A empregada foi contratada para xestionar o Plan de Inclusión Social que remataba en 2013 pero seguiu facendo as mesmas tarefas por un período “inusualmente longo”
O Tribunal Supremo emitiu o pasado 2 de novembro unha sentenza feita pública nos últimos días coa que condena á Xunta a facer indefinida non fixa unha traballadora contratada polo Consorcio de Igualdade e Benestar en 2007 cun contrato “por obra ou servizo”. Ese traballo ía estar vinculado á xestión do II Plan Galego de Inclusión Social cuxa vixencia remataría en 2013, pero a empregada seguiu desempeñando as mesmas tarefas por un período “inusualmente longo”, segundo critica o alto tribunal.
Segundo os feitos probados relatados na sentenza do Supremo, a traballadora foi contratada a tempo completo "por obra ou servizo" polo Consorcio de Igualdade e Benestar, que lidera a Xunta en sociedade cos concellos, para desenvolver o II Plan Galego de Inclusión. Ese plan “rematou no ano 2013” pero a traballadora seguiu realizando “as mesmas funcións e coa mesma categoría”.
A empregada afectada reclamou ante a xustiza pola súa situación laboral e en novembro de 2018 un xulgado do Social estimou a súa demanda e declarou a súa condición de traballadora indefinida non fixa. A Xunta recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e este revogou aquela sentenza en xullo de 2019 por considerar que o plan de inclusión para o que fora contratada a afectada “era en principio de duración incerta” e a empregada non fora ocupada noutros cometidos distintos, polo que consideraba que non se rompera o vínculo “por obra e servizo”.
O plan de inclusión inicial rematado en 2013 foi seguido dunha estratexia de inclusión 2014-2020 na que a empregada seguiu prestando os mesmos servizos co contrato orixinal
A traballadora recorreu esa nova sentenza en casación ante o Supremo, e este resolve agora definitivamente o litixio dándolle a razón a ela e ao primeiro xulgado do Social que e quitándolla ao TSXG e á Xunta. O alto tribunal tivo en conta a súa propia xurisprudencia e relata como o que inicialmente podía ser un cometido puntual do Consorcio, ao asumir da Xunta a competencia de xestionar aquel plan de inclusión social, acabou prolongándose a través dunha posterior Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.
“Tal actividade pode incardinarse na normalmente desempeñada pola demandada, respondendo ás súas propias competencias”, di o Supremo. Daquela, “o contrato de obra subscrito” inicialmente para o primeiro plan “xa esgotado” continuou na nova estratexia 2014-2020 e que “evidénciase inusualmente longo”. O Supremo anula así a sentenza do TSXG e fai firme a do primeiro xulgado do Social, co que establece que a traballadora debe ser considerada indefinida non fixa.