Un xulgado condena ao Goberno galego a devolver ao seu propietario os 15.000 metros cadrados no estado en que se atopaban, o que custará uns dous millóns de euros, e indemnizalo con 47.000 euros por cortar as súas árbores
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra vén de condenar á Xunta, nunha sentenza do pasado 7 de febreiro feita pública este mércores polo propio poder xudicial, a devolver ao seu lexítimo propietario un terreo de 15.376 metros cadrados do que se apropiou durante as obras de construción da Autovía do Morrazo, repoñer o seu estado orixinario, o que custará uns dous millóns de euros, e indemnizalo con 47.391,40 euros por cortar as árbores que alí había. A sentenza sinala que a Xunta non expropiara legalmente o terreo e que se "apropiou" del durante as obras para acabar converténdoo nun vertedoiro non por ningunha modificación do proxecto da autovía senón por “a conveniencia de liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra”, procedemento co que o Goberno galego cometeu desviación de poder.
Ese treito da Autovía foi adxudicado a unha unión das empresas Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP
Segundo a sentenza, a Xunta apropiouse por "vía de feito" do terreo de máis de 15.000 metros cadrados situado no lugar do Reibón, en Meira, Moaña, ao executar as obras de desdobramento do corredor do Morrazo para a súa conversión na Autovía do Morrazo, inaugurada en xuño de 2019, oito anos despois da primeira licitación. A construción dese último treito da autovía no que está situado o terreo do que se apropiou a Xunta foi adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP.
Segundo a sentenza, o Goberno galego incorreu nunha “omisión total e absoluta do procedemento establecido”
Segundo a sentenza, o Goberno galego incorreu nunha “omisión total e absoluta do procedemento establecido”. “No marco dunha expropiación urxente, a apropiación pola Administración dunha superficie de solo non recollida na acta previa á ocupación e pola que non se aboou o preceptivo depósito previo, nin se expediu sequera acta de ocupación, constitúe, sen dúbida, unha vía de feito, unha actuación material sen título xurídico”, sinala a sentenza. Ademais, o xuíz recalca que nas expropiacións urxentes “os trámites de acta previa, depósito previo e acta de ocupación son esenciais”, pois sen eles “non se pode ocupar o terreo que se pretende expropiar”.
Durante o proceso xudicial emprendido polo propietario, a Xunta nin intentou defenderse, segundo reflicte agora a sentenza
“Para a adquisición e ocupación material de solo pola Administración mediante título de expropiación forzosa debe tramitarse previamente un procedemento administrativo”, destaca o xuíz, á vez que subliña que nese documento “deben cumprirse os presupostos formais para a declaración de utilidade pública e necesidade de ocupación dos bens afectados”. Neste caso, segundo a sentenza, “non se expuxo ao público a nova relación de bens afectados, nin o interesado foi notificado cun trámite de audiencia”, entre outros varios procedementos administrativos non realizados pola Xunta como debera.
Nin durante o proceso xudicial emprendido polo propietario nin durante o xuízo a Xunta intentou defenderse, segundo reflicte agora a sentenza. Nela, o xulgado condena a Xunta a devolverlle o terreo ao propietario, eliminando os recheos e entullos depositados nel. O perito xudicial valorou o custo desa reposición en case dous millóns de euros. Ademais, a Administración deberá indemnizar o demandante con 47.391 polas árbores que foron cortadas.
Durante a construción dos primeiros treitos da mesma Autovía do Morrazo, a Xunta xa decidira modificar as súas previsións iniciais de que as obras se puidesen compaxinar coa circulación de vehículos polo corredor orixinario para así axilizar e facilitar os traballos das construtoras. Esa decisión de cortar o tráfico para facilitar os traballos fora criticada uns anos antes polo PP cando a tomou o anterior goberno bipartito durante a execución da Autovía do Salnés asegurando que supuña facerlle un favor ás construtoras.