"As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un alicerce fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen", destácase dende o Ministerio de Cultura
O 24 de outubro celébrase o 'Día das Bibliotecas' unha conmemoración internacional anual que botou a andar en 1997 e que nesta edición ten como lema no Estado español "BiblioTEcoida", incidindo no seu carácter de "espazos libres e abertos" que, a través dos seus diversos servizos e recursos, "preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios". "As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un alicerce fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen", destácase dende o Ministerio de Cultura.
Este ano o cartel conmemorativo empregado nas actividades organizadas en toda España foi encargado á ilustradora e autora de cómics galega Xulia Vicente, nacida en Cariño e criada en Cambre.
Este ano o cartel conmemorativo empregado nas actividades organizadas en toda España foi encargado á ilustradora e autora de cómics galega Xulia Vicente
Dende a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura destácase que "son moitas as vías a partir das cales as bibliotecas atenden e coidan aos cidadáns", subliñando que "a promoción da lectura é a primeira delas", unha lectura "que acompaña, que entretén e que enriquece" e unha lectura "que cura", pois "a lectura ten un impacto directo tanto no desenvolvemento e mantemento das capacidades cognitivas como no benestar e a saúde mental". Asi mesmo, as bibliotecas coidan "tanto o acceso á información como a súa veracidade, desempeñando un papel fronte aos bulos e a desinformación", engádese dende a organización desta data.
"Son moitas as vías a partir das cales as bibliotecas coidan aos cidadáns", engadindo que "a promoción da lectura é a primeira delas", unha lectura "que acompaña, entretén e enriquece" e "cura"
O acto central do Ministerio ten lugar este ano en Logroño, pero en Galicia son moitas as actividades que se organizan nas bibliotecas de cidades e vilas. Por exemplo, na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña haberá visitas guiadas, contacontos e un obradoiro. Tamén na Coruña, na Biblioteca de Estudos Locais Francisco Xavier Redondo Abal impartirá a conferencia "A Biblioteca de Santiago Casares Quiroga" a partir das 19 horas.
De igual xeito, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago vén organizando distintas actividades, dende exposicións, sesións de narración oral, de contacontos, unha xornada de portas abertas con "visita guiada extraordinaria" aos sitios menos coñecidos da biblioteca, a entrega de libros aos “superlectores e “superlectoras” infantís e adultos e mesmo unha xincana (“detectives de misterios na biblioteca”).
Haberá actividades tamén en Celanova (espectáculo do pallaso Peter Punk 'Peor imposible', ás 18 horas no Auditorio da localidade). En Redondela (obradoiro infantil ás 18.30 horas). No Saviñao (obradoiros, visitas guiadas, espectáculos de maxia...). En Vigo (visitas guiadas, contacontos, exposicións). E tamén na rede de bibliotecas municipais de Oleiros (contacontos, exposicións...).