Os novos casos de COVID estabilízanse en cifras que duplican a segunda vaga pero as UCI seguen a empeorar

Procesado de probas PCR nunha imaxe divulgada pola Xunta e incidencia acumulada da COVID nas cidades CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Galicia supera os 95.000 casos detectados de coronavirus, con 1.752 mortes, desde que hai agora un ano a OMS declarou a COVID-19 unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional

Xusto un ano despois de que o 30 de xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a COVID-19 unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional, cuxo primeiro caso se detectou en Galicia un mes máis tarde, son xa 95.793 os casos detectados no país, dos que 1.752 acabaron coa morte do doente. 

Na última xornada foron 1.492 os novos casos sumados polo Sergas a ese cómputo total (1.259 por probas PCR confirmadas nas últimas 24 horas), o que supón unha certa estabilización arredor dos 1.300 novos casos de media diaria durante a última semana. Un freo no crecemento constante da curva de novos casos que se viña rexistrando desde o Nadal que aínda así supón situarse nun rango que duplica os 650 casos diarios que se rexistraron no pico da segunda vaga, que máis que triplica os 400casos diarios do pico da primeira vaga e que aínda tardará en reflectirse nos hospitais, onde as UCI seguen a empeorar a súa situación.

Tras depurar os casos, este pasado xoves 28 de xaneiro é o día con máis falecementos de toda a pandemia, 34, superando o pico de 31 casos rexistrado o 10 de abril do pasado ano

Na última xornada o Sergas sumou outros 34 falecementos á súa serie histórica, boa parte deles froito da confirmación de mortes por coronavirus de días anteriores, de xeito que só 12 son atribuídos á última xornada. Pola contra, a depuración de casos fai que o xoves 28 de xaneiro apareza agora, con 34 mortes, como o día con máis falecementos de toda a pandemia en Galicia, superando os 31 rexistrados o 10 de abril do pasado ano, no pico da primeira vaga.

Os datos oficiais divulgados este sábado tamén deixan outro novo récord, o de probas PCR realizadas nun día, 13.890, tras varias xornadas consecutivas superando a cifra do día anterior e deixando positividades de arredor do 10%, o dobre do 5% fixado pola OMS para considerar controlada a situación.

Hai 228 persoas en UCI, 18 máis que un día antes e 51 máis que no pico da primeira vaga

E un récord máis é o que acada o do número de persoas ingresadas en coidados intensivos, 228, 18 máis que na xornada anterior e 51 máis que no pico da primeira vaga. Pola contra, redúcese o número de hospitalizacións ordinarias, o que fai que caia a cifra de hospitalización total en 19 casos. Pero hai que ter en conta que esa redución pode producirse por altas de pacientes ou polo seu falecemento.

Ourense e Santiago son as cidades que con maior claridade parecen conter a curva da incidencia e Pontevedra é a que máis a vén disparando

Por outra banda, a situación segue a ser dispar xeográficamente. Ourense e Santiago son as cidades que con maior claridade parecen conter a curva de aumento da incidencia nos últimos días, pero con cifras respectivamente de 900 e 700 casos acumulados por 100.000 habitantes nos anteriores 14 días.

Nos 900 casos acumulados está tamén a cidade da Coruña, onde a curva comeza a moderar o seu ascenso pero aínda non de xeito tan claro como nas outras dúas cidades. No resto de urbes, a curva de Pontevedra é a que máis se dispara ao pasar en dez días de 300 a 600 casos acumulados.

As residencias mantéñense desde hai unha semana por riba dos 500 casos activos, arredor do 3% dos usuarios totais deses centros en toda Galicia, nos que xa morreron 682 persoas

Tamén nas residencias de persoas maiores e dependentes se estabiliza o número de casos activos, pero nuns niveis por riba dos 500 que supoñen que están contaxiados preto do 3% dos usuarios dese tipo de centros que hai en Galicia. Ademais, o nivel de casos activos mantense polas altas e falecementos, porque seguen a rexistrarse arredor de medio cento de novos casos diarios desde hai varias semanas, 45 na última xornada. Os falecidos neses centros ascenden xa a 682, o 39% do total.

20.000 persoas recibiron xa as dúas doses da vacina e outras 40.000 xa terían a primeira

Canto ao ritmo de vacinación, as últimas cifras ofrecidas polo Ministerio de Sanidade este venres indican que en Galicia foron administradas 78.772 doses e que 20.268 persoas recibiron xa a segunda dose, polo que outras 40.000 terían xa a primeira dose. No conxunto do Estado o número de doses aplicadas achégase ao millón e medio, con máis de 250.000 persoas xa coa 'pauta completa', é dicir, coas dúas doses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.