O avogado do Estado dique os Franco exerceron lunha "posesión tolerada" aínda que "viciada" do Pazo, adquirido polo ditador mediante unha "fraude"
Franco "apropiouse ilicitamente" do Pazo de Meirás mediante "unha fraude", simulando unha compravenda cando o inmoble xa fora doado --mediante coaccións e en plena guerra-- ao xeneral fascista na súa calidade de xefe de Estado. Esa foi a argumentación do avogado do Estado xefe en Galicia, Javier Suárez, nas conclusións finais do xuízo para reclamar a devolución das Torres como "ben público".
Segundo o letrado do Estado, que demanda a recuperación do Pazo para o patrimonio público, os herdeiros de Franco exerceron logo unha "posesión tolerada" aínda que "viciada" dun ben que foi adquirido polo ditador a través da devandita "fraude".
"Estamos ante un título simulado que busca xerar a aparencia de que Franco o adquiriu", resumiu Suárez en referencia á escritura de 1941. Do mesmo xeito, o letrado apelou ao protocolo notarial de 1938 polo que o Xunta pro Pazo adquiriría o inmoble mediante un proceso de "natureza coercitiva", en alusión á denominada subscrición popular, que no xuízo quedou evidenciada como un proceso de coacción e en plena represión fascista.
"Estamos ante un título simulado que busca xerar a aparencia de que Franco adquiriu o Pazo"
Segundo o avogado, "silenciouse a doazón ao Estado, silenciouse a intervención da Xunta pro Pazo e dáse a aparencia de que estamos ante unha compravenda normal", insistiu o avagoda, que baseou a súa argumentación na tese xa desenvolvida en anteriores investigacións e no informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña. Neste, advertíase de que a transmisión do Pazo á familia Franco fixérase a través dun contrato simulado en 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado. Xa que logo, as Torres foron vendidas dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando o inmoble xa era residencia do Xefe do Estado tras un acordo anterior.
"É unha fraude", insistiu sobre esta escritura de 1941 que tería facilitado "habilitar unha posesión polos herdeiros de Franco". "Unha posesión viciada que impediu a actuación do lexítimo propietario", dixo sobre o Estado, do que defendeu, en base aos documentos e declaracións no xuízo, os seus investimentos no inmoble durante anos.
"O dominio público é imprescritible", respondeu aos Franco, que argumentan unha usucapión extraordinaria --modo de adquirir unha propiedade pola súa posesión durante un tempo-- para defender que é unha propiedade privada.
Para o avogado do Estado, Franco non adquiriu o Pazo porque os posibles títulos de adquisición que se lle atribúen, o de 1938 e 1941, "son nulos, o primeiro por defecto de forma e o segundo por simulación absoluta".
O avogado dos Franco, pola súa banda, negan que a escritura de 1941 do Pazo de Meirás sexa "nula" e sosteñen que o Estado "se desentendeu" do inmoble. O letrado defende que a posesión corresponde a "un xusto título" e argumentou que o inmoble foi doado a Franco a título persoal e non como xefe do Estado. "Non o pagou el, non o discutimos", dixo quen asegurou que o pergamiño de 1938, relativo á compra do inmoble pola Xunta pro Pazo aos aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán "non serve de título de adquisición". "Non tiñan o título sucesorio", engadiu.
Os argumentos do avogado do Estado coinciden coas declaracións da subdelegada do Goberno central na Coruña, Pilar López-Riobbo, que cre "constatado" durante o xuízo que o inmoble é "un ben público". "Espero que quede demostrado", dixo.
O Goberno central consdiera "constatado" que o Pazo de Meirás é "un ben publico"
Pola súa banda, o letrado da familia Franco, Felipe Utrera Molina dixo ser "optimista" e confiar na xustiza", mentres que o avogado do Concello de Sada asegurou que son "moitos os factores" implicados no caso e lamentou a tardanza en pór en marcha a denuncia por parte da Avogacía do Estado. "Quizais se tardou bastante en accionar porque se presentou en 2019 e Franco morreu en 1975", rematou.