Unha app moderniza a plataforma de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe, con 14.000 títulos e 17.000 usuarios en 2023

Varias capturas da app GaliciaLe para móbil CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta uniformiza a imaxe dos carnés da rede galega de bibliotecas e habilita unha modalidade dixital para poder empregar tamén no préstamo presencial de libros

A Consellería de Cultura presentou este mércores unha app que facilita e moderniza o acceso a GaliciaLe, o catálogo de préstamo de libros electrónicos da Xunta. Unha plataforma que conta con 14.000 títulos e que en 2023 rexistrou case 17.500 usuarios. A app está xa dispoñible para Android e iOS e inclúe tamén unha nova versión dixital do carné de usuario da rede bibliotecas de Galicia para poder empregar tamén no préstamo presencial de libros.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da nova app de GaliciaLe CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo salientou este mércores o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a nova app "permite levar nun mesmo dispositivo os máis de 14.000 títulos de fondos literarios e documentais dispoñibles en GaliciaLe para acceder a eles calquera día da semana e en calquera horario". Ademais, a ferramenta inclúe a modalidade GaliciaLe+, que permite o uso da plataforma por parte de persoas residentes fóra de Galicia que queren ler en galego. Esta medida, accesible a persoas de calquera lugar do mundo, "ten por obxectivo promover e facilitar a lectura en galego máis alá das nosas fronteiras, así como facilitar o acceso á Galicia exterior a todos os recursos desta app".

De xeito parello ao lanzamento da aplicación, a Xunta vén de actualizar tamén a imaxe dos carnés de usuario da rede galega de bibliotecas, de xeito que todas as bibliotecas públicas contarán co mesmo modelo. “Trátase dunha tarxeta personalizable co nome da biblioteca titular que ofrece unha imaxe común en toda a rede”, explicou o conselleiro, quen precisou que, por primeira vez, o carné poderá solicitarse de xeito telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca. 

Nova imaxe dos carnés da rede de bibliotecas de Galicia publicada este mércores no DOG CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tamén como novidade actualizaranse as condicións de protección de datos e deixará de ser obrigatorio presentar unha fotografía. Ademais, haberá dúas modalidades de carné, unha física cun deseño adaptado á nova imaxe e outra dixital que se poderá levar directamente no teléfono móbil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.