Ponteareas, Moaña, Marín, localidades do Baixo Miño ou a propia cidade de Vigo e a súa contorna veñen rexistrando alertas dende hai meses -mesmo anos- en diversas frontes a respecto das eivas na Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, en boa medida problemas "estruturais" que, reiteran, a pandemia da COVID-19 non fixo máis que agravar. Este 12 de maio todas estas mobilizacións confluíron nunha concorrida manifestación en Vigo.
Na xornada en que o Parlamento culminou a remuda da presidencia da Xunta, coa maioría absoluta do PP a avalar o nomeamento de Alfonso Rueda, a plataforma SOS Sanidade Pública, os sindicatos do sector e demais colectivos locais convocantes advertiron de que o que require a Atención Primaria en particular e o Sergas en xeral non é un cambio de "persoas". Cómpren novas políticas, sinalaron baixo o lema Salvemos a atención primaria. Recuperemos a sanidade pública.
O alcalde vigués, Abel Caballero, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, as deputadas do BNG Carmela González e Alexandra Fernández e diversos representantes locais das principais formacións políticas da esquerda secundaron unha protesta convocada tamén para resaltar que a pandemia xa non pode servir "de escudo para a Xunta". A COVID e o "medo a que colapasase o hospital Álvaro Cunqueiro" , lembran, "supuxo a paralización" de boa parte da actividade asistencial, pero o pano de fondo son a "precariedade e a falta de investimento".

Neste sentido, subliñan que "os centros de saúde seguen sometidos a unha dirección centrada no hospital" aínda que "fose modificada de xeito nominal". "Mentres, as consultas seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día, e os puntos de atención continuada seguen recibindo unha presión asistencial insoportábel", resaltou a CIG saúde. "Nestas condicións non teremos nin profesionais de medicina de familia nin de pediatría que queiran traballar na nosa área".
"Queremos instar a Consellería de Sanidade a implantar de forma inmediata unha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo os pacientes"
A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo adheriuse tamén de maneira explícita á manifestación. "Con esta manifestación queremos instar a Consellería de Sanidade a implantar de forma inmediata unha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo os pacientes, así como unha atención hospitalaria con capacidade para atender o 100% da cidadanía sen insoportábeis listas de espera", resumiu Manuel González Moreira, voceiro de SOS Sanidade Pública na área viguesa. Para todo isto, agregan, cómpre "unha contratación digna" do persoal.
A mobilización transcorreu dende o PAC da rúa Pizarro ata Colón e a organización e mais o alcalde vigués elevaron a participación ata as 20.000 persoas.