Outra condena á Xunta por negar a unha traballadora modificar o horario para poder coidar de familiares

Unha muller pasea con dous anciáns, nun parque en Galicia CC-BY-SA Xunta

Outra condena á Administración por vulnerar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral de traballadoras. Desta vez, ademais, é precisamente o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por non ter adaptado o horario laboral dunha educadora dunha escola infantil de Ourense para que puidese coidar de seus pais, tal e como solicitara. A entidade integrada pola Consellería de Política Social e numerosos concellos terá que pagarlle 3.000 euros á afectada por danos e prexuízos e adaptar a súa quenda, logo de que os maxistrados lle lembrasen que os dereitos de conciliación "son unha manifestación da dignidade humana e do libre desenvolvemento da personalidade" e teñen unha "dimensión de dereitos fundamentais".

Esta última sentenza é unha máis das moitoas que desde hai xa varios meses condenan polo mesmo motivo a empresas e administracións que negan a traballadoras a adaptación horaria que lles recoñece a lei. Os xulgados énchense de denuncias de mulleres contra compañías que denegan ou obvian o dereito á modificación da xornada para o coidado de fillos e familiares que acaban sendo condenadas non só a aceptar a solicitude, senón a indemnizar as afectadas polo dano moral causado ou por quebrantar un dereito fundamental, reforzado tras un Real Decreto de 2019.

Escola infantil en Galicia CC-BY-SA Xunta

O TSXG condena o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por negar a unha traballadora un cambio horario para poder coidar dos seus pais

Ocorreu así co grupo Inditex, Mercadona, Carrefour, hospitais privados, residencias de maiores, colexios, universidades e tamén coa CRTVG e coa propia Xunta. Desta vez, o condenado é o Consorcio Galego de  Servizos de Igualdade e Benestar, inetegrado por máis de 260 concellos e a Consellería de Política Social, que fora tamén condenada xa polo mesmo motivo e por actuar de mala fe ante unha petición semellante dunha trabaladora.

Nesta ocasión, o TSXG aclara que unha traballadora dunha escola dependente deste Consorcio, á que lle cambiaron á quenda de tarde, ten dereito a que a súa xornada sexa en horario de mañá, de 9 a 16 horas, para poder conciliar e encargarse do coidado dos pais

A Sala salienta que, no curso 2021-2022, despois de varios anos nos que desenvolveu a quenda de mañá, se lle estableceu a de tarde, de 13 a 20 horas, o que aseguran que supuxo “unha importante alteración da organización e coordinación que tiña establecida para levar a cabo o coidado do seu pai e da súa nai”, os cales precisan, polo seu estado de saúde, asistencia ou axuda para actividades da vida diaria, segundo consta en informes médicos e dos servizos sociais.  Ademais, o irmán da recorrente ten unha minusvalía do 65 %, polo que non pode participar no coidado.

As maxistradas indican que “non se pode concluír” que recoñecerlle a adaptación solicitada “comporte unha especial dificultade organizativa para a empregadora, nin tampouco que exista un obstáculo produtivo”, xa que a traballadora “xa estivo sen prestar servizos na quenda de tarde durante os últimos cursos”, ten a condición de educadora -e a empresa recoñeceu que existían oito educadoras- e non consta que haxa ningún outro traballador con medidas de conciliación ou adaptación. Ademais, subliñan que “a única dificultade que explicita é que non houbo ningunha persoa traballadora voluntaria para cambiar a súa quenda”.

O alto tribunal aclara que "debe ceder a organización do traballo na empregadora fronte á organización da vida familiar da recorrente"

A Sala entende que "debe ceder a organización do traballo na empregadora fronte á organización da vida familiar da recorrente". E iso, engade, porque "non se constataron especiais dificultades organizativas ou produtivas" do Consorcio "para reorganizar o traballo segundo a petición de adaptación da demandante". Ademais, recalca que “si se constataron as especiais dificultades que presenta a organización da vida familiar da traballadora, con dúas persoas a cargo que necesitan asistencia e coidado, e sen que consten outros familiares que se poidan facer cargo das mesmas”.

O TSXG tamén impuxo á Administración pública o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros á afectada polos danos e prexuízos derivados da denegación da adaptación de xornada. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a unha residencia de maiores en Ribeira CC-BY-SA Xunta

Así, a Sala advirte de que existen estes danos e prexuízos pola "negativa de modo inxustificado" do Consorcio de acceder á solicitude de adaptación da xornada por parte da afectada debido á "previsible intranquilidade de quen ve modificada a súa quenda de traballo tendo ao sue cargo, na súa vida familiar, a unha nai e un pai que precisan de coidados e asistencia". 

Ata 2019, a única posibilidade para adaptar a xornada para conciliar vida laboral e familiar era solicitar unha redución de xornada por coidado Foi tras a aprobación do Real Decreto 6/2019 cando se abriu outra posibilidade recollida no artigo 34 do Estatuto dos Traballadores, no seu apartado 8, que recoñece o dereito a "solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de prestación, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral". 

Unha sentenza pioneira que obrigou unha empresa de Vigo a adaptar a xornada laboral para facilitarlle a conciliación, ao pouco de aprobarse o Real Decreto, abriu a esperanza de moitas traballadoras pola vía xudicial. Desde hai varios meses, as sentenzas insisten en reforzar o dereito a modificar os horarios para facilitar o coidado fillos ou familiares, advertindo tamén da vulneración de dereitos fundamentais ou mesmo da discriminación por razón de sexo que sofren moitas mulleres. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.