O titular de Sanidade di que os datos que coñece sobre o coronavirus en Galicia “son os que me traslada a Comunidade”
“É a hora do cambio en Galicia”. Así, en galego, pediu o ministro de Sanidade, antes secretario de organización do PSC, Salvador Illa, o voto para o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, no que, salientou, foi o seu “primeiro acto fóra de Madrid”, este xoves na Praza do Obradoiro. “É moi importante que o 12X haxa cambio, que se rompa a inercia cunha enerxía clara e forzas renovadas”, dixo, como as de Caballero, para poñer fin á “inercia que vai facendo un lento decaemento que non merece esta terra”. Porén, o ministro non quixo polemizar co presidente Feijóo a conta da calidade dos datos sobre a pandemia que fai públicos a Xunta.
Illa deu un breve paseo polo Obradoiro e compareceu ante os medios para despois ofrecer un mitin en Lugo. Pero o acto de Santiago tivo tanto de apoio de Illa á candidatura de Caballero como de agradecemento de Caballero ao traballo de Illa durante a crise sanitaria. “É un orgullo que primase a saúde por riba de calquera decisión”, dixo o candidato do ministro, asegurando que se chega a presidencia da Xunta reverterá os “2.000 millóns de euros” de recorte acumulado na sanidade durante a década de goberno de Feijóo e convocará “5.000 prazas estables para persoal sanitario” lembrando que durante o bipartito o orzamento desa área aumentou “un 34% de 2005 a 2009”.
Por riba das decisións sanitarias, Illa puxo o foco no “esforzo porque ninguén quede atrás” do Goberno central, “non como hai dez anos” coa anterior crise económica
Na súa intervención o ministro asegurou que o “control da maior pandemia que tivo Europa en cen anos” foi posible “grazas a un confinamento rápido que se conseguiu grazas ao estado de alarma” fronte a outros países nos que aínda “non está indo ben”. Pero, por riba das decisións sanitarias, Illa puxo o foco no “esforzo porque ninguén quede atrás” do Goberno central, “non como hai dez anos” coa anterior crise económica. O ministro salientou que “ata 6 millóns de persoas, o 35% da poboación activa, chegou a ter axuda do Estado” durante os últimos meses.
Illa cuantificou en catro os brotes de coronavirus en Galicia, o que suporía un máis que os que vén comunicando a Xunta
Para que en Galicia haxa tamén unha política socialista similar pediu directamente o ministro o voto para o PSdeG. “Animo a todo o mundo a que voto o cambio que representa Gonzalo Caballero”, dixo.
Illa foi preguntado pola reclamación que lle vén lanzando Feijóo de que aclare os datos estatais sobre a pandemia malia que a Xunta é a comunidade autónoma que peor información ofrece ao respecto. Porén, o ministro non quixo polemizar e limitouse a dicir que os únicos datos que é coñece sobre Galicia “son os que me traslada a Comunidade”.
O ministro tamén foi preguntado polos brotes de coronavirus que se están a rexistrar, que cuantificou en “catro” en Galicia, o que suporía un máis que os tres dos que vén informando a Xunta (dous na Mariña e un no Barbanza), dos que “o máis preocupante” dixo que está na costa lucense. Sobre esa situación Illa quixo “agradecer a actitude dos alcaldes de sensibilización da cidadanía”, insistiu na necesidade de “respectar a corentena” e apelou a que quen teña calquera síntoma “non dubide” e contacte co sistema sanitario “inmediatamente”.
Este venres será o ex-presidente Zapatero quen acompañe a Caballero nun mitin en Arteixo para presumir de experiencia de goberno
Illa pasou este xoves por Galicia un día despois de que o fixese o mércores o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, e antes de que este venres o faga o ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero, cun mitin en Arteixo. Con eles, os socialistas queren presumir da súa experiencia de xestión e goberno tanto presente como pasada, na liña de reivindicar tanto os gobernos municipais e provinciais actuais, con cinco das sete cidades e tres das catro deputacións, como os anteriores executivos central e autonómico presididos por socialistas.