"A realidade sociolingüística aféctanos a toda a cidadanía de Galicia, fales galego, castelán ou outras linguas. Pero precisamos dunha reflexión desde abaixo", asegura o sociolingüista Fernando Ramallo, que publica 'Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua' (Xerais)
Que pasa co galego? Non é unha pregunta que sexa allea a quen teña un mínimo interese na nosa lingua. A resposta, pola contra, acostuma a ofrecerse en foros especializados ou a través de discursos máis ben académicos. O libro Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua, publicado por Edicións Xerais, está escrito polo catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo Fernando Ramallo (Vigo, 1965), que formou parte do Comité de expertos da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa, pero diríxese ao conxunto da sociedade que convive coa lingua. Nel atópanse cuestións como o uso do galego nas redes sociais, o bilingüismo, a relación coa Lusofonía, a intelixencia artificial, os dereitos lingüísticos ou a influencia do capitalismo sobre a lingua galega. Cun ton rigoroso, pero divulgativo, Ramallo ofrece unha nova canle para facilitar a comprensión da problemática actual do galego.
Por que decide preparar este libro, con esta estrutura, e por que agora?
Levo bastantes anos traballando sobre a cuestión social da lingua galega e nestes anos foron xurdíndome preguntas para intentar entender eu mesmo a situación. Nun serán de reflexión anotei cincuenta preguntas, que ao final saen menos porque fun eliminando repeticións, pero entendín que esta podía ser unha forma de tratar de axudar a clarificar algunhas dúbidas sobre a lingua galega no conxunto da poboación. Nese sentido, é un libro máis para a sociedade no seu conxunto ou para o sistema educativo, que para o ámbito académico máis especializado. Pensei que ademais de dar as respostas, que seguro que outros poden tamén responder mellor, era importante facer as preguntas axeitadas.
Non é doado atopar textos eminentemente divulgativos sobre a nosa lingua e é necesario que se poida producir un debate sobre o galego entre a xente que non o estuda, non?
Esa é cuestión. A situación lingüística de Galicia está ben estudada, pero sempre botei en falta máis divulgación. Haina, de feito na última pregunta recollo unha serie de traballos para quen queira ampliar a información. Pero por que non se len nos institutos traballos sociolingüísticos? Sei que algo se le, e tamén que faltan materiais, por iso a idea deste libro. Apostamos, xunto con Xerais, por poñer en marcha unha liña de traballo que continúe a iniciada con Que pasa co galego?, cunha serie agora xa centrada en temáticas concretas. Xa están en marcha tres libros: un terá preguntas sobre o bilingüismo, outro sobre o neofalantismo e un terceiro sobre a lingua nas redes sociais.
A realidade sociolingüística aféctanos a toda a cidadanía de Galicia, fales galego, castelán ou outras linguas. Pero precisamos dunha reflexión desde abaixo. Estes son libros para promover a concienciación e cada quen que se manifeste como considere.
"Eu creo que se poden facer outro tipo de políticas públicas sen ningún tipo de asunción desa falacia do 'bilingüismo harmónico' que non leva a ningures"
Hai unha pregunta específica no libro sobre os prexuízos cara ao galego, que quizá son os que máis chaman á atención. Apunta que para mudar estes prexuízos hai que traballar no fortalecemento dun suxeito lingüístico crítico, consciente, respectuoso... Hai algunha política pública agora en Galicia destinada a isto?
As políticas lingüísticas son a consecuencia e, asemade, a causa da minorización lingüística. Son consecuencia no sentido de que empezan –décadas atrás– para mellorar a situación do galego pero o que fixeron neste tempo foi fortalecer esa minoración. Por suposto, houbo campañas ao longo deste tempo para posicionar o galego fóra deses prexuízos, pero as políticas lingüísticas non se poden facer só de arriba a abaixo. O sistema educativo e os medios de comunicación xogan papeis fundamentais nisto porque non sei se todo o mundo é consciente das políticas públicas, que as veces están implícitas. As administracións deben promover accións específicas para loitar contra os prexuízos, pero non se pode esquecer que os seres humanos estamos cheos de prexuízos e non é tan doado desactivalos. De certo, é moi lamentable que unha sociedade do século XXI teña prexuízos lingüísticos. Hainos en todas as linguas, non soamente nas minorizadas, por iso persisten aínda que van mudando cos tempos. Está claro que desde as administracións pódese facer moito máis e, en concreto, tamén desde os medios de comunicación públicos e a educación, que debera incorporar unha perspectiva sociolingüística crítica nas súas ensinanzas para crear ese suxeito autónomo e consciente e non resiliente.
Analiza no libro a situación social do galego, melloraría esta situación cun cambio de políticas na Xunta?
Se desde a Xunta se lle dá unha prioridade absoluta ao tema da lingua, con políticas específicas e cunha redistribución dos recursos si, claro que se pode. Eu creo que se poden facer outro tipo de políticas públicas sen ningún tipo de asunción desa falacia do 'bilingüismo harmónico' que non leva a ningures.
"Non se poden facer cousas pensando nunha lexislatura, agora ben, hai que comezar radicalmente con cambios de raíz: fundamentalmente nos medios de comunicación públicos e no sistema educativo"
E eses cambios, de chegar a producirse un cambio nas políticas, canto tempo tardarían en notarse? É posible mudar algo nunha lexislatura?
Estamos nun momento xa delicado, nos últimos anos non houbo os avances necesarios. Aínda con políticas conscientes, ben formuladas e enfocadas, e ben dotadas orzamentariamente non é tan doado que os cambios se poidan notar en catro anos. Non, un cambio radical non pode haber. Pero na altura duns quince anos si poderiamos ter unha sociedade que supere a minoría de idade en termos da cuestión lingüística e que sexa máis capaz de tomar decisións. Non se poden facer cousas pensando nunha lexislatura, agora ben, hai que comezar radicalmente con cambios de raíz: fundamentalmente nos medios de comunicación públicos e no sistema educativo. Parte da clave é captar todo o neofalantismo que poidamos. É doado? Non, pero precisamos medidas realistas e non só relato. Se non comezan os cambios estruturais non teño claro que poidamos ter un galego reactivado.
Fai moitas referencias aos medios de comunicación públicos, que papel deberan xogar e por que son tan destacados desde unha perspectiva sociolingüística?
Os medios constitúen un elemento fundamental na vida da maioría das persoas. Sen medios de comunicación comprometidos e que aposten a fondo polo galego a cousa está complicada. E nos medios de comunicación públicos non soamente importa que emitan as 24 horas en galego, senón tamén o tipo de programación: precisamos unha oferta pensada para as necesidades da sociedade e non de quen manda.
"Esa vixilancia social é moi grave, aquí ninguén fala perfecto nada"
No caso dos neofalantes afondará máis no vindeiro libro, pero neste apunta que desaparecen cando xa se inclúen como falantes 'normais' dunha lingua cando esta deixa de estar considerada, á vez, como minorizada. Podería pasarnos en Galicia isto?
Nestes momentos non porque o neofalantismo é un grupo pequeno. É activo, consciente, reflexivo, crítico... É un suxeito fundamental, pero segue a ser un suxeito moi minoritario. O que si hai é un número moi relevante de neofalantes potenciais e aí fai falta motivación e concienciación. Eu sempre digo que o futuro está nos neofalantes, pero para iso ten que haber unha amplitude no neofalantismo, entendido por aquelas persoas que falaban castelán e agora falan galego.
Dificulta que haxa moita xente atenta aos erros tanto gramaticais como ortográficos que se producen na fala ou na escrita do galego?
Esa vixilancia social é moi grave, aquí ninguén fala perfecto nada. Por suposto que hai que esixirlle ao neofalante que mellore e que se esforce, pero de aí a que xa nas primeiras de cambio reciba correccións ou reprimendas por colocar mal un pronome... Hai que poñer sobre a mesa que as portas están abertas e que todo o mundo pasa un proceso de aprendizaxe no que vai mellorando o seu galego, como no meu caso. Pero non se lle pode restar valor o feito de que hai persoas que nos facemos neofalantes por concienciación, por preguntarnos: que podo facer eu para salvar o galego? É unha idealización, unha fantasía, pero non importa, serve para meterme no medio e sumar falantes para contribuír. Non podemos estar continuamente sancionando.