O incremento da incidencia acumulada do coronavirus en Galicia levaba perdendo forza dende mediados de xaneiro e agora, nas portas de febreiro, xa é posible afirmar que comeza a frear. Tras chegar máis arriba ca nunca, a incidencia acumulada a 7 días (casos novos por cada cen mil habitantes na última semana) descende dende o mércores da pasada semana. Ademais, no último día completo con datos dispoñibles (o sábado, día 30), a incidencia a 14 días é máis baixa que na xornada anterior por primeira vez dende o día de Nadal.
Tras chegar a niveis inéditos, a incidencia acumulada a 7 días xa comezou a descender e o indicador a 14 días semella chegar ao pico da terceira vaga
A incidencia a 7 días emprendeu xa a senda ascendente e o mesmo indicador a 14 días semella estar a piques de facelo nun contexto no que, ademais, os principais indicadores epidemiolóxicos aínda non reflicten efecto ningún do paquete de restricións implantado pola Xunta a pasada semana. Si seguen reflectindo a vaga expansiva dos contaxios das semanas das festas do Nadal, Aninovo e Reis e tamén o seu impacto en forma de carga hospitalaria e mortes.
Este luns, o Servizo Galego de Saúde agrega ao seu cómputo 963 casos novos da COVID-19, 880 deles diagnósticos mediante PCR. Este dato, resultante dos positivos rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, é relevante porque supón a primeira xornada dende o 12 de xaneiro na que o Sergas suma menos de mil novos casos. En termos de días naturais, o último completo dispoñible (o sábado 30) aínda estivo por riba do milleiro con 1.147, a cifra máis baixa dende o 17 de xaneiro.
O comezo do acougo a partir das cifras máis elevadas dende o comezo da pandemia tamén se reflicte na media diaria de diagnósticos por PCR na última semana. Esta variable semella que tamén superou o pico da terceira vaga e comeza a trazar unha liña descendente, aínda que polo momento en niveis moi altos: máis de 1.200 diagnósticos novos de media diaria na última semana.
Outro pico na hospitalización xeral e nas UCI
As 1.452 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID supoñen outro récord da pandemia, aínda que o incremento semanal é menor ao de hai sete días
Atendendo ás previsións do persoal sanitario e aos precedentes das anteriores vagas da pandemia, mesmo no caso de que o devandito freo na cifra de novos casos se consolide nos últimos días, habería que agardar aínda arredor dunha semana -no mellor dos casos- para que o alivio chegue aos hospitais. Polo momento, os centros hospitalarios galegos seguen máis presionados ca nunca pola pandemia e este luns marcan un novo pico de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19, 1.452.
O incremento diario no total de persoas hospitalizadas é moi semellante ao notificado o luns da semana pasada -con datos do domingo correspondente-, con 90 máis que hai vinte e catro horas (hai unha semana eran 88 máis). Non obstante, tamén a sete días vista, o incremento semanal que traen consigo os datos deste luns é de 298 hospitalizacións máis e hai unha semana o incremento semanal era de 415.
As UCI marcan outro máximo da pandemia mentres o total de positivos activos rexistra un descenso por primeira vez dende o 3 de xaneiro, impulsado polo gran número de altas
O ritmo de incremento semanal tamén acouga, pero os hospitais galegos aínda teñen un longo camiño por diante antes da fin da saturación pola terceira vaga da COVID. Isto sucede no conxunto de unidades hospitalarias e especialmente nas de coidados intensivos, que este luns marcan outro máximo de persoas con test positivo do coronavirus ao chegar ás 242. O pico de internamento en UCI da primeira vaga foi de 177.
Todo isto acontece nunha xornada na que as cifras asistenciais do conxunto do Sergas implican tamén outra variación que, aínda que polo momento sexa pouco máis que simbólica, si apunta tamén a unha mudanza. O número de casos activos notificados este luns é de 22.420. Ou, o que é o mesmo, son menos que vinte e catro horas antes por primeira vez dende o 3 de xaneiro ao comezar a computarse un alto número de altas de persoas contaxiadas en decembro (máis de mil por día nos últimos catro días completos dos que hai datos) [a serie completa de casos activos por áreas sanitarias, nesta ligazón]
O segundo mes con máis mortes, o día con máis falecementos
O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia chega ás 1.775
A terceira vaga segue batendo con forza nas cifras de hospitalización e a súa intensidade reflíctese tamén nos indicadores de mortalidade. Á espera do peche definitivo dos datos do mes que vén de rematar, o Sergas xa rexistrou para xaneiro ata 369 mortes de persoas que contraeran o coronavirus. Isto converte o primeiro mes de 2021 no segundo con máis decesos ligados á COVID-19 dende o comezo da pandemia. O total chega así ás 1.775.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, estas cifras chegan despois de que xaneiro rexistrase tamén o que pasa a ser o día con máis falecementos de toda a pandemia en Galicia. Tras as actualizacións dos últimos días por parte do Sergas, o pasado xoves, 28 de xaneiro, rexistra un total de 34 mortes de persoas que contraeran a COVID-19. Ata agora, o día con máis mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia era o 10 de abril, con 31.
A media semanal de falecementos diarios de pacientes coa COVID-19 rolda a vintena nun contexto no que, ademais, os datos de mortalidade seguen traendo consigo detalles relevantes. Un mes despois do inicio da vacinación nas residencias de persoas anciás (a Xunta prevé finalizar en breve a inmunización nestes centros, coa administración da segunda dose) e entre ecos dos encontros do Nadal, a maior parte das persoas falecidas coa COVID-19 seguen sendo de idade avanzada, pero no total de falecementos diminúe o peso dos residentes en centros de maiores e aumenta o da poboación anciá que vivía nos seus domicilios particulares. [Protexer a xeración da guerra e da postguerra, próximo reto do proceso de vacinación contra a COVID]
Un longo camiño para que as baixas incidencias se estendan polo mapa
Con todas estas cifras sobre a mesa, aínda resta un camiño longo ata que as baixas incidencias da COVID-19 se estendan polo mapa de Galicia ou, cando menos, regresen aos niveis de finais do pasado outono. Os concellos sen novos casos rexistrados nos últimos 14 días seguen sendo minoría absoluta (só 14, mentres que a mediados de decembro chegaran a superar o cento).
Os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas son apenas 14 e, mentres, relevantes núcleos de poboación manteñen incidencias acumuladas a 14 días por riba dos mil casos
Mentres, son máis de 180 os municipios que superan os 500 casos por cada cen mil habitantes nos últimos catorce días. En máis de 80 deles, a incidencia dispárase por riba dos mil casos novos por cen mil habitantes en catorce días. Estas incidencias máis elevadas non se rexistran só en pequenos concellos (onde moi poucos casos disparan o indicador).
Mostra disto son as dúas cidades que seguen por riba dos 900 casos (A Coruña e Ourense). Tamén vilas relevantes en canto a poboación que continúan superando os mil (Arteixo, Culleredo, Cambre, Carballo, Ponteareas, Sanxenxo, Tui ou Vilalba).
No que atinxe ás tendencias das sete principais cidades, que a Xunta adoita sinalar como termómetro da evolución epidemiolóxica para o conxunto do país, semella que a estabilidade vai impoñéndose aos poucos en cadansúas incidencias acumuladas a 14 días. Ourense e A Coruña seguen con incidencias elevadísimas (por riba dos 900=) e a continuación sitúase Santiago, a que polo momento é a única que iniciou, aínda que aos poucos, o que semella ser unha liña descendente. A menor incidencia acumulada entre as cidades segue sendo a de Lugo, que se estabiliza un chisco por riba dos 400 ou, o que é o mesmo, unha incidencia acumulada que cuadriplica amplamente a que chegou a rexistrar antes do Nadal.