Bamad pide a Xunta, Concello e Ministerio de Cultura que cambien as "liortas" por "servizos bibliotecarios dignos" para Vigo

Biblioteca Central de Vigo © Biblioteca Juan Compañel

Nos últimos días Vigo está a ser escenario dun novo conflito entre Xunta, Concello e Goberno central, nesta ocasión ao fío do proxecto de construción Biblioteca do Estado na cidade. Este martes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado pola delegada de Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, solicitou ao Goberno central que paralizase o proxecto para "repensalo", sinalando que cando o Goberno galego enviou o seu plan de usos para unha biblioteca de 8.000 metros cuadrados, dende o Ministerio de Cultura respondeuse que o terreo cedido polo Concello permite unicamente una construción de 4.000 o 4.500 metros cadrados. O Goberno municipal vigués reaccionou culpando á Xunta da redución, asegurando Abel Caballero que “a Xunta e Feijóo farán todo o posible para que Vigo non teña Biblioteca do Estado”.

Bamad pídelle a Xunta, Concello e Goberno central  que "se deixen de liortas partidarias e aposten por contar con servizos bibliotecarios dignos para a cidade"

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e centros de Documentación de Galicia 
(BAMAD Galicia) pronunciouse este xoves sobre o conflito aberto entre as tres administracións, subliñando que "a cidade de Vigo necesita unha gran biblioteca pública, ben dotada de instalacións, persoal e recursos económicos que poda servir de biblioteca central desde a que dinamizar a vida cultural, a formación, o ocio e a lectura na cidade" e pídelle ás tres administracións que "se deixen de liortas partidarias e aposten por contar con servizos bibliotecarios dignos para a cidade".

Biblioteca pública Xosé Neira Vilas ©

Na actualidade a primeira cidade de Galicia só conta con dúas bibliotecas, unha situación moi distinta da que existe dende hai anos na Coruña, cunha completa rede de bibliotecas de barrio

Bamad Galicia leva anos demandando que Vigo "conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación". Na actualidade a primeira cidade de Galicia só conta con dúas bibliotecas: unha biblioteca mixta Xunta-Concello (Biblioteca Juan Compañel), "grande e ben dotada pero claramente insuficiente para un concello deste tamaño", sinala Bamad, e unha biblioteca municipal, de xestión privada (Biblioteca Neira Vilas), "que é pequena mesmo para atender o barrio no que está inserida". A situación da cidade olívica é moi distinta da que existe dende hai anos na Coruña, cunha completa rede de bibliotecas de barrio.

Bamad Galicia lembra "a responsabilidade do Concello de Vigo na situación actual de falta de infraestruturas bibliotecarias na cidade"

A entidade destada que as dúas bibliotecas "son moi dinámicas e realizan un gran labor de dinamización e promoción da lingua, da lectura e da cultura, aínda que escasamente dotadas de persoal e de recursos económicos" e critica que "o resto das instalacións bibliotecarias viguesas non poden considerarse como tales xa que son meras salas de lectura, servizo necesario, pero que non as converte en bibliotecas". É o caso da instalación aberta o pasado ano no barrio de Navia, unha simple sala de lectura. "Estamos á espera da prometida biblioteca de Teis que anuncia a súa construción e apertura en 2022, prazo que desexamos que se cumpra", engade Bamad. 

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel © Biblioteca Juan Compañel

A Xunta Directiva de Bamad Galicia lembra "a responsabilidade do Concello de Vigo na situación actual de falta de infraestruturas bibliotecarias na cidade que demanda, desde hai anos, unha rede bibliotecaria municipal propia na que a Biblioteca Neira Vilas foi un primeiro paso, pero que debe continuar expandindo bibliotecas por outros barrios da cidade". 

"Consideramos que este é un bo momento para planificar conxuntamente co resto de administracións implicadas a posta en funcionamento dunha rede de bibliotecas municipais", di Bamad

A entidade critica que o Concello de Vigo "investiu unha considerable cantidade do seu orzamento en instalacións efémeras de nadal, que seguramente contribuirán á ledicia da veciñanza, pero dubidamos sobre a súa repercusión na educación da cidadanía". "Consideramos que este é un bo momento para planificar conxuntamente co resto de administracións implicadas a posta en funcionamento dunha rede de bibliotecas municipais que axuden a ofrecer iguais servizos a toda a cidade de Vigo. Cremos que en futuros proxectos municipais isto debería ocupar un lugar protagonista e urxente", engade Bamad.

Abel Caballero, na preinauguración da nova sala de lectura de Navia © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.