O préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas da Xunta aumenta un 130% no ano da pandemia

GaliciaLe é a plataforma de préstamo de libros electrónicos da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 2020, coas bibliotecas pechadas dous meses e restricións tras a súa reapertura, os usuarios en formato dixital pasaron de 7.300 a 18.600, que realizaron 129.000 préstamos fronte aos 56.000 de 2019

2020, o ano da pandemia, rematou cun aumento do 130% dos préstamos de libros e outras obras en formato electrónico e a distancia nas bibliotecas públicas dependentes da Xunta. Se en 2019 foron 56.144 os préstamos xestionados a través da plataforma GaliciaLe -ademais desa, no país hai outra plataforma habilitada pola Deputación da Coruña para as persoas socias das bibliotecas municipais da provincia-, o pasado ano a cifra aumentou a 129.784, segundo vén de informar o Goberno galego.

Unha biblioteca galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

As restricións establecidas para a consulta e mesmo o préstamo nas bibliotecas, que estiveron pechadas dous meses a pasada primavera e volven estalo desde esta semana, como o resto de instalacións culturais, fixo que aumentara o número de préstamos dixitais e tamén o de persoas dadas de alta na plataforma da Xunta, que pasaron duns 7.000 en 2019 a 18.620.

Entre os libros electrónicos máis prestados situáronse títulos como Loboferoz, de Patacrúa, ou Infamia, de Ledicia Costas

A plataforma GaliciaLe dispón dun catálogo de 6.000 títulos dos que máis de 5.300 son libros electrónicos, 324 son documentos audiovisuais, 212 audiolibros e 35 revistas. Entre os libros electrónicos máis prestados, segundo salienta a Xunta, situáronse títulos como Loboferoz, de Patacrúa, ou Infamia, de Ledicia Costas, así como La nena, de Carmen Mola, ou El enigma de la habitación 622, de Joël Dicker. No caso dos audiolibros, o que rexistrou un maior número de préstamos foi Largo pétalo de mar, de Isabel Allende, e no eido audiovisual O Apóstolo ou O que arde.

Algunhas das obras dixitais máis emprestadas na plataforma GaliciaLe CC-BY-SA Xunta de Galicia

Para facer uso de GaliciaLe hai que ter o carné de lector dalgún dos centros que integran a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e conectarse a Internet para poder realizar o préstamo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.