Queremos Galego reclamará o "papel normalizador dos concellos" nas mobilizacións deste 17 de maio

Presentación das mobilizacións de Queremos Galego para o 17 de maio CC-BY-NC-SA Queremos Galego

En galego, aquí e agora. Ese será o lema que presidirá as manifestacións que o vindeiro 17 de maio se desenvolverán nas principais vilas e cidades galegas organizadas por Queremos Galego. Representantes da xestora da plataforma cidadá, da que forman parte máis de 500 entidades, presentaron este mércores unhas mobilizacións coas que pretenden, a poucos días das eleccións municipais, "reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos". "A situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas", din. 

Presentación das mobilizacións de Queremos Galego para o 17 de maio CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Así, Queremos Galego advirte da situación de "emerxencia lingüística" cando se fan 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, "unha lei da que destacou máis o desleixo, a pasividade ou o boicot directo das administracións públicas -nomeadamente da Xunta, do Goberno español e do poder xudicial- que a vontade das institucións por reparar, repor e normalizar a lingua que une galegas e galegos", segundo dixo o voceiro da plataforma, Marcos Maceira.

A plataforma lembra que son xa 40 anos reclamando a "oficialidade real", para "poder recibir atención en galego sen obstáculos, para poder ver audiovisual en galego en igualdade de condicións, para ter o ensino en galego, para que haxa xustiza en galego, para que calquera acto da vida cotiá que a cidadanía queira desenvolver en galego non sexa unha dificultade".
 

A plataforma denuncia e enumera "impedimentos de todo tipo": as e os docentes "denuncian que non poden impartir materias na nosa lingua, ben por impedimento legal ou por ausencia de materiais; a canle pública estatal non emite nin un só segundo de programación infantil ou xuvenil en galego; a administración dixital obriga, no mellor dos casos, a cidadanía a repetir constantemente que escolle a súa lingua; na xustiza e na saúde campa o analfabetismo en galego e á Xunta e ao goberno español nin lles importa que en reiteradas ocasión o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego". 

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Neste contexto, din, "é lóxico que o galego perda falantes mais tamén resulta incríbel e esperanzador que aínda así aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo". "É esta conciencia reparadora a que está a garantir a existencia da nosa lingua", afirma o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira. "Os poderes públicos só cumpren as súas obrigas respecto á lingua cando a sociedade llo reclama", sentencia Maceira.

Ante esta situación, Queremos Galego anuncia que sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12 horas, para "reivindicar a vida en galego, aquí e agora". Toda a información sobre as concentracións, anuncia a plataforma, estará dispoñible na páxina web da entidade: queremosgalego.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.