Galicia debería incrementar nun cento o número de postos de traballo nas bibliotecas para igualar a ratio estatal de persoal

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Veñen de publicarse os últimos datos da estatística de bibliotecas, correspondentes ao 2019, que todos os anos actualiza o Ministerio de Cultura. Uns indicadores que, unha vez máis, amosan numerosas eivas no sistema galego de bibliotecas públicas, especialmente no que atinxe á súa dotación orzamentaria e ao seu persoal, aínda que con algunha categoría na que Galicia se sitúa por riba da media española, coma o número de documentos por habitante.

"Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante. Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do Estado", conclúe Bamad

Bamad-Galicia (Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia) vén de realizar tamén a súa análise e valoración dos datos, que conclúe que "con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante. Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do Estado".

Bamad reclama a implicación de todas as administracións públicas -Xunta de Galicia, concellos e deputacións provinciais- para a potenciación destes centros, demandando do Goberno galego o desenvolvemento regulamentario da Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, especialmente dos aspectos organizativos, de cooperación e colaboración no funcionamento da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

En Galicia cada empregado ou empregada das bibliotecas (medido en xornadas laborais completas) dá servizo a 4.951 habitantes, fronte aos 4.223 da media española 

Entre os aspectos máis negativos presentes no informe, aparecen os indicadores orzamentarios e de persoal. Con 8,95 euros por habitante, Galicia está moi por debaixo da media estatal (10,55 euros) no que atinxe aos gastos correntes e aínda máis lonxe da cifras de Catalunya ou Euskadi, ambos territorios por riba dos 15 euros. Tamén está por debaixo da media estatal no relativo ao gasto na adquisición de coleccións (0,66 euros fronte a 0,74). 

Así mesmo, a ratio de persoal amosa que o número de traballadoras e traballadores nas bibliotecas galegas é inferior ao doutras comunidades autónomas. En Galicia cada empregado ou empregada das bibliotecas (medido en xornadas laborais completas) dá servizo a 4.951 habitantes, fronte aos 4.223 da media española ou os menos de 3.000 habitantes de Estremadura e Castela-A Mancha, as rexións con máis persoal por habitante.

Galicia contaba en 2019 con 546 traballadoras bibliotecarias en persoal equivalente a tempo completo

Galicia contaba en 2019 con 546 traballadoras e traballadores bibliotecarios en persoal equivalente a tempo completo (ETC), fronte aos 558 do ano 2018. Para acadar a media española de un traballador por cada 4.223, debería incrementar esta cifra ata os 640 empregadas e empregados, case un cento de contratacións a tempo completo.

"Debemos facer fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos", di Bamad

"Debemos facer fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos, nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación", sinalan dende Bamad-Galicia. "Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido", conclúe a entidade, que alerta da "perda continua de persoal bibliotecario que desde o ano 2015 descendeu en 74 persoas".

"Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido"

Bamad-Galicia reclama que se "desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario".

Ademais, sinala a importancia da implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello, para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade. 

71 concellos non dispoñen de ningún servizo bibliotecario

Galicia conta con 242 bibliotecas públicas (4 máis que en 2018) que prestan os seus servizos en 330 puntos de atención bibliotecaria (4 máis que en 2019). 71 concellos non dispoñen de ningún servizo bibliotecario (4 concellos máis con biblioteca con respecto a 2018).

Só o 31,08% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no conxunto de España a media é de 35,69. As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do Estado: 3,03 frente a 5,49 actividades/1.000 hab. 

No número de documentos adquiridos produciuse no 2019 un importante descenso con respecto ao ano anterior e Galicia situouse entre as últimas comunidades autónomas por adquisicións por cada 1.000 habitantes

No resto de indicadores, cómpre salientar que en Galicia o número de documentos por habitante está por riba da media estatal. Porén, a asociación destaca que este "non ten porque ser un dato necesariamente bo e é necesario realizar unha avaliación da colección nas bibliotecas".

Ademais, no número de documentos adquiridos produciuse no 2019 un importante descenso con respecto ao ano anterior e Galicia situouse entre as últimas comunidades autónomas por adquisicións por cada 1.000 habitantes. O número de documentos adquiridos foi de 61,83, moi por debaixo do dato de 2018 (109,26 doc./1000 hab.), situando a Galicia como unha das últimas comunidades autónomas e por baixo da media estatal de 68,93 doc/1000 hab.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.