A Xunta é condenada por subcontratar ilegalmente a avaliación de impactos no patrimonio en vez de incorporar ela máis persoal

A directora xeral de Patrimonio, María Carmen Martínez Insua, nunha visita a unha excavación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Cultura argumentou que carecía de persoal para encomendar unha competencia exclusiva do funcionariado a Tragsatec, pero o TSXG salienta que tiña 132 candidatos mentres que a empresa pública se dedica a outras cousas e igualmente tivo que contratar 16 persoas

As obras públicas ou privadas que se queiran realizar nas proximidades de bens protexidos por Patrimonio ou dos camiños de Santiago deben ser autorizadas por un empregado público que no exercicio desa función ten a consideración de axente de autoridade. Porén, a Consellería de Cultura deitou na práctica a supervisión deses expedientes en 16 traballadores alleos subcontratados a través da empresa pública Tragsatec. 

Fíxoo argumentando que ela mesma carecía de persoal, pero agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula, a petición da CIG, esa encomenda a Tragsatec e salienta que a Xunta si tiña 132 candidatos que podía contratar directamente mentres que a empresa pública nin tiña ese persoal, que tamén contratou temporalmente, nin se dedica a esas cuestións. A sentenza volve poñer en evidencia tanto a falta de control das subcontratas da Xunta a empresas públicas como as carencias de persoal no departamento de Patrimonio, que impiden protexelo adecuadamente.

Sentenza do TSXG que desmonta os argumentos cos que a Xunta encomendou a Tragsatec tarefas que debía facer persoal propio CC-BY-SA Praza Pública

As administracións poden contratar directamente sen concursos públicos a empresas públicas a través das denominadas encomendas de xestión. Para iso deben xustificar que esa encomenda ten unha maior eficacia que facer o traballo cos medios da propia administración ou que carece do persoal necesario. No caso da encomenda de Cultura a Tragsatec, de finais de 2020, o TSXG desmonta agora os argumentos da Xunta e dá a razón á CIG que vía na operación unha precarización do emprego público e un desmantelamento dos servizos de Patrimonio da propia administración. 

A Xunta tentou xustificar a encomenda a Tragsatec “por unha suposta insuficiencia de medios propios”, pero das probas practicadas no proceso “non se desprende tal insuficiencia”, di o TSXG. Segundo o tribunal, en febreiro de 2021 a Xunta dispuña na súa lista de interinidades de “132 aspirantes a ser contratados, polo que a insuficiencia de medios humanos dispoñibles para a Administración autonómica é un feito desvirtuado”. 

Ante esa situación, engade a sentenza, “carece de sentido defender que a Administración autonómica non ten medios propios suficientes –a pesar de dispoñer non só de persoal funcionario de carreira senón persoal interino dispoñible en número suficiente de ser chamado- e en cambio soster que Tragsatec si contaba con eses medios persoais suficientes, non en función do persoal propio de dita entidade, senón do que podía contratar para prestar ese servizo”. Porque do persoal de Tragsatec que finalmente prestou o servizo “só unha, a coordinadora dos traballos, era parte do cadro de persoal indefinido da empresa pública” mentres que “os 16 empregados restantes foron contratados temporalmente ad hoc para a encomenda”.

Ademais, di o tribunal, o obxecto social de Tragsatec non ten relación co patrimonio senón coa realización de tarefas de carácter ambiental ou rural.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora xeral de Patrimonio, Martínez Insua CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG salienta a "improcedencia de que as funcións de inspección se realicen por persoal non funcionario contratado 'ad hoc' por unha sociedade mercantil"

Un traballo a realizar que, salienta o tribunal, non era un simple traballo mecánico, unha “actividade de carácter material ou técnico”, que son as que a lei permite baixo a figura das encomendas de xestión. Pola contra, di o TSXG, a valoración do posible impacto no patrimonio de todo tipo de actuacións supón “a aplicación de conceptos xurídicos”, traballo que “sería máis propio que fora exercido por empregados públicos” que na súa función inspectora adquiren a condición de axentes da autoridade. 

“Obviamente ao persoal de Tragsatec non lle resultaría aplicable esta previsión, o que evidencia a improcedencia de que as funcións de inspección se realicen por persoal non funcionario contratado ad hoc por unha sociedade mercantil á que se realiza unha encomenda de xestión”. “A encomenda realizada comprende inequivocamente funcións propias da inspección”, reitera o TSXG.

A sentenza volve poñer en evidencia tanto a falta de control das subcontratas da Xunta a empresas públicas como as carencias de persoal no departamento de Patrimonio, que impiden protexelo adecuadamente

A sentenza tamén relata como a Avogacía da Xunta mudou de argumentación durante o proceso xudicial. Tras defender inicialmente que se fixera a encomenda a Tragsatec por falta de persoal propio e quedar en evidencia que a Xunta si tiña aspirantes na lista de interinidades, o argumento que pasou a ser empregado foi o de que o encargo á empresa pública se facía por “razóns de eficacia”. Porén, o tribunal salienta que “non hai ningunha xustificación no expediente de cales son esas razóns de eficacia, ou en que medida se mellora a realización da actividade ou a prestación do servizo coa encomenda de xestión fronte á utilización de persoal interino”. 

A sentenza volve poñer en evidencia tanto a falta de control das subcontratas da Xunta a empresas públicas como as carencias de persoal no departamento de Patrimonio, que impiden protexelo adecuadamente.

Movemento de terras considerado delito pola Garda Civil nun xacemento arqueolóxico do Rosal que a Xunta nin investigou por falta de persoal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.