Colectivos veciñais de Teis e Caballero cruzan acusacións ao redor da nova biblioteca do barrio, prometida en 2014

Proxecto de biblioteca para Teis presentado polo Concello de Vigo © Concello de Vigo

A veciñanza de Teis leva anos reclamando a construción dunha biblioteca no barrio, un espazo cultural que veña suplir o déficit de equipamentos desta zona da cidade de Vigo e cuxa instalación leva sendo anunciada e prometida polo Goberno local dende o ano 2014

A veciñanza de Teis leva anos reclamando a construción dunha biblioteca no barrio, un espazo cultural que veña suplir o déficit de equipamentos desta zona da cidade de Vigo e cuxa instalación leva sendo anunciada e prometida polo Goberno local dende o ano 2014. Hai uns días colectivos veciñais denunciaron que, coñecido o detalle do proxecto aprobado na Xunta de Goberno local, este limitaríase á construción -no espazo que ocupaba o antigo ambulatorio do barrio- dunha sala de lectura, non dunha biblioteca. Ou, se pode ser definida así, dunha biblioteca sen libros.

Este xoves varios colectivos do barrio (Anpas, Asociación Veciñal de Teis e Voces polo Litoral de Teis) ofreceron unha rolda de prensa no instituto local, na que criticaron o proxecto de construción da sala de lectura e reafirmaron a súa demanda de que o barrio conte cunha biblioteca que tamén ofreza préstamo de libros. Os colectivos que participaron na rolda denunciaron que levan "anos solicitando por escrito xuntanzas con responsábeis do goberno municipal incluído o Alcalde, Abel Caballero, para coñecer o proxecto da biblioteca de Teis, sen recibir ningunha resposta". A última vez que solicitaron esta xuntanza foi o pasado 10 de xuño e agora repiten a súa solicitude.

Rolda de prensa ofrecida do IES de Teis este xoves © AAVV de Teis

O alcalde da cidade, Abel Caballero, respondeu este venres ás críticas, acusando ás asociacións veciñais de "mentir" e asegurando que a biblioteca "terá libros" e organizará ademais actividades culturais e de ocio

"Os colectivos de Teis consideramos a situación como de máxima gravidade. Non temos motivo para crer que desta os anuncios vaian ser realidade, seguimos sen ser informados e sen que se nos dea participación ao barrio no proxecto e confirmanse as nosas peores sospeitas, non imos ter biblioteca", sinalan os colectivos nunha rolda de prensa.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, respondeu este venres ás críticas, acusando ás asociacións veciñais de "mentir" e asegurando que a biblioteca "terá libros" e organizará ademais actividades culturais e de ocio. "Non sei de onde sacaron que non vai haber unha biblioteca", afirmou o rexedor, que subliñou que "imos facer unha biblioteca marabillosa". Caballero cargou contra a Asociación de Veciños de Teis, afirmando que as denuncias realizadas "son as mentiras da asociación de veciños, que todo o que di son mentiras”, acusando á entidade, ademais, de "facer política".

O proxecto de biblioteca, que ocupará o predio no que se atopa o antigo centro de saúde do barrio, na rúa Enrique Lorenzo, pechado hai moitos anos, foi anunciado por vez primeira no ano 2014 e dende o ano 2018 conta cun proxecto no que o Concello prometeu investir uns 900.000 euros, cunhas obras cuxo inicio se preveu xa para o ano 2021. No mes de xuño deste ano 2022 a Xunta de Goberno local aprobou definitivamente o proxecto, que conta cun orzamento de 930.000 euros.

 

Salas de lectura, pero non bibliotecas

A sala de lectura de Teis, de ser finalmente esta a opción escollida, uniríase ás que nos últimos anos despregou o Goberno local vigués no barrio de Navia ou no Auditorio do Mar. Porén, os colectivos veciñais consideran que non cobre as demandas da cidadanía destas zonas. Nese momento a Asociación Veciñal Novo Vigo denunciou que "facía moita falla un espazo de estudo no barrio, pero a pesar do tamaño do local, non terá nin unha pequena biblioteca na que poder consultar, trocar ou ler".

Abel Caballero, na preinauguración da sala de lectura de Navia © Concello de Vigo

BAMAD: "As bibliotecas non son salas de lectura. A sala de lectura é un dos servizos que pode ser dado polas bibliotecas pero non o único. Para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos e estes deben estar xestionados de maneira profesional"

A apertura deste novo espazo en Navia foi tamén criticado pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD). "As bibliotecas non son salas de lectura. A sala de lectura é un dos servizos que pode ser dado polas bibliotecas pero non o único. Para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos (libros e outros soportes de información) e estes deben estar xestionados de maneira profesional (xestión documental) por un persoal adecuado ao tamaño da biblioteca e ao número da poboación que debe atender", sinalaba a entidade nunha carta enviada a Abel Caballero. "Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal que permita dotar de servizos bibliotecarios todos os barrios e ofrecer os seus servizos á maioría da poboación do seu concello", engadía.

Falta de bibliotecas en Vigo

A falta de bibliotecas de barrio únese aos atrasos no proceso de posta en marcha da Biblioteca do Estado na cidade

A ausencia dunha biblioteca en Teis, de confirmarse finalmente, afondaría no déficit de equipamentos culturais que sofre a cidade de Vigo en relación con outras cidades galegas, nomeadamente A Coruña, que si conta cunha rede municipal de oito bibliotecas de barrio, que nestes momentos arrastran iso si un importante conflito laboral. 

A falta de bibliotecas de barrio únese aos atrasos no proceso de posta en marcha da Biblioteca do Estado na cidade. "A cidade de Vigo necesita unha gran biblioteca pública, ben dotada de instalacións, persoal e recursos económicos que poda servir de biblioteca central desde a que dinamizar a vida cultural, a formación, o ocio e a lectura na cidade", sinalaba Bamad Galicia, que reclamaba a Xunta, Estado central e Concello que "se deixen de liortas partidarias e aposten por contar con servizos bibliotecarios dignos para a cidade".

Antigo ambulatorio de Teis, onde se construirá a nova sala de lectura © Google Maps

Bamad Galicia leva anos demandando que Vigo "conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación"

Bamad Galicia leva anos demandando que Vigo "conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación". Na actualidade a primeira cidade de Galicia só conta con dúas bibliotecas: unha biblioteca mixta Xunta-Concello (Biblioteca Juan Compañel), "grande e ben dotada pero claramente insuficiente para un concello deste tamaño", sinala Bamad, e unha biblioteca municipal, de xestión privada (Biblioteca Neira Vilas), "que é pequena mesmo para atender o barrio no que está inserida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.