E cando rematou a semana de suspensión de actividade, o "colapso" nos centros de saúde do Baixo Miño seguía aí

Concentración no Rosal, este mércores, pola atención primaria © BNG Tomiño

O pasado 4 de xaneiro o Sergas anunciou a anulación de toda a actividade non urxente ou non relacionada coa COVID en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo, tanto na cidade olívica coma nos concellos do Rosal, A Guarda, Oia, Ponteareas, O Porriño, Tomiño, Cangas e Moaña. A decisión, motivafa polo déficit de persoal médico nestes centros, implicaba o bloqueo de todos os ocos dispoñibles nas axendas do persoal médico e a supresión de toda a actividade programada "que sexa demorable", procedendo mesmo a "descitar" a pacientes.

Unha vez que finalizou a semana do 4 ao 10 de xaneiro, na que se suspendeu a actividade non urxente, a situación regresou á súa normalidade de saturación e "colapso"

A semana seguinte a situación volveu á normalidade, pero iso non quere dicir que os problemas da Atención Primaria na área de Vigo quedasen solucionados. Nin comezaran na actual onda da pandemia nin rematarán cando esta finalice, senón que proceden de antes da chegada o virus en marzo de 2020. Como vén denunciando o persoal sanitario dende hai tempo, os centros de saúde arrastran eivas estruturais, debidas sobre todo á escasa dotación de recursos humanos, sobre todo de persoal médico. A situación no Baixo Miño é tan grave que o persoal viuse obrigado a convocar unha folga entre o 21 e o 24 de decembro na Atención Primaria e nos PACs dos concellos da Guarda, O Rosal e Oia para denunciar a situación de "colapso".

Como explicaba daquela Álvaro Lamas, médico de Familia do centro de saúde da Guarda, "non é que teñamos picos de colapso. O colapso é a base e, despois, están os picos de desastre xa absoluto". Así, unha vez que finalizou a semana do 4 ao 10 de xaneiro, na que se suspendeu a actividade non urxente, a situación regresou á súa normalidade de saturación e "colapso", aínda que o Baixo Miño volveu desaparecer das portadas dos medios, como se a crise ficara superada.

Concentración no Rosal, este mércores, pola atención primaria © BNG Tomiño

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño convocou unha serie de mobilizacións que buscan "denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos concellos e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente"

Por este motivo, a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño convocou unha serie de mobilizacións que buscan "denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos concellos e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente. A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo". Dende a Mancomunidade destácase que a situación, transversal, "afecta a toda a veciñanza" e "compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura”.

Esta semana O Rosal acolleu a primeira destas mobilizacións, na que participaron veciños e veciñas deste concello, profesionais sanitarios de toda a comarca e tamén representantes institucionais das localidades afectadas. Á concentración que acolleu O Rosal este mércores seguirán outras o 26 de xaneiro en Tomiño (19 horas, na Praza do Seixo), o 9 de febreiro en Tui (19 horas, na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (19 horas, na Praza Avelino Vicente).

Entre 50 e 60 pacientes ao día

Álvaro Lamas, médico de Familia do centro de saúde da Guarda, explica para Praza.gal que a situación, nesta última semana volveu estar marcada por unha completa saturación nos centros de Atención Primaria da comarca, poñendo de novo "ao límite" os traballadores e traballadoras. "O venres tiven 60 pacientes e o resto dos días da semana a cifra roldou os 50, coas nosas xornadas laborais alongándose ata moito máis aló da hora normal de finalización", di.

 "A xestión de baixas e a notificación de casos positivos cada vez ocupan máis tempo"

Unha parte moi importante da súa actividade está dedicada á xestión de temas relacionados coa COVID, un traballo non necesariamente clínico, senón que moitas veces o labor é máis administrativo que sanitario. "A xestión de baixas e a notificación de casos positivos cada vez ocupan máis tempo. Hoxe tiven dez persoas citadas ás 13:00 para informar de coronavirus, ofrecer indicacións ou xestionar baixas. Como atendes a dez persoas á mesma hora e como distribúes así o tempo para o resto de pacientes?", pregunta.

Fachada do centro de saúde da Guarda cunha pancarta pola folga dos profesionais sanitarios CC-BY-NC-SA Praza.gal/cedida

Lamas ve "moito interese na xente" polas mobilizacións. "Os pacientes pregúntanos moito pola situación e están preocupados, sobre todo a xente maior, que é a que máis uso fai dos servizos sanitarios", di

Lamas explica que na semana de suspensión de actividade a situación non foi moi distinta. De feito, moitos profesionais negáronse a suspender a actividade programando e a anular as citas xa concertadas de pacientes, como indicara a Dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo. Esta decisión foi adoptada en varios dos centros de saúde e, en principio, non implicou castigos por parte do Sergas. Álvaro Lamas explica que "parece que houbo un certo recúo discursivo sobre esa orde, indicándose despois que non era unha orde, senón que simplemente era unha recomendación e que en realidade non estaban mandando descitar. Unha volta atrás que non sei se se debeu á negativa de varios centros a acatala".

En canto ás mobilizacións que se están levando a cabo na comarca, Lamas ve "moito interese na xente". "Os pacientes pregúntanos moito pola situación e están preocupados, sobre todo a xente maior, que é a que máis uso fai dos servizos sanitarios". "Necesitamos un nivel de mobilización constante e crecente", conclúe.

"Dignificar o servizo e facer máis atractivo o traballo para profesionais novos"

"Escoitamos a queixa constante de que 'non nos deixan ampliar o número de prazas MIR', pero non se fala de que ano a ano cada vez é menor a porcentaxe de residentes que quedan na Primaria. Pois haberá que tomar medidas para cambiar isto"

O médico da Guarda reclama do Sergas medidas para o reforzo do persoal na Atención Primaria, sobre todo destinadas a evitar que os profesionais máis novos marchen a outros territorios ou aos servizos hospitalarios. "Escoitamos a queixa constante de que 'non nos deixan ampliar o número de prazas MIR', pero non se fala de que ano a ano cada vez é menor a porcentaxe de residentes que quedan na Primaria. Pois haberá que tomar medidas para cambiar isto". Máis da metade dos médicos de familia que remataron o MIR en Galicia desde 2017 rexeitaron traballar na Atención Primaria

Neste senso, Lamas rexeita as medidas adoptadas pola Xunta, que nas últimas semanas impulsou a reincorporación de persoal médico xa xubilado: "Eticamente non vexo moi alá chamar a persoas que xa completaron a súa vida laboral e están no seu lexítimo descanso cando poderían tomar outro tipo de medidas para revalorizar as contratacións, dignificar o servizo e facer máis atractivo o traballo para profesionais novos, que son os que están a escapar da Atención Primaria".

Persoal sanitario da Guarda, na manifestación do pasado 21 de decembro de 2021 CC-BY-NC-SA Plataforma en defensa da sanidade pública da Guarda

A enorme presión que sofren os traballadores, unida á precariedade laboral dos médicos sen praza afastan os novos profesionais da Atención Primaria

A renuncia a traballar nos centros de saúde dunha parte importante dos profesionais médicos que inician a súa actividade laboral "débese a que, sobre todo no seu último ano de residencia, que é cando máis tempo pasan en Primaria, comproban a presión que existe", explica Lamas, que tamén incide na precariedade contractual que sofren ata acadar unha praza fixa. "Os primeiros contratos aos que optan son moi precarios, substitucións de 15 días aquí ou 15 días alá cando moitas veces están substituíndo a persoas que están nunha baixa de 6 meses, pero non se fai un contrato de 6 meses para non xerar dereito a vacacións, por exemplo. En cambio, se ese mesmo profesional escolle ir ao servizo de Urxencias dun hospital, sabe que vai ter un contrato de seis meses, prorrogable a outros seis", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.