Escritores e escritoras en lingua galega reclaman máis apoio da televisión para a creación de novo público lector

Escaparate da libraría Couceiro, en Compostela © Libraría Couceiro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está a preparar un Libro Branco que busca recoller a situación do sector e a as demandas do colectivo. Na primeira fase da realización deste Libro Branco a AELG levou a cabo unha enquisa entre os seus asociados e asociadas, cuxos resultados presentou esta semana, e nos vindeiros meses dous informes xurídicos completarán o traballo desenvolvido.

As mulleres comezan a ser clara maioría entre as novas xeracións de autoras: o 43,5% das asociadas da AELG teñen menos de 45 anos, unha porcentaxe que cae ao 17,6% no caso dos homes

A enquisa serve como panorámica dun colectivo moi masculinizado (63% de homes e só un 35% de mulleres) e dunha elevada idade media (54 anos). Con todo, amosa que as mulleres comezan a ser clara maioría entre as novas xeracións de autoras: o 43,5% das asociadas da AELG teñen menos de 45 anos, unha porcentaxe que cae ao 17,6% no caso dos homes. En calquera caso, o inicio no mundo da escritura é, en xeral, tardío, situándose entre os 36 e 38 anos.

Só o 17% dos escritores e escritoras ten dedicación en exclusiva á escrita e o 67% ten un traballo a xornada completa, principalmente (o 36%) na docencia

Un dos datos máis salientables da enquisa é que unicamente o 17% dos escritores e escritoras ten dedicación en exclusiva á escrita e só o 6% ten como fonte única de ingresos este labor autoral. O 16% ten outro emprego a tempo parcial e a gran maioría, un 67%, ten outro traballo ao xornada completa. Case o 58% conta actualmente cun emprego por conta allea, case o 13% teñen un emprego por conta propia e máis dunha cuarta parte (27%) son pensionistas, tanto por xubilación como por outras razóns.

Entre as ocupacións laborais máis numerosas destaca por riba de todas a docencia, que emprega ao 36% dos escritores e escritoras en lingua galega. Outras ocupacións frecuentes son o traballo na administración pública (9,9%), o xornalismo (4,3%), a consultoría (3,5%), a xestión cultural, a sanidade, a edición ou as artes (un 2,1% en cada caso). 9 de cada 10 escritores e escritoras contan cunha titulación universitaria.

A enquisa amosa a limitación dos dereitos de autor cobrados por escritores e escritoras. De feito, o 54% das autoras e autores recibiron menos de 1.000 euros por este concepto no último ano. Para o 72% do colectivo, os dereitos de autoría supoñen menos do 10% dos seus ingresos anuais.

O 54% das autoras e autores recibiron menos de 1.000 euros por dereitos no último ano

Os ingresos medios por dereitos de autoría sitúanse lixeiramente por riba dos 1.595 euros, pero con grandes diferenzas por xéneros literarios, dende os 1.795 euros de media na narrativa aos 200 euros da poesía ou os 400 do teatro. Hai, igualmente, amplas diferenzas entre uns e outros autores e autoras, pois mentres que un 14% non recibiu nada no último ano, hai algún caso puntual de persoas que ingresaron máis de 30.000 euros.

O 2% de todas as escritoras e escritores foron penalizados ou penalizadas por compaxinar os ingresos por dereitos de autoría cos ingresos derivados da súa xubilación. Entre as persoas xubiladas a porcentaxe foi do 6%. Esta baixa incidencia desta problemática é consecuencia das escasas retribucións que se perciben polos dereitos de autor.

Libraría no Culturgal © Culturgal

Un dos aspectos máis repetidos na enquisa é a crítica á falta de apoio á literatura galega por parte da televisión, incluída a TVG. Catro de cada dez escritores e escritoras consideran "inexistente" este apoio ou a promoción. A Radio Galega está algo mellor valorada, mais só o 11% afirma que o labor de promoción realizado é "alto". A percepción das librarías é moito mellor (o 21% cita o seu traballo como bo), pero tamén se considera "mellorable".

Un dos aspectos máis repetidos na enquisa é a crítica á falta de apoio á literatura galega por parte da televisión, incluída a TVG

Neste senso, no informe que recolle os resultados da enquisa, a AELG afirma que "a semente da literatura galega é sa e forte, pero o problema está na terra, á que lle faltan nutrintes e estímulos para que o que se pon nela poida agromar".

A asociación sinala que "o principal reclamo respecto ao apoio público nin sequera é unha mellor difusión, ou mesmo unha mellora na labor de normalización, senón desenvolver apoios económicos concretos, como por exemplo bolsas á creación literaria, para que os escritores e escritoras, independentemente da idade ou do prestixio, poidan levar a cabo a súa obra sen a presión económica da necesidade doutro traballo".

"A literatura galega non pode ser, para unha parte da poboación nova, un contido formativo máis e, para iso, a literatura en galego debería ter espazos visibles e relevantes nas propias librarías ou espazos televisivos fóra de horarios intempestivos"

A AELG conclúe que "existe a necesidade de dinamizar o ecosistema institucional cara ao fomento da literatura en galego, unha dinamización que non só debe estar enfocada cara aos piares históricos da literatura galega, senón que debe tentar recoller boa parte da prolífica produción das escritoras e escritores galegos actuais". Este fomento da lectura é descrito por algunha das persoas participantes como a "creación dos novos lectores e lectoras en galego", cuestión que debe xurdir dende o propio sistema educativo, sinala a AELG. 

"A literatura galega non pode ser, para unha parte da poboación nova, un contido formativo máis e, para iso, a literatura en galego debería ter espazos visibles e relevantes nas propias librarías ou espazos televisivos fóra de horarios intempestivos. A literatura en galego debe ter, pois, presenza no mundo no que o seu potencial público vive decotío", engade a AELG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.