Dos oito centros pechados por completo, sete son pequenas escolas infantís
A semana rematou no ensino cun novo pico de aulas pechadas, 184 en toda Galicia, e un total de 3.725 casos activos de coronavirus, case catrocentos máis que como comezou, do total de arredor de 400.000 persoas, entre alumnado e profesorado -os colectivos dos que informa a Xunta- desde a Educación Infantil ata o Bacharelato, incluíndo a Formación Profesional pero sen ter en conta o ensino infantil.
A Xunta só informa dos casos activos en cada momento e non dos novos positivos que se van detectando. E só esta semana, o mércores, o presidente Feijóo revelou o número de casos acumulados desde o comezo do curso, 9.622, dos que segundo asegurou o 87% fóron detectados fóra das aulas “e se cuarentenaron antes” de volver a elas.
Segundo os datos oficiais que divulga a Xunta, os deste sábado referidos á situación deste venres, hai oito centros pechados por completo, dos que sete son pequenas escolas infantís, onde pola idade do alumnado non é obrigatorio que usen máscara. Sen estar pechados por completo, pero cun número significativo de aulas pechadas, destacan o CEIP de Arteixo, con 6, seguidos do CEIP A Canicouva de Vigo e o CEIP de Maceda, os dous con 4 aulas pechadas cada un.