Galicia afronta a nova xeira de restricións da pandemia con máis de 300 casos diarios da COVID

Cribado da COVID-19 en Muros a finais de outubro CC-BY-SA Sergas

O Servizo Galego de Saúde engadiu este 2 de decembro ás súas estatísticas 369 novos casos positivos do coronavirus, 328 deles diagnósticos mediante probas PCR. Ás portas da nova fase de restricións, na que regresan os encontros entre persoas non conviventes e a actividade hostaleira a todo o país, a media diaria de diagnósticos a sete días segue por riba dos 300, un nivel moi semellante ao de finais de outubro pero cunha tendencia completamente inversa, agora claramente descendente.

O Sergas suma 369 novos positivos e dez falecementos mentres os principais indicadores da pandemia manteñen a súa xeira descendente 

Sanidade ofrece estas cifras xunto á confirmación doutros 10 falecementos de persoas que contraeran a COVID-19, dous das vinte e catro horas previas e outros oito do pasado martes. Tres destas persoas viviran en residencias de maiores ou persoas con dependencia e unha delas era un mozo de 28 anos que vivía nun centro para persoas con discapacidade de Mos e estaba hospitalizado en Vigo. Ademais, faleceu unha muller de 82 anos hospitalizada en Lugo e chegada da residencia San Salvador de Guntín e, no mesmo hospital, outra paciente de 74 anos que vivira na residencia de Vilalba.

Sanidade confirmou tamén as mortes de dous homes de 84 e 68 anos e dunha muller de 88 en hospitais da Coruña, un home de 97 anos e unha muller de 67 anos hospitalizados en Ourense. Tamén faleceu un home de 93 anos no hospital do Salnés e unha muller de 80 ingresada en Ferrol.

Incidencia dispar por comarcas e concellos

Como vén sucedendo nas últimas semanas, tanto a evolución como a foto fixa da pandemia é dispar entre áreas sanitarias, por comarcas e mesmo entre concellos. A incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días segue descendendo aos poucos para o global de Galicia e sitúase agora en 232 casos. Pero mentres hai concellos e comarcas que superan amplamente ese nivel -caso por exemplo de zonas de Bergantiños e da Costa da Morte, do Eume ou das áreas de Vigo e do Salnés-, ata 69 non rexistraron ningún caso novo nas últimas dúas semanas. [O novo plan COVID da Xunta permite encontros de non conviventes e abrir a hostalería con catro niveis de restricións]

Como amosa o mapa sobre estas liñas, o groso dos concellos sen novos casos nestes 14 días sitúanse na provincia de Ourense, na montaña de Lugo e tamén na Mariña. No que atinxe ás cidades, as que se atopan en mellor situación neste indicador son as dúas que se dispoñen a abandonar longos peches perimetrais: Santiago (101) e Ourense (105). Na banda contraria está a cidade de Pontevedra, con 307, aínda que tamén vén trazando unha liña descendente.

Positividade descendendo cara ao 5%

Tamén a taxa de positividade das probas PCR -nas últimas vinte e catro horas foron procesadas algo máis de 6.500- apunta a un certo acougo da evolución da pandemia. A media diaria de PCR positivas na últimas semana continúa a baixar e a achegarse aos poucos ao limiar do 5%, que a Organización Mundial da Saúde considera como referencia para dar por controlada a pandemia.

O valor galego sitúase agora no 5,33% e aínda que todas as áreas describen liñas descendentes agás Ferrol -puntualmente á alza-, a positividade media aínda segue sendo máis elevada que a media galega na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, polo momento por riba do 7,5%. Neste indicador, a mellor evolución é tamén a de Santiago e Ourense, con positividades medias por baixo do 5% dende hai varios días e, no caso ourensán, mesmo descendendo alén do 3%.

Por riba das 400 hospitalizacións

Onde a melloría segue a chegar con maior lentitude é nos hospitais. Lonxe do agardado "reseteo" -en verbas do presidente da Xunta ao presentar o paquete de restricións de hai un mes-, o número de persoas con test positivo da COVID-19 que precisa atención hospitalaria é practicamente o mesmo que a principios de novembro, aínda que a tendencia descendente semella acelerar nos últimos días. O total de hospitalizacións son agora 431 (30 menos), se ben continúa habendo nas UCI 67 persoas (-2) con infección activa do coronavirus.

Como adoito, cómpre ter en conta que a carga hospitalaria ligada á pandemia sempre adoita ser maior que a reflectida nestas cifras. A razón é que, en virtude dos protocolos vixentes, as persoas infectadas que precisan hospitalización desaparecen da estatística cando pasan a dar positivo aínda que, por razón do seu estado de saúde xeral, precisen continuar ingresadas máis tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.