O Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa vén de publicar o seu sexto informe de avaliación sobre o cumprimento desta norma no Estado español, que a ratificou hai xa máis de dúas décadas. No relativo a Galicia, o informe ten algúns aspectos menos críticos que noutras ocasións, pero segue detectando eivas en sectores sensibles como a sanidade, a xustiza ou o ensino.
Outra volta, o Consello reclama "eliminar as limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias escolares de ciencias
O amplo documento, baseado no detectado por este comité nas visitas realizadas a principios deste 2024, conclúe que para mellorar a situación do noso idioma cumpriría aplicar unha ducia de recomendacións. Catro delas, "de acción inmediata" e outras oito, con maior horizonte temporal. Diríxense especialmente á Xunta, aínda que tamén atinxen nalgúns casos ao Goberno de España.
Entre as primeiras destaca a "eliminación das limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias escolares de ciencias nun contexto no que ademais, reiteran, "só está presente nunha parte das escolas infantís". Canda elas, reclaman "tomar medidas para asegurar o uso do galego" nos servizos de atención social e sanitaria.
O Comité subliña que en hospitais ou residencias o galego está presente "nos sinais e na documentación", pero "o persoal sanitario non está formado para ofrecer coidados en galego"
Sobre este segundo aspecto, o comité de expertos detecta que en Galicia está a deteriorarse o cumprimento do obxectivo da Carta relativo a "asegurar" que "as instalacións de atención social como hospitais, residencias da terceira idade e albergues ofrecen o uso do galego". Nestes servizos, conclúe o informe, existe un uso formal do galego "nos sinais e na documentación" pero "non obstante, o persoal sanitario non está formado para ofrecer coidados en galego" e o galego "non é un requirimento" para o persoal médico. Nas residencias, asemade, "o castelán é usado na ampla maioría de actividades".
Esta eiva está intimamente relacionada con outras das detectadas no informe, relativa ao conxunto das Administracións públicas: "o recrutamento e formación de persoal que fale galego". Trátase dunha esixencia da Carta Europea que só considera parcialmente cumprida nos concellos e na Xunta e incumprida nos servizos do Estado que, exemplifica, mesmo seguen rexeitando documentación en galego.
Alén do ensino e a sanidade, o informe do Consello de Europa volve poñer, como en edicións anteriores, o seu foco na Xustiza. A lexislación, evidencian, "non garante que os tribunais desenvolvan procedementos en galego se o pide unha das partes". Así, se ben "é formalmente posible utilizar o galego" nestes procesos, na práctica ese dereito non está asegurado e por iso, lamentan, "diversos avogados animan os seus clientes a usaren o castelán", en parte "para evitar atrasos", pero tamén "para evitar seren vistos como causantes de problemas".
Respostas da Xunta
"Diversos avogados animan os clientes a usaren o castelán" para evitar atrasos e "non seren vistos como causantes de problemas" nos tribunais, di o informe. A Xunta di estar "moi en desacordo" e acusa o Consello de "socavar a independencia dos xuíces"
O informe do Consello de Europa permite consultar tamén as respostas da Xunta sobre as recomendacións e eivas detectadas. Nesas contestacións o Goberno galego realiza unha defensa xeral do decreto que rexe o uso das linguas no ensino, rexeitando por exemplo que a lingua galega estea vetada nas ciencias porque na ESO e no Bacharelato, din, si se emprega "especificamente" en Ciencias Naturais e Bioloxía e Xeoloxía.
A respecto da sanidade, o Goberno galego asegura estar facendo "esforzos" para mitigar a "escaseza de persoal médico" e, ao tempo, "asegurar que ten a habilidade de usar o galego no seu traballo". Neste sentido a Xunta di que para paliar a falta de persoal, o Sergas está "recrutando persoal médico foráneo que non fala galego", pero só "cando as vacantes non poden ser cubertas con persoal nativo".
No relativo á Xustiza, a Xunta di estar "moi en desacordo" con que existan recomendacións da avogacía sobre non usar o galego nos procesos xudiciais e así evitar "seren vistos como causantes de problemas". "Esa afirmación, alén de carecer dun fundamento académico rigoroso", argumenta, "constitúe un claro menosprezo á independencia dos xuíces", xa que "implicaría que aplican un nesgo lingüístico ao exercicio das súas funcións".