Unha ducia de campañas de fomento do galego
Desde á Xunta á Mesa pola Normalización Lingüística, pasando pola CTNL, concellos ou diversas asociacións sectoriais. Foron moitas as campañas que desde o final da ditadura se desenvolveron no país para fomentar o uso do galego.
-
01
Que nesta aula se fale en galego, depende de ti
Unha das primeiras campañas de promoción do galego nas aulas do país. A Mesa pola Normalización Lingüística, apoiada por sindicatos e diversas organizacións, lanzou esta iniciativa hai xa ben anos.
-
02
Fálalle galego
Xa en 1985, a Xunta de Galicia levou a cabo unha campaña na que animaba os pais a falarlle en galego aos seus pequenos. Temos aqueles onde goberno conservadores impulsaban a lingua propia entre os máis novos.
-
03
Entre nós, en galego
Entre nós, en galego foi unha campaña promovido polo último goberno de Manuel Fraga na Xunta de Galicia. Con ela, a Consellería de Educación pretendía "motivar as novas xeracións cara ao uso da lingua galega" a través de concursos de poesía, contos, teatro ou música.
-
04
Cóntallo en galego
Cóntallo en galego foi unha campaña desenvolvida durante o goberno bipartito que buscaba o fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar e que desenvolveron de maneira conxunta a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Galaxia.
-
05
Mil festas máis para a lingua galega
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, levou a cabo a campaña Mil festas máis para a lingua galega, cuxo obxectivo principal era o fomento social do uso do idioma, nomeadamente nas festas patrimoniais de Galicia.
-
06
Deportistas implicados
Espello Deportivo foi un proxecto de dinamización lingüística no que tres deportistas olímpicos e paralímpicos (Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra) mantiveron encontros cos integrantes das escolas deportivas e entidades municipais de varios concellos de Galicia e nos que destacaron o emprego do galego como valor identitario no deporte.
-
07
O galego campa!
O galego campa! é un programa de dinamización lingüística de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado destinado aos campamentos de verán. O obxectivo é "favorecer o desenvolvemento da actividade en galego no contexto dos campamentos de verán da Xunta e mais facilitarlle formación e recursos ao monitorado para a realización de actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresaren nesta lingua".
-
08
Abertos ao galego
Abertos ao galego é un certificado que se concede, en diferentes niveis, ás empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. É A Mesa pola Normalización Lingüística a que leva a cabo esta campaña desde hai xa tempo e coa que premia anualmente firmas polo seu compromiso coa lingua propia.
-
09
En galego, consumo gusto
O Foro E. Peinador e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística lanzou hai xa tempo unha campaña animando ao uso da lingua galega na etiquetaxe. A En galego, consumo gusto uníronse importantes marcas de viños, aceites, augas minerais, bebidas carbónicas, produtos cárnicos, lácteos ou conservas que etiquetan os seus produtos en galego e foi apoiada por importantes persoeiros.
-
10
Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Linguística abriu un espazo para "mostrar o orgullo que temos os galegos e as galegas pola nosa lingua". "Sexa cal sexa a cor da nosa pel, onde naceramos, de quen veñamos sendo, ou se nos gusta máis a lúa ou o sol, somos moitos e moitas os que estamos orgullosos de termos unha lingua propia", defendía a Coordinadora tras a instauración do polémico decreto do plurilingüismo e tras a difusión de carteis, lemas e un vídeo con importantes persoeiros.
-
11
Como cho digo ;)
A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) lanzou hai poucas semanas esta última e exitosa campaña na que pretende a "visibilización do uso do galego na comunicación". Así, xunta diferentes personaxes públicas que reivindican que os medios respecten e reflictan en lingua galega as declaracións ou actos públicos que realizan neste idioma.
-
12
Gústame o galego
Quizais a máis exitosa e popular campaña a prol do galego que se lembra. Idea, tamén, da CTNL, un photocall percorreu institucións, vilas, cidades e festas de toda Galicia para que a xente amosase o seu amor polo galego e polas diferentes formas de expresarse nel. Milleiros de persoas, entre elas moitas coñecidas, posaron para Gústame o galego.