O Concello de Moaña denuncia que o 061 "fixo desprazarse ao persoal médico desde o PAC de Cangas chamando a unha taxista que tivo que ir de Moaña"
Este domingo un home duns 70 anos morreu en Borna (Moaña) por unha parada cadiorespiratoria. O Concello de Moaña denuncia que o 061 "fixo desprazarse ao persoal médico desde o PAC de Cangas chamando a unha taxista que tivo que ir de Moaña a Cangas a recoller o persoal e despois levalo a Moaña de novo, o que supuxo unha demora de 30 minutos". Ao chegar, o médico indicou que cesasen as manobras de reanimación "e tan só puido certificar o falecemento porque transcurrira demasiado tempo", afirma o Goberno municipal da localidade.
O Sergas nega que se producira un atraso na atención ou que a morte fose responsabilidade dunha demora na ambulancia, sinalando que tardou "14 minutos" dende a alerta e indicando que levaba técnicos en reanimación cardiopulmonar. Segundo a Consellería de Sanidade, era a ambulancia a que estaba preparada para atender o caso, desligando o atraso na chegada do médico dende Cangas do fatal desenlace.
O Goberno local de Moaña enmarca esta morte, unida ás tres que se produciron a pasada semana, na "necesidade urxente de recuperar o PAC de Moaña na Casa do Mar" e na demanda do reforzo das ambulancias
Porén, o Goberno local de Moaña enmarca esta morte, unida ás tres que se produciron a pasada semana, na "necesidade urxente de recuperar o PAC de Moaña na Casa do Mar" e na demanda do reforzo das ambulancias. As alcaldesas de Moaña -Leticia Santos- e Cangas -Victoria Portas- levan tempo reclamando a ampliación do número de ambulancias dispoñibles no Morrazo. Na actualidade só dúas dan servizo aos dos concellos, en quendas sucesivas, polo que cando o vehículo ten que desprazarse ata os hospitais de Vigo, a zona queda sen atención durante dúas horas. De feito, este domingo tiveron que desprazarse a varias urxencias en Cangas ambulancias procedentes de Bueu, Vigo e Redondela, ademais da destinada en Cangas e da de Moaña.
Dende o verán do ano 2020, o PAC de Cangas é o único punto de atención de urxencias para Cangas e Moaña, cunha poboación conxunta de case 50.000 habitantes. Hai ano e medio pechou o PAC de Moaña, afirmando a Consellaría de Sanidade que a clausura se producía pola falta de persoal sanitario. Ademais, os centros de saúde de Cangas e Moaña foron dous dos afectados polo peche temporal de actividade decretado polo Sergas hai dúas semanas.
O falecemento que tivo lugar este domingo uniuse aos tres que se produciron a pasada semana, un home de 44 anos o 3 de xaneiro e dúas mulleres de 66 e 80 anos o 9 de xaneiro
O falecemento que tivo lugar este domingo uniuse aos tres que se produciron a pasada semana, un home de 44 anos o 3 de xaneiro e dúas mulleres de 66 e 80 anos o 9 de xaneiro, os tres sen a intervención necesaria das ambulancias, como informa Morrazo Noticias. No caso do home denúnciase que faleceu dun infarto sen recibir atención médica; no da muller de 66 anos, que morreu por un atragoamento no seu coche, critícase que o 061 enviou un taxi ante a falta de ambulancias pero a pesar da intervención de Protección Civil, que chegou minutos antes que a taxista, non se puido facer nada para salvala; finalmente, a muller de 80 anos morreu sen que a ambulancia puidese chegar, polo que o 061 avisou a un taxi, que chegou máis tarde que Protección Civil.
O BNG xa anunciou que nos vindeiros días pedirá no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre os tempos do 061
O BNG xa anunciou que nos vindeiros días pedirá no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre os tempos do 061, co obxectivo de esclarecer o ocorrido c os tres falecementos da semana pasada en Moaña (ao que se podería unir esta cuarta morte) e solicitará que se "depuren responsabilidades" e acusando a Xunta de levar a cabo unha “política sanitaria neglixente”. Na petición inclúese a reivindicación da dotación dunha nova ambulancia para Cangas e Moaña e o reforzo das urxencias nesta localidade. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, afirmou hai uns días que "non imos cosentir unha morte máis".
A veciñanza de Moaña concéntrase todos os domingos para reclamar que reabra o servizo de urxencias no PAC, que se contrate unha terceira ambulancia e que se reforze a Atención Primaria
Dende hai seis semanas a veciñanza de Moaña concéntrase todos os domingos ante o centro de saúde da localidade para reclamar, principalmente, que reabra o servizo de urxencias no PAC de Moaña, que se contrate unha terceira ambulancia e que se reforze a Atención Primaria, denunciando que 2.500 veciños e veciñas levan semanas sen persoal médico asignado. A Plataforma en Defensa da Sanidade pública leva meses mobilizada, alertando da situación cada vez máis precaria da Atención Primaria en Moaña.