En vésperas da celebración do Día das Letras, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo un encontro coa candidatura do Bloque da Coruña, encabezada por Francisco Jorquera, e con creadores e creadoras de contidos en galego para abordar a situación do idioma logo de, segundo a líder nacionalista, catorce anos de normativa “língüicida” do PP.
Pontón acusou á lexislación sobre a lingua dos populares de ter provocado "unha caída en picado do uso e da compresión da propia lingua" e advertiu de que o BNG será "un axente activo" a favor da lingua fronte ao PP, ao que acusou de "terminator do galego".
Pontón contrapón un BNG "axente activo do fomento, impulso e prestixio" do galego fronte a un PP "terminator" da lingua galega
"Os concellos BNG serán axentes activos do fomento, impulso e prestixio do noso propio idioma, porque é unha riqueza, un sinal de identidade e de orgullo que debemos potenciar e porque o galego non ten límites”, dixo Pontón, que como propostas municipais concretas sinalou as de "poñer en marcha un servizo específico de normalización lingüística dotado de medios e de persoal, o uso do galego como lingua oficial de comunicación en todas as áreas e ámbitos da acción dos gobernos locais e a colaboración coas entidades sociais".
Tamén apostou por medidas encamiñadas a fomentar o uso do idioma no tecido empresarial, no comercio e en todo tipo de negocios; o galego como lingua de atención e comunicación verbal e documental do concello, así como poñer en marcha campañas de normalización do uso da nosa lingua en todos os ámbitos.
“Os resultados mostran que o cacarexado plurilingüismo do PP é un timo, unha fraude que conduce ao monolingüismo: menos galego e máis castelán. E así o mostran todos os datos oficiais”, denunciou Pontón, que lembrou os seus "efectos letais para a lingua": "Por primeira vez deixou de ser o idioma maioritario da sociedade; o 24% da poboación menor de 14 anos recoñece que non sabe falar galego e por primeira vez en democracia un goberno prohibiu por decreto aprender en galego materias como matemáticas, física, química e tecnoloxía".
Ademais, Pontón agradeceu a participación dos creadores e das creadoras de contidos en galego que asistiron ao encontro, xeradores de contidos no propio idioma nas redes sociais, na literatura, no audiovisual e en diversas áreas, porque “fronte ao libro negro do PP, empeñado en desgaleguizar a nosa sociedade, está o libro branco que a sociedade quere escribir en galego.”
Pola súa banda, o candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, considera “imprescindíbel” que o futuro goberno local desenvolva a Ordenanza do Galego, aprobada neste mandato por iniciativa da formación nacionalista.
“É imprescindíbel aplicar a ordenanza e impulsar políticas desde o Concello que normalicen o uso da nosa lingua en todos os ámbitos”, defendeu. “Ese é o compromiso que asume o BNG”, engadiu. “Na Coruña temos un riquísimo tecido de creadoras, creadores e empresas culturais e doutros ámbitos que fan do galego o seu medio de expresión. Ese tecido haino que apoiar decididamente desde o Concello, en diálogo permanente con toda a xente que crea riqueza a partir da nosa lingua”, concluíu.