A ordenanza vén corrixir a significativa ausencia desta norma, que foi aprobada en Vigo e Compostela en 1988, en Ferrol en 1997, en Ourense en 1998, en Pontevedra en 2004 e en Lugo en 2012
O pleno municipal da Coruña aprobou este xoves a proposta de ordenanza para o uso da lingua galega no Concello. A iniciativa contou cos votos a favor de PSdeG, Marea Atlántica, BNG e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo. O PP, pola súa banda, abstívose, sinalando varias eivas de procedemento e tramitación que presenta a norma, como a ausencia dunha consulta pública previa, a presenza dalgúns erros técnicos ou a existencia de tres informes xurídicos contraditorios, problemas tamén sinalados pola Marea Atlántica, que criticou os "erros e a opacidade" na súa tramitación por parte do Goberno municipal.
A aprobación da ordenanza supón en todo caso un grande avance na protección dos dereitos lingüísticos na cidade e vén corrixir a significativa ausencia desta norma, que foi aprobada en Vigo e Compostela en 1988, en Ferrol en 1997, en Ourense en 1998, en Pontevedra en 2004 e en Lugo en 2012. Ademais, a Deputación provincial da Coruña aprobou or unanimidade. unha norma semellante no ano 2017.
A norma busca garantir o respecto ao dereito das persoas galego-falantes a seren atendidas en galego no Concello da Coruña e nos servizos que del dependen
A norma busca garantir o respecto ao dereito das persoas galego-falantes a seren atendidas en galego no Concello da Coruña e nos servizos que del dependen. Así mesmo, quérese garantir a presenza do galego nas campañas publicitarias, nas publicacións, nas compras de bens e materiais, na contratación de servizos, na sinalización e rotulación, na formación do persoal, no respecto da toponimia e nomes das rúas. Tamén se aposta por un maior esmero na calidade da lingua e no emprego dunha linguaxe inclusiva.
A iniciativa contou cos votos a favor de PSdeG, Marea Atlántica e BNG. O PP, pola súa banda, abstívose, sinalando varias eivas de procedemento e tramitación que presenta a norma
A aprobación da ordenanza foi cualificada de "votación histórica" por parte do BNG, que destaca que é produto do Acordo de Investidura asinado co grupo socialista en xuño de 2019. Para o BNG, a ordenanza abre "unha nota etapa na normalización lingüística na nosa cidade" e sinala que "corrixe un déficit histórico do Concello da Coruña co galego”.
A maior parte do contido do documento foi elaborado no mandato municipal anterior, pero a ordenanza non puido ser aprobada nese momento. Marea Atlántica presentou unha emenda, que foi rexeitada, na que propoñía a creación dun Consello Local da Lingua, "un foro cívico, técnico e político lle dea o maior respaldo posible ao futuro Plan de Normalización Lingüística". Marea Atlántica tamén solicitaba que a obriga de usar o galego non se lle aplique só ao goberno local e os seus altos cargos, senón ao conxunto da Corporación. E que se reforce o Servizo de Normalización Lingüística con funcións de asesoramento á administración local e máis recursos, nunca inferiores ao 1% do orzamento anual do Concello.
Para o BNG, a ordenanza abre "unha nota etapa na normalización lingüística na nosa cidade"
Coincidindo coa aprobación da ordenanza, activistas da Mesa pola Normalización Lingüística concentraranse na praza de María Pita, para celebrar a aprobación da ordenanza, 38 anos despois da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, un acto que contou coa presenza de Fran Rei, Moncho do Orzán, Carme Fernández, María Xosé Bravo, Mitas Valencia, Belem Tajes, Isabel Risco e Celia Armas.
Armas subliñou que "desde o goberno municipal da nosa cidade houbo moitos momentos nos que se estivo a traballar arreo non só para ocultala senón mesmo para extirpala do seu topónimo legal". E lembrou que no ano 2006 Pilar García Negro, Xosé Manuel Carril e Francisco Rei foron xugados por protestar nun pleno onde o daquela alcalde, Francisco Vázquez, quixo facer cooficial a forma detuparda do topónimo xunto coa única e legal, A Coruña.
A Coruña é o concello con máis falantes habituais de galego, en termos absolutos
Nós Televisión realizou o pasado verán unha reportaxe sobre o uso do galego pola cidadanía da Coruña, desbotando algúns dos mitos existentes sobre a falta de utilización da lingua galega na cidade. Como adoita lembrar Xurxo Souto, A Coruña é o concello que ten máis galegofalantes en cifras absolutas, un argumento que confirma o Instituto Galego de Estatística nos seus últimos datos sobre uso habitual da lingua.