A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) convoca unha manifestación este xoves 20 de xaneiro que baixo o lema "Sen persoal non hai Sanidade", reclamará reforzos de persoal e "condicións dignas" para os traballadores e traballadoras. A marcha partirá ás 19 horas dende a Casa do Mar e rematará no Obelisco. A convocatoria demanda que se "cubran todas as ausencias" e se realicen contratacións que permitan "afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria".
"Sen persoal non hai Sanidade" é o lema da marcha que pide que se "cubran todas as ausencias" e se realicen contratacións que permitan "afrontar a carga de traballo"
O persoal do hospital da Coruña denuncia que os actuais problemas son consecuencia das "políticas de desmantelamento e precarización laboral aplicadas pola Xunta" na última década e culpa á Xerencia da Área Sanitaria de facer "oídos xordos ante o evidente deterioro da atención na nosa área sanitaria". Lembran que a pandemia "evidenciou e afondou nesta situación de precariedade até o punto xerar unha sobrecarga de traballo que semella inasumible para as e os profesionais", pero lembran que os problemas xa viñan de antes da aparición da COVID.
Traballadores e traballadoras denuncian que as Urxencias se atopan "en colapso permanente" e afirman que a Xerencia "xa asumiu como algo normal que os corredores estean ateigados de pacientes á espera dunha cama de hospitalización". "Este feito non só é denigrante para as e os doentes, senón tamén para os/as profesionais que traballan neste servizo, xa que teñen que atender nunhas condicións nas que non se pode garantir o dereito á intimidade nin a calidade asistencial que se presta", din.
O persoal do CHUAC fixo un "enorme esforzo" durante a pandemia, renunciando as libranzas, dobrando quendas e traballando "en condicións adversas". Porén, "a día de hoxe, o persoal aínda non puido sequera 'recuperar' as súas libranzas", denuncian
A situación é tamén negativa nas Unidades de Críticos, sinalan, pero os problemas esténdense a todas as unidades. Explican que o persoal do CHUAC, "que sofre un déficit histórico de persoal que afecta a todas as categorías", fixo un "enorme esforzo" durante a pandemia, renunciando as libranzas, dobrando quendas e traballando "en condicións adversas para poder atender as e os pacientes da área sanitaria". "As e os profesionais antepuxeron a atención sanitaria á conciliación da vida súa familiar e laboral", engaden. Porén, "a día de hoxe, o persoal, que está esgotado, aínda non puido sequera 'recuperar' as súas libranzas, xa que lle continúan a ser denegadas".
Problemas na Mariña en Atención Primaria e no hospital
CIG-Saúde denuncia que "a pesar de haber camas libres no Hospital da Mariña, estanse derivando cara ao Hospital de Lugo pacientes positivos en Covid que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca"
Mentres, CIG-Saúde denuncia que "a pesar de haber camas libres no Hospital da Mariña, estanse derivando cara ao Hospital de Lugo (HULA) pacientes positivos en Covid que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca". O Hospital da Mariña leva máis de dous anos cun importante déficit de persoal, nomeadamente en enfermería, que lonxe de arranxarse estase agravando cada vez máis, denuncia o sindicato.
O sindicato denuncia tamén a "insostible" situación que vén sufrindo o Centro de Saúde de Viveiro pola ausencia, desde hai moitos meses, de máis da metade da dotación de persoal facultativo. A CIG afirma que neste momento traballan só dous facultativos en quenda de mañá, máis outro para a atención urxente. Isto significaría que só había tres facultativos para atender a case 16.000 pacientes, sinala o sindicato, que engade que mesmo algún día houbo un só médico para toda a poboación.