Nove cidades e vilas acollen manifestacións da plataforma cidadá Queremos Galego que reivindica acadar unha "vida en galego" e pide a colaboración dos concellos para logralo
Queremos Galego tomou neste Día das Letras as rúas de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Monforte e Foz cun berro unánime: "En galego, aquí e agora". A plataforma cidadá, integrada por máis de 500 entidades, aproveitou as inminentes eleccións municipais para solicitar a colaboración dos concellos para acadar unha "vida en galego" en todos os aspectos.
Na plataforma pregúntase se pode ser oficial unha lingua "na que é case imposible recibir unha notificación xudicial, atención sanitaria ou abrir unha conta bancaria". O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, lembrou que o vindeiro 15 de xuño se fan 40 anos da Lei de Normalización Lingüística, que consagrou a obriga dos poderes públicos de promover o galego e o dereito ao seu uso. "Porén –lamentou– 40 anos despois continúa a negarse no noso idioma todo o que se garante e obriga en español".
"É a sociedade en solitario quen reacciona á emerxencia lingüística para revertela porque o galego non ten quen o defenda na Xunta", denunciou Maceira, para destacar a "loita e perseveranza" das asociacións da lingua e do sector "para facer realidade a Iniciativa Xabarín e conseguir oferta en galego no audiovisual, na dobraxe e a lexendaxe en plataformas como Netflix".
Marcos Maceira sostivo que o galego está "vivo porque non renunciamos a el"
"O presidente que se manifestou polas nosas rúas contra a lingua que nos une prefire manterse submiso e compracente con quen odia Galiza e o galego antes que servir fielmente os intereses do pobo ao que lle debe o cargo", criticou o portavoz de Queremos Galego na manifestación en Santiago, que xunto ás convocadas noutras oito cidades e vilas "demostra" que o galego está "vivo porque non renunciamos a el".
Marcos Maceira insistiu en que o galego existe e ten futuro grazas "ás familias que o transmiten a pesar do ensino, do lecer ou da televisión", "ao profesorado insubmiso ao decreto que o prohibe nas aulas e que inviste horas para facer os materiais en galego", "ao funcionariado que o emprega día a día, aínda sen contar coas ferramentas básicas para o facer", "aos traballadores e traballadoras que se manteñen no uso do galego a pesar das presións en moitas empresas" e "ao empresariado que, con todo en contra, sabe que usalo é mostra de calidade e de compromiso co seu país".
"Hoxe reivindicamos que as persoas que falamos galego temos dereito a que non nos discriminen no noso país e lembrar a obriga das administracións públicas a defender este dereito", dixo Ana Pontón
Un día para "denunciar e reivindicar"
Este 17 de maio Ana Pontón, salientou que "temos que celebrar que contamos cun idioma propio e alegrarnos de pertencer a unha nación cunha lingua, identidade, historia e cultura". A portavoz nacional do BNG participou da mobilización de Queremos Galego en Compostela e incidiu en que "é un día para denunciar e reivindicar porque ao longo de 14 anos, temos a un goberno do Partido Popular dedicado a traballar en contra do galego e de Galiza".
A nacionalista atacou a "política linguicida do PP", que afirmou que demostran os datos "cando por primeira vez o galego xa non é a lingua maioritaria de Galiza e o 24% de menores de 14 anos afirman non saber falar en galego". "Hoxe reivindicamos que as persoas que falamos galego temos dereito a que non nos discriminen no noso país e lembrar a obriga das administracións públicas a defender este dereito", asegurou.
Formoso pide empregar o 28M como "plataforma política para rectificar a deriva de minguar a cultura e a lingua galegas"
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou este Día das Letras a empregar as eleccións do vindeiro 28 de maio como unha "plataforma política para rectificar a deriva de minguar a cultura e a lingua galegas iniciada polo PP dende a súa chegada á Xunta".
O PPdeG presume de defender o galego "pero con sentidiño"
Formoso participou na manifestación organizada por Queremos Galego en Compostela, onde insistiu na necesidade de "protexer" a lingua e a cultura propias "fronte á acción do goberno galego, presidido por un Alfonso Rueda que –lembrou– representaba ao PP galego na concentración convocada en 2009 por Galicia Bilingüe precisamente en contra da promoción do galego".
Precisamente, desde o PPdeG, a secretaria xeral da formación, Paula Prado, asegurou que o seu partido "defende a lingua galega por riba de todo". "Pero defendémola con sentidiño, afastado do sectarismo que propoñen os partidos nacionalistas e independentistas como o BNG", asegurou.
"Todos os actos que fai o PP fainos en defensa da lingua e da promoción da lingua galega", insistiu.