A Xunta prepara un plan de desescalada para o sector da hostalería en Galicia naquelas vilas e cidades onde se mantén pechada polas restricións. Trátase dunha proposta de reapertura dos establecementos en catro fases, vinculada cada unha delas á situación epidemiolóxica e de capacidade asistencial de cada localidade, e que implica o aumento progresivo da capacidade máxima do local, dos horarios e dos grupos de clientes.
A Xunta propón un plan de desescalada en catro fases, aumentando progresivamente a capacidade, os horarios e os grupos de clientes
O plan foi debatido e presentado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión que xunto á conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, e ao de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo este luns con representantes do Clúster de Turismo e das asociacións provinciais de hostalería de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Sería aplicable a partir da vindeira fin de semana.
O plan de desescalada será analizado e, no seu caso, aprobado este martes na reunión do comité clínico que asesora a Xunta e que será quen defina os criterios epidemiolóxicos e hospitalarios que se fixarán para que en cada localidade os locais de restauración poidan avanzar de fase.
O comité clínico definirá este martes os criterios epidemiolóxicos e hospitarios que se fixarán para que a hostalería poida avanzar de fase na súa localidade
"A intención da Xunta é facer unha desesacalada da hostalería gradual e por niveis. O paso dun nivel a outro virá determinado por criterios obxectivos sanitarios”, aclarou Rueda sobre un plan que estará enfocado aos municipios de máis de 10.000 habitantes e que parte da situación de peche total ao que están sometidos boa parte dos locais hostaleiros de Galicia polas restricións nas principais vilas e cidades. Velaquí as fases propostas:
Fase 1: 30% en interior, 50% en terrazas e ata as 17h
A primeira das fases consistiría na apertura cun 30% de capacidade no interior e un 50% en terraza e cun horario máximo ata as 17 horas. En principio, só poderían xuntarse grupos de convivintes, aínda que o sector da restauración pediu á Xunta que abrise a man á posibilidade de xuntarse non convivintes cun límite de catro persoas e sempre que se manteñan as restricións de mobilidade entre concellos ou áreas de municipios.
O comité clínico debe decidir se o límite da incidencia acumulada a 14 días para poder abrir a restauración queda en 250 ou 200 contaxios por 100.000 habitantes
O comité clínico deberá decidir cales son os criterios epidemiolóxicos e hospitalarios que se deberán cumprir para que a hostelería abra as súas partes con estes límites. No caso da incidencia acumulada (IA) a 14 días, fontes do sector hostaleiro advirten de que a idea inicial da Xunta é que só se active esta fase nos concellos onde a IA sexa de menos de 250 casos por 100.000 habitantes, unha situación que, no caso das cidades, cumpren Santiago (105,9), Ourense (109,3), A Coruña (162,8) e Ferrol (225,5), aínda que este límite podería subir a 200.
Fase 2: aumenta o horario ata as 23h
A fase 2 mantería os mesmos límites de capacidade que a fase 1 (30% no interior e 50% en terraza), pero o horario de peche sería ás 23 horas e con agrupación de persoas non convivintes ata un máximo de seis. Segundo as mesmas fontes, a proposta --a confirmar ou modificar polo comité clínico-- para o pase á segunda fase contempla que o municipio teña unha incidencia acumulada a 14 días de menos de 200 casos por cada 100.000 habitantes, unha situación que, no caso das urbes, unicamente cumpren A Coruña, Compostela e Ourense.
Segundo o límite que se marque para a entrada nesta fase 2, que podería ampliarse a unha IA de 150, serán Ourense e Compostela --as primeiras que sufriron restricións nesta segunda onda da pandemia-- as primeiras tamén en entrar directamente na fase 2. De manterse a proposta de poñer o limiar nos 200 casos de IA a 14 días, A Coruña podería ser tamén incluída.
Fase 3: 50% no interior e 75% en terraza
No seguinte nivel, a capacidade dos establecementos aumentaría, pasando a ser dun 50% no interior e dun 75% no exterior, co peche tamén establecido ás 23 horas. Será o comité clínico quen decida que IA en cada municipio será necesaria para permitir abrir os locais nestas condicións: 150 ou menos.
Fase 4: "Case normalidade"
A última fase do plan de desescalada será a de "case normalidade", cos establecementos abertos sen restricións de capacidade máxima pero si con limitacións de horario. Só será posible chegar a esta fase cun nivel moito maior de control da pandemia. Logo desta fase viría a "normalidade" total, segundo avanzou a Xunta.
Na reunión celebrada este luns, os representantes do sector hostaleiro formularon á Xunta a posibilidade de levar a cabo un plan piloto nunha pequena localidade. Consistiría en abrir os locais de restauración, coas limitacións que se acorden, e estudar ao detalle o nivel de contaxio e brotes provocados nestes establecementos.
Feijóo anuncia "boas novas" para a hostalería
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este luns a posibilidade de "boas novas" para a hostalería "en boa parte" de Galicia e "antes" da chegada da ponte de decembro. Malia que non quixo concretar que cidades ou vilas poderían levantar restricións á hostelería, si se mostrou "optimista" para suavizalas naquelas urbes que empezaron antes coas limitacións, como Ourense e Compostela.
En todo caso, será este martes cando o comité clínico estableza os baremos e tome unha decisión sobre unhas medidas de apertura que serían aplicables desde o vindeiro fin de semana.