Milleiros de persoas secundan na Coruña a esixencia de máis persoal para a sanidade pública

Cabeceira da manifestación na defensa da sanidade pública na Coruña, este 20 de xaneiro CC-BY-NC-SA CIG

"Sen persoal non hai sanidade". É o lema que repite dende hai semanas o persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) representado na súa Comisión de Centro e o mesmo que ecoou este xoves nas rúas coruñesas co apoio de milleiros de persoas -arredor de 3.000, segundo a Policía Local-. Tras case dous anos de pandemia e nunha vaga que non satura en igual medida as camas, pero si tensiona enormemente outros puntos do sistema como a Atención Primaria ou as Urxencias, o persoal mobilizado ten claro que cómpren máis mans.

Baixo o lema "sen persoal non hai sanidade", profesionais do CHUAC advirten de que a pandemia "agravou" unha "sobrecarga asistencial" que medra "dende hai anos"

"Cubrir todas as ausencias" para "afrontar a carga de traballo" con "atención adecuada" para as persoas que o precisan son algunhas das reivindicacións que o persoal do CHUAC xa avanzara nos últimos días e que repetiu na mobilización, culminada cun manifesto lido pola actriz Isabel Risco. A situación, advirten, non pode ser atribuída unicamente á COVID: problemas como a "sobrecarga asistencial" da Atención Primaria e o seu reflexo nas urxencias hospitalarias, advirten, prodúcense "dende hai anos" e a pandemia só as "agravou".

Persoal das Urxencias do CHUAC, na manifestación na defensa da sanidade pública na Coruña, este 20 de xaneiro CC-BY-NC-SA CIG

Ese "déficit histórico" de persoal é o mesmo que a Comisión de Centro "leva anos denunciando", resaltou a presidenta deste órgano de representación durante a marcha. A pandemia, explica Lucía Peón (CIG), simplemente "afondou" no que xa acontecía "ata o punto de xerar unha sobrecarga de traballo inasumible" para o persoal. Tampouco, mantén, serve como única explicación que "non hai persoal nas listas de contratación". Esa, di, é unha "escusa" da Xerencia, porque "na realidade, tampouco existe unha organización dos recursos que permita paliar" ese problema.

Neste sentido, Peón pon tamén o foco noutra vertente da escaseza de persoal dispoñible que, ao seu problema, o Goberno galego obvia. É o vinculado ao "maltrato laboral": "precariedade absoluta, contratos fraccionados, chamadas dun día para outro" e un sistema que "non permite conciliar, nin sequera descansar" trae consigo a "consecuencia do baleirado das listas, a fuxida de profesionais na procura de mellores condicións e dunha estabilidade que o Sergas non ofrece". [Máis da metade dos médicos de familia que remataron o MIR en Galicia desde 2017 rexeitaron traballar na Atención Primaria]

Faixa da plataforma SOS Sanidade Pública, na manifestación convocada pola comisión de centro do CHUAC, este 20 de xaneiro na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Persoal do complexo hospitalario coruñés declárase "farto e esgotado" e sinala a "precariedade absoluta, con contratos fraccionados e chamadas dun día para outro" como causa da escaseza de efectivos nas listas de contratación

Con todo este pano de fondo, a representación do persoal do CHUAC sinala que o cadro de profesionais do complexo sanitario coruñés está "farto e esgotado", máis aínda tras case dous anos de "renunciar ás libranzas, dobrar quendas e traballar en condicións adversas" para poder atender as necesidades derivadas do coronavirus. Agora, conclúen, "a hora dos aplausos rematou, necesitamos condicións dignas de traballo" que deben comezar por "un incremento do persoal", pero tamén unha mellor organización que poñan fin á "situación de colapso permanente".

Xunto á Comisión de Centro do CHUAC e persoal do propio centro e os sindicatos representados no órgano, a mobilización estivo apoiada tamén por outros colectivos de defensa da sanidade pública, caso de SOS Sanidade Pública, tanto da propia cidade como doutros puntos da área sanitaria. Na manifestación estiveron tamén presentes os dous grupos da oposición galega encabezados por Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), así como por membros dos grupos municipais da cidade, tanto do gobernante PSdeG como da Marea Atlántica ou o BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.