Todos os sectores sofren a crise pero se cadra poucos de maneira tan intensa coma a industria da edición e do libro. Son xa varios anos de descensos continuados nas cifras de títulos editados: en 2011 editáronse en Galicia 28,88% menos títulos e a edición en galego caeu un 16%, segundo datos do Ministerio de Cultura, que aínda non ofreceu os correspondentes a 2012. Porén, os indicadores do INE (que cifra a baixada nun 7,2%) e da Federación de Gremios de Editores de España (26,9% menos) malia a súa disparidade amosan que o descenso continúa.
Segundo os datos que publica o Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, os datos relacionados cos hábitos de lectura e compra de libros reflicten dúas tendencias opostas Mentres o gasto total en libros non de texto entre 2006 e 2011 diminuíu nun 28,4%, o hábito de lectura de libros "pode cualificarse como de unha evolución de crecemento sostido con tendencia á estabilidade". Apenas o 13,1% de todos os libros que se mercan en Galicia son libros en galego, o que supón unha facturación total de 21,43 millóns de euros, un 12,92% menos facturación con respecto a 2009. Neste tempo calcúlase de se perderon a cuarta parte dos empregos no sector.
Os editores propoñen un decálogo de medidas "para a posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia"
Os editores, o mesmo que os libreiros, levan anos esixindo da administración cambios e medidas para axudar o sector a enfrontar a crise e colaborar nun cambio de modelo. Hai uns días a Asociación Galega de Editores (AGE) publicou o seu documento estratéxico, no que repasa polo miúdo a situación do sector, e tamén un decálogo de medidas "para a posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia" comezando polo "recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico e prioritario para Galicia" tal e como se recolle no Preámbulo e no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
O decálogo tamén pide a posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura por parte da Xunta, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, a adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas, a posta en marcha dun plan de fomento da lectura con especial atención a súa presenza en televisión, internet e nas redes sociais, a posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego, ou a creación dunha oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.
O documento estratéxico lembraba que "as compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un recurte do 60% ao longo da última lexislatura"
O documento estratéxico lembraba que "as compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un recurte do 60% ao longo da última lexislatura" e afirmaba que "se precisarían triplicar os fondos destinados pola Secretaría Xeral de Cultural para cumprir o compromiso establecido pola Lei 17/2006 a este respecto".
O texto tamén destacaba que "o apoio ás industrias culturais, as bibliotecas e ao fomento da lectura, ás canles comerciais, as axudas públicas destinadas a fomentar a existencia da creación e a produción de contidos, así como a divulgación e proxección desa produción, son imprescindibles para a existencia dun sistema editorial" e denunciaba "a incerteza e a desconfianza que xera o descoñecemento ou a ausencia de canles de diálogo e de cooperación".
"O sector editorial en Galicia está a facer un enorme esforzo orzamentario para dixitalizar a fabricación tradicional e para deseñar e producir novos contidos destinados á web 2.0"
Finalmente, afirmaba que "o sector editorial en Galicia está a facer un enorme esforzo orzamentario para dixitalizar a fabricación tradicional e para deseñar e producir novos contidos destinados á web 2.0, contando con recursos propios e cos procedentes das empresas tecnolóxicas galegas" e todo nun contexto no que "o conxunto das empresas do sector están enfrontando con enormes dificultades, as máis graves en trinta anos anos de existencia, esta coxuntura económica, que merma a demanda e o consumo, con reducións das vendas dalgunhas liñas de produto de ata o 40% nas canles finais de comercialización".