O non dos deputados do PP e a súa maioría absoluta tombaron este martes o inicio da tramitación dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada por SOS Sanidade Pública a prol da mellora do sistema sanitario en Galicia e que contaba co aval de máis de 50.000 sinaturas da cidadanía.
O Partido Popular rexeitou a proposta porque, segundo o seu deputado Alberto Pazos Couñago, "non contempla ningunha solución aos problemas" e "só pretende salvar o falso relato da esquerda" pero non "salvar a sanidade pública". Entre a indignación da plataforma e da oposición, o PP criticou o texto presentado por "obviar calquera referencia ao problema fundamental" da sanidade que é, dixo, "a falta de profesionais na Atención Primaria".
O PP cre que a proposta de SOS Sanidade Pública "non contempla ningunha solución aos problemas" e "só pretende salvar o falso relato da esquerda"
Pazos Couñago foi máis aló e ergueu a indignación cando pediu aos impulsores da ILP que "deixen de lado o partidismo sanitario" tras acusar a SOS Sanidade Pública de ser "unha sucursal do bipartito".
"Non milito en ningún partido", advertiulle Vanessa Viquendi, encargada de defender o texto no pleno da Cámara, integrante da plataforma e presidenta do colectivo Pediatras e Matronas Xa!. Ela foi quen enumerou as "carencias" que detectan no Sergas, destacando, precisamente, a "falta" de profesionais.
Así, Viquendi debullou un texto que, lembrou, foi o máis apoiado na historia da Cámara por sinaturas cidadás, e lembrou que conta con medidas como fixar un máximo de 48 horas de espera para consultas nos centros de saúde, subir ata o 25% do gasto total sanitario o dedicado á Atención Primaria ou aumentar as ofertas públicas de emprego. "É necesario que se aprobe xa a iniciativa", que "non é en contra de ninguén, senón a favor de toda a cidadanía galega", insistiu quen sinalou os "cómplices e responsables da destrución da sanidade pública galega".
O conselleiro de Sanidade di que a iniciativa é "profundamente política" e que foi "promovida polo BNG"
"Non entendo que isto non se aprobe hoxe aquí", engadiu tras se confirmar o voto negativo do PP e logo de recordar que a plataforma leva "máis de dous anos esperando" a ser recibida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que asistiu ao debate na Cámara, sen participar pero si asentindo ou negando a cabeza ante as diferentes intervencións.
O conselleiro, ademais, asegurou logo que a proposta ten "un compoñente político importantísimo" e que está "promovida polo BNG" que foi, dixo, "quen convocou a manifestación do pasado 12 de febreiro que supostamente avala esta iniciativa". "Non deixa de ser curioso que chegue ao Parlamento unhas semanas antes das eleccións", insistiu Comesaña, que reiterou que cre que a proposición é "política". "Hoxe quedou bastante claro", rematou.
Precisamente, a semana pasada, foi o propio PP quen anunciou que a ILP tramitábase "de acordo co establecido na Lei que o PPdeG reformou no ano 2015, co voto en contra de BNG e PSdeG, e na que se recolle a obriga de que todas as ILP deben entrar para o seu debate no primeiro ou segundo pleno ordinario, unha vez cumpran os trámites establecidos”.
Mentres, fóra, integrantes da plataforma manifestábanse e manifestaban logo a súa indignación polo que consideraron un ataque do PP a SOS Sanidade Pública.
Dentro, desde o BNG, a súa portavoz, Ana Pontón agradeceu o labor da plataforma e advertiu que "só hai unha comunidade pero que Galicia en investimento en Atención Primaria: Madrid". Así, cualificou de "retrógrado e insolidario" o modelo sanitario da Xunta por "dicirlle á xente que o tamaño da súa carteira importa máis que a súa saúde" e chamou a defender a sanidade pública por ser "unha conquista social que non podemos perder, que nos fai iguais ante a enfermidade".
Pola súa banda, desde o PSdeG, o seu portavoz en materia sanitaria, Julio Torrado, advertiu que a proposta presentada perdeu unha votación "pero gañou un debate" e lembrou que é "a máis apoiada da historia" por medio do mecanismo das iniciativas populares. Ademais, o deputado socialista cuestionou os argumentos da Xunta despois de coñecerse que a convocatoria de prazas MIR rematou con 39 vacantes para Medicina Familiar.