Os datos do Censo de 2021 coñecidos esta semana que sitúan por primeira vez o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia xeraron un notable rebumbio tamén no ámbito da política. Pero non tanto no Goberno galego cuxo presidente, Alfonso Rueda, respondía este xoves ás cifras chamando a "facilitar a convivencia e cordialidade" lingüística.
A iniciativa do BNG para deseñar "un plan específico para superar o estancamento no uso do galego" recibiu o apoio do PSdeG, pero o "non" do PP impediu aprobala
Con este pano de fondo, este venres debatíase na comisión de Educación e Cultura do Parlamento unha iniciativa do BNG xa prevista con anterioridade para reclamar "o deseño dun plan específico para superar o estancamento no uso habitual do galego". A súa autora, a deputada Mercedes Queixas, encadrou a iniciativa nos novos datos coñecidos para anunciar que, con independencia de que o PP non o apoie -a proposta foi rexeitada polos votos dos populares e recibiu o "si" do PSdeG-, en 2023 o Bloque prevé elaborar "un plan de igualdade lingüística para o galego".
Este plan, avanza Queixas, xurdirá dun "traballo en diálogo e consenso social" porque "non nos resignamos fronte ao abandono do Goberno" dun PP que, lamenta, teima na "imposición da ignorancia lingüística" dende a aprobación, hai xa máis dunha década, do denominado decreto do plurilingüismo. Aínda que a propia Xunta, lamenta, "se negue a avaliar o decreto" -tal e como obriga a propia norma-, os sucesivos "datos empíricos" que agora o Censo corrobora "cantan verdades, independentemente de que non nos gusten". E "o resultado é menos galego, menos inglés e máis castelán".
Mercedes Queixas (BNG) advirte de que os peores datos se rexistran "nas mocidade que empezou os estudos co decreto do timo do plurilingüismo", nacido do "sometemento" do PP ao "xugo negacionista" de movementos como as "infelices manifestacións" que secundara o actual presidente Rueda
"A política do PP é avanzar cara ao monolingüismo en castelán", razoa Queixas, quen advirte de que os peores resultados dos novos datos se rexistran, precisamente, "nas mozas e mozos que empezaron os seus estudos co decreto do timo do plurilingüismo". A norma, lamenta, nace do "sometemento" do PP ao "xugo negacionista" que asumiron "cando se puxeron á fronte, co señor Rueda, á fronte das infelices manifestacións daquel grupo chamado Galicia Bilingüe e agora, Hablemos Español", evocou mentres amosaba unha fotografía do agora presidente da Xunta participando na controvertida mobilización de febreiro de 2009.
Ante os datos do Censo, pero tamén os estudos da RAG, do IGE ou do Consello de Europa, di a parlamentaria da formación soberanista, "só unha opción é válida: parar, reflexionar, avaliar e actuar dende a intelixencia e a responsabilidade" e mais "co acordo, co apoio social para reverter a deriva cara a un proxecto de política lingüística positivo para o idioma". Ao seu xuízo, "non existe ningunha acción de goberno" na Xunta "que teña como obxectivo a restitución da igualdade para a lingua galega" e por iso, se "teiman en manterse sós en contra do consenso social arredor de buscar un futuro vivo para a nosa lingua", o BNG presentará un plan de seu.