O presidente vese avalado polas eleccións e só contempla cambios no uso do galego no ensino "sobre a base do bilingüismo cordial"
Unha semana despois de que o Consello de Europa instase a garantir a atención en galego no Sergas e a non vetar o seu uso para o ensino de determinadas materias, como as ciencias, este luns pronunciouse ao respecto o presidente da Xunta. Para Alfonso Rueda o informe é máis positivo que negativo xa que "España é con diferenza o país no que máis protección teñen" as linguas cooficiais.
Rueda evitou responder, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, á pregunta directa sobre se a Xunta vai aplicar as recomendacións concretas formuladas polo Consello de Europa. O presidente optou por non facer referencia ao seu informe senón por remitirse ás cifras que reflicten un alto nivel de comprensión do galego entre o global da sociedade. "Se temos estes índices en Galicia é porque o tema da lingua hai moito tempo que está fóra da discusión política", asegurou.
Sobre posibles cambios na súa política lingüística, Rueda asegurou que se os hai gustaríalle "que fose sobre a base do consenso e do bilingüísmo cordial", expresión coa que os gobernos do PP veñen referíndose ás súas propias políticas ao respecto. "A partir de aí pódese falar de absolutamente todo, e a Consellería de Cultura e Lingua está a moverse nese sentido", asegurou.
Malia apelar ás súas propias políticas como base de calquera mudanza, Rueda criticou que outras formacións políticas adopten "a postura de que se non estás de acordo comigo, estás rompendo o consenso". Fronte a esas outras forzas, o popular considera que a súa propia postura vén sendo "avalada cada vez que hai elección".