Os problemas de saturación nos centros de saúde, a carencia de profesionais sanitarios na maior parte dos concellos ou a escasa dotación de ambulancias foron algúns dos problemas denunciados nunha das manifestacións máis importantes dos últimos anos
Arousa foi unha soa voz. Ao redor de seis mil persoas manifestáronse este venres en Vilagarcía en defensa da sanidade pública e en protesta polos recortes na Atención Primaria, convocadas por SOS Sanidade Pública. Foi unha das marchas máis masivas dos últimos anos na comarca, con participación de persoas chegadas de todos os concellos do Salnés, en resposta ao chamamento realizado nos últimos días polos alcaldes de todas as localidades, agás os populares Telmo Martín e Gonzalo Durán.
A saturación nos centros de saúde, a carencia de profesionais sanitarios na maior parte dos concellos ou a escasa dotación de ambulancias foron algúns dos problemas denunciados, eivas no sistema de saúde que levan a grandes esperas para os e as usuarias, atrasos na atención de doentes ou á necesidade de trasladarse a outras zonas para seren atendidos e atendidas.
O manifesto, lido por José Manuel Ribadomar, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, denunciou que a situación da Atención Primaria no Salnés é “a máis dramática do país”
"Do Grove ata Catoira a sanidade non se descoida", "Cando todo sexa privado seremos privados de todo" ou "Que poñan a Rueda na lista de espera" foron algúns dos lemas que se escoitaron na manifestación ou que se puideron ler en carteis e faixas, nas que a demanda de máis persoal sanitario e, moi especialmente, pediatras, foi unha constante.
O manifesto, lido por José Manuel Ribadomar, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, denunciou que a situación da Atención Primaria no Salnés é “a máis dramática do país”, sinalando que “a día de hoxe, no tocante á Atención Primaria está a ser verdadeiramente caótica e a cidadanía ten moitas dificultades para poder ser atendida”. O pasado mes de agosto o Sergas suspendeu as axendas de médicos de Primaria en Sanxenxo e decidiu "dedicar todos os efectivos para atender as consultas urxentes" ante a falta de persoal no centro de saúde de Baltar, en Portonovo.
Todos os alcaldes da comarca, agás Telmo Martín e Gonzalo Durán (PP), apoiaron a manifestación
Nos últimos meses varias comarcas de toda Galicia están a vivir manifestacións semellantes en denuncia dos problemas que sofre o sistema sanitario público, especialmente a Atención Primaria. Dende a Mariña lucense ata o Baixo Miño e as comarcas de Vigo, Pontevedra e O Morrazo ou a cidade da Coruña, en practicamente todo o país os problemas son semellantes e están a espertar unha intensa mobilización cidadá. Aínda a pasada semana coincidindo coa celebración do Foro La Toja na illa da Toxa, centos de persoas saíron á rúa no Grove reclamando unha "atención sanitaria digna".
A manifestación, encabezada por unha faixa que dicía "Salvemos a Atención Primaria", partiu da Casa do Mar e rematou na Praza de Galicia e contou coa presenza de líderes políticos e representantes institucionais, como os alcaldes e alcaldesas de Vilagarcía, Cambados, Meis, Meaño, O Grove ou A Illa de Arousa. Tamén participou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, ou a deputada do BNG Montse Prado.
O líder dos socialistas galegos afirmou que "a manifestación expresa a rabia que ten contida todo o país" e criticou a inacción da Xunta en materia sanitaria
O líder dos socialistas galegos afirmou que "a manifestación expresa a rabia que ten contida todo o país" e criticou a inacción da Xunta en materia sanitaria. "Hoxe escoitabamos o Conselleiro de Sanidade dicir que 'coincidía' coas reinvidicacións desta manifestación. Parece unha tomadura de pelo, pois non vemos aquí hoxe ao Conselleiro nin a ningunha persoa do Goberno de Galicia á fronte desta protesta. Vémolos escondidos nos seus despachos ante unha reclamación de país, que é situar os servizos públicos no nivel de calidade que teñen outras comunidades autónomas", dixo González Formoso.
"Resolvamos isto dunha vez, démoslle valor ao persoal sanitario", dixo González Formoso, que reclamou: "Máis recursos e a sanidade terá unha oportunidade"
O secretario xeral do PSdeG reclamou "unha atención primaria digna" e "que non esperemos ata 25 días como está a ocorrer nesta comarca sobre todo no verán, con 100.000 cartillas máis que atender e con PACs sen médicos nas consultas". "Resolvamos isto dunha vez, démoslle valor ao persoal sanitario", concluíu González Formoso, que engadiu: "Isto ten unha solución: chámase 'orzamentos de Galicia 2023'. Máis partidas económicas e máis recursos e a sanidade terá unha oportunidade".