A dixitalización nas aulas da ESO reduce aínda máis a presenza do galego, alerta un informe da Mesa

Alumnado con libros de texto dixitais nun instituto galego CC-BY-SA Xunta

A dixitalización dos libros de texto nas aulas do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) en Galicia está a poñer aínda máis trabas ao galego. É unha das principais conclusións que saca A Mesa pola Normalización Lingüística nun informe no que avalía a situación da lingua nesta etapa educativa logo da aplicación do polémico Decreto 79/2010 -coñecido como do plurlingüismo- hai xa máis dunha década. 

O informe da Mesa advirte que só o 40% dos centros de ESO en Galicia teñen o proxecto lingüístico en vigor

Presentado es luns, o estudo debulla a información pública e dispoñible dos 303 centros públicos que imparten ESO en Galicia en base á información que adoitan publicar ao final de cada curso sobre os libros e manuais que se empregan en cada materia. Dado que o Decreto 79/2010 establece que estes materiais deben estar redactados na lingua na que se imparta a materia, A Mesa di contar así cun "indicador moi claro do nivel de uso real do galego nas aulas". 

Con todo, o informe destaca que só o 40% dos centros de ensino secundario en Galicia cumpren co requisito de ter o Proxecto Lingüístico de Centro (PLC) en vigor. Porque para estalo, o PLC non pode ter máis de catro cursos, polo que debería ter sido elaborado e aprobado con posterioridade ao curso 2018/2019, "situación na que só se encontran o 40% do total dos centros que imparten ESO".

Ordenador do proxecto Edixgal da Xunta de Galicia © Xunta

O PLC é un documento a elaborar cada catro anos e que forma parte do proxecto educativo do centro. Nel débese sinalar o programa regular de fomento da lingua -con especial atención ás actividades extraescolares e complementarias-, a lingua de cada materia, as medidas tomadas para garantir o dominio dos idiomas polo alumnado e os obxectivos e iniciativas do instituto para o impulso ao galego. Ademais, serve para a avaliación e valoración destes programas e actividades de fomento e dinamización da lingua, así como para saber os cambios na impartición de materias en lingua estranxeira. 

Xa que o Decreto 79/2010 sinala que cada PLC deberá ser remitido á inspección educativa para velar polo seu contido, A Mesa entende que "os erros que se aprecian tanto no contido como na publicación dos PLC son responsabilidade da Consellería de Educación que debe dar indicacións claras sobre o documento e a súa utilidade". 

"Hai, polo tanto, unha neglixencia clara, continuada e prolongada no tempo da Consellería, que contrasta coa súa insistencia en divulgar unhas supostas bondades dun decreto cuxo nivel de cumprimento, resultado e valoracións non ten interese en coñecer, vulnerando ademais a súa propia lexislación só nos aspectos que poden asegurar unha presenza mínima da lingua galega". 

178 centros galegos contan co programa para libros dixitais, onde só as materias que deben ser impartidas en galego contan con todos os materiais nesta lingua

Por outra banda, e respecto da distribución horaria das diferentes linguas, e en base á información sobre os libros de texto para o vixente curso, o informe puido comprobar que en 53 dos centros con PLC os materiais presentan "variacións entre a lingua na que se imparte a materia segundo o proxecto e a lingua do libro, reducíndose en todos os casos a presenza da lingua galega, e impedindo o suposto equilibrio lingüístico". 

Pero estas variacións, destaca o estudo, "non se limitan só a estes centros con PLC". En Galicia hai 178 centros de ESO (o 59%) con Edixgal, o programa da Xunta para libros de texto dixitais. "Neste programa só as materias das áreas que deben ser impartidas en galego (Ciencias Naturais e Ciencias Sociais) contan con todos os materiais no noso idioma"

Así, nestes centros a presenza e diversidade de materiais en español é moi superior ao galego, cando non é exclusiva, o que lle garante ao español un mínimo de 52 horas no conxunto da ESO (40,62%) fronte ás 29 do galego (22,65%) e as 16 de outras linguas (12,5%)

Alumnado dun instituto galego CC-BY-SA Xunta

No resto, di o estudo, ou a maior parte da oferta está só en español (Música e Plástica en 3º e 4º da ESO), ou a oferta en galego é minoritaria (1 en galego fronte a 4 en español en Educación física ou Plástica de 1º da ESO ou Educación física e música de 2º). "En cursos como 4º da ESO, ao estaren só en español os libros de troncais como Latín, Economía, Plástica ou Música, aumenta a posibilidade de só se empregar o galego en 9 das 32 horas semanais", di. 

O informe sinala que as limitacións de Edixgal e as modificacións de lingua nos plans formativos provocan que en 220 de 310 centros se "reduza aínda máis a presenza do galego"

En resumo, tendo en conta as limitacións de Edixgal e a diferenza entre lingua que se estabelece nas planificacións dos centros, son 220 centros de 310 nos que se "reduce aínda máis a presenza do galego e onde se limita a posibilidade de planificación dos centros na procura de mellores condicións para a adquisición de competencias lingüísticas en galego polo alumnado".

Facendo os cálculos sobre a distribución horaria semanal na ESO, o informe sinala que nas materias ás que se refire directamente o Decreto 79/2010, "o galego parte de dez horas menos no conxunto da etapa respecto ao castelán, nunha distribución inicial que afecta a 84 das 132 totais". Á dificultade de combinación de horarios por parte do centros, "engádense as que introduce o feito de a maioría dos materias didácticos que a Xunta fornece a través de Edixgal estaren en español e a escaseza das opcións en galego".

Marcos Maceira e Nuria Fociños, na presentación do informe CC-BY-NC-SA A Mesa

Segundo os datos do estudo, ao castelán garánteselle en calquera caso unha presenza mínima de 52 horas no conxunto da ESO (40,62%) fronte ás 29 para o galego (22,65%) e 16 para outras linguas (12,5%). "A abundancia e diversidade de materiais didácticos e libros de texto en español fronte á inexistencia ou escaseza dos mesmos materiais e libros en galego, permite concluír que Edixgal favorece que no conxunto da ESO se desenvolvan 33 sesións semanais en galego, 55 en
castelán, 16 noutras linguas e as 28 restantes tamén en castelán", denuncia. 

"Poderíamos estar a falar de neglixencia absoluta e de desleixo da Xunta na aplicación do seu propio decreto", dixo na presentación Marcos Maceira, presidente da Mesa. "Todo indica que esta política de eliminación paulatina de calquera presenza do galego nas aulas é intencionada e está prefectamente calculada. Non é que se incumpra unha parte dun decreto, é que se incumpren todos os elementos que garanten un mínimo para o galego e nomeadamente aqueles que xa estaban no decreto 124/2007 derrogado por Rueda e Feijóo en 2010".

"Inexistencia" de avaliación entre profesorado

Ademais, o informe destaca que neste feito tamén "inflúe a prohibición de uso de galego nas materias da áreas de Matemáticas, Física e química e Tecnoloxía mais Edixgal introduce un novo veto ao galego: nas optativas de 3º da ESO non hai posibilidade de contar cos materiais dixitais en Educación Plástica e audiovisual, Música ou Cultura clásica e para 4º da ESO a limitación de uso do galego afecta a Educación plástica e audiovisual, Música, Economía, Latín, Cultura Clásica e Filosofía".

Por último, A Mesa lembra que o decreto do plurilingüismo obriga a desenvolver un plan de formación que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galiza e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego e un coñecemento da situación sociolingüística de Galicia. 

No seu informe, consultados os plans de formación desde o curso 2017/18 ata hoxe, confírmase "a inexistencia de calquera acción da Consellería relacionada con isto". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.