SOS Sanidade Pública chama a saír á rúa este domingo contra a "mala xestión" sanitaria da Xunta

A manifestación pola sanidade pública, no Obradoiro, o pasado 12 de febreiro de 2023 CC-BY-NC-SA PSdeG

A plataforma SOS Sanidade Pública convoca para este domingo 4 de febreiro unha nova manifestación en Santiago en protesta "contra o desmantelamento da atención sanitaria en Galicia" e para denunciar os recortes que, segundo os convocantes, están a degradar o Sergas "até unha situación límite". 

A plataforma, formada por máis de medio cento de colectivos, insta a Xunta a aplicar trece medidas "urxentes e necesarias" para "resolver os problemas creados pola súa destrutiva mala xestión da sanidade pública" e lembra, ante as acusacións de electoralismo por parte do PP e da propia Consellería de Sanidade, que a marcha foi convocada e mesmo presentada o pasado 5 de decembro, semanas antes de que o presidente Alfonso Rueda adiantase os comicios ao 18 de febreiro. 

Manifestación pola sanidade pública en Santiago, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

SOS Sanidade Pública denuncia a "mala" e "incompetente xestión" por parte da Xunta na sanidade galega

A manifestación, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda en dirección á praza do Obradoiro, pretende denunciar, entre outras eivas, unhas listas de espera "inadmisibles", a saturación da Atención Primaria, a falta de pediatras ou a derivación cada vez máis habitual á sanidade privada. Unhas demandas semellantes ás que, hai un ano, encheron as rúas de Compostela nunha mobilización masiva por un "cambio urxente" na política sanitaria da Xunta

Ademais, SOS Sanidade Pública propón esas trece medidas "urxentes", unha listaxe que xa fora presentada a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) con máis de 50.000 sinaturas no Parlamento, onde foi tombada polo PP, que acusara a plataforma de ser unha "sucursal do bipartito",  tras seren apoiadas por BNG e PSdeG.

A plataforma propón trece medidas "urxentes e necesarias" para resolver os problemas da sanidade pública, as que xa impulsara coa ILP tombada polo PP no Parlamento

Entre as propostas, o incremento do orzamento sanitario e subir ata o 25% do gasto total sanitario o dedicado á Atención Primaria, máis persoal en medicina familiar, pediatría e enfermería, apertura dos centros de saúde pechados, un plan urxente para racionalizar as listas de espera hospitalarias, a elaboración consensuada dun plan de saúde mental, a eliminación da inestabildiade e a precariedade laboral no sistema público ou restablecer as xerencias de Atención Primaria. 

"É necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar a situación aberrante e inaceptábel que presenta hoxe a sanidade pública galega despois de lustros de gobernos do PP", insiste a plataforma. 

Cartel da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública advirte da "deterioración" dunha sanidade pública "que era exemplo e que agora ten moitas deficiencias" e lamentan tamén o que consideran as diferenzas entre "unha sanidade de primeira, para quen vive nas cidade, e unha atención de segunda, para quen o fai en zonas rurais", destacando a falta de pediatras ou os peches de centros de saúde. Ademais, tal e como destacou Ramón Veras, portavoz da plataforma na Coruña e médico de familia, a mobilización pretende sinalar "a incompetencia na xestión" da Xunta, aclarando tamén que a mensaxe vai dirixida a todos os partidos. 

"Pola sanidade que queremos e merecemos!", reza o lema dunha marcha para a que está prevista que saian buses desde o Barbanza, o Morrazo, a Costa da Morte, Ferrolterra, Vigo, Tui, Redondela ou Sanxenxo, entre outras zonas. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.