persoal ás bibliotecas municipais".

A entidade critica que "non se apoie o Servizo de Bibliotecas cun orzamento que permita unha maior dotación no número de persoal que podan prestar máis servizos e incrementar o apoio á rede". Os profesionais das bibliotecas reclaman "mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento integral de políticas de fomento do libro e da lectura coa participación de todo o sector", conclúen.

Os arquivos "sofren asfixia económica desde hai máis de 10 anos, o que afecta ao normal desenvolvemento das súas funcións"

En canto aos arquivos, Bamad Galicia reclama "aumentar o esforzo orzamentario, xa que levan sufrindo unha asfixia económica desde hai máis de 10 anos, o que afecta ao normal desenvolvemento das súas funcións". "Galicia precisa duns arquivos propios do século XXI que dean servizo á sociedade cos medios necesarios para adaptarnos a un mundo en constante transformación", engaden.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.