O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, participou este domingo en actos en Compostela, Vigo e O Carballiño. Caballero incidiu na necesidade de mobilizar "o elevado nivel de indecisos" que segundo as enquisas “din que van decidir o voto esta semana”. Estes últimos días da campaña electoral, dixo, serán “decisivos” para gañar apoios “na medida en que se vaia mobilizando o electorado progresista que está quentándose, que está motivándose e mobilizándose e que vai levar a un resultado electoral potente, suficiente para presidir Galicia”.
Di que a última semana de campaña será decisiva, “na medida en que se vaia mobilizando o electorado progresista que está quentándose, que está motivándose e mobilizándose"
O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta apuntou a este respecto que “cando os analistas din que hai un alto nivel de mobilización nacionalista e na dereita, e que o electorado socialista aínda non está mobilizado, están recoñecendo que o PSdeG está en condicións de gañar as eleccións en Galicia”.
Caballero subliñou que o PSdeG é “o único proxecto de país para Galicia con solvencia en materia económica e a capacidade de facer unha remontada logo de 11 anos de inactividade pola inexistente política económica de Feijóo”. A este respecto, afirmou que o PSdeG ten demostrado que “sabemos gobernar” e comprometeuse a poñer “toda a capacidade e coñecemento a disposición de Galicia”.
Anunciou que porá “á fronte das consellerías de Economía e Facenda aos mellores economistas”, ao tempo que subliñou que ten ao equipo da consellería de Sanidade, con expertos en saúde pública e xestión, “listo para gobernar”
O candidato socialista apostou por “unha nova política económica que teña no mantemento e incremento do emprego a principal bandeira, defendendo sempre unha Galicia verde e dixital”. E anunciou que porá “á fronte das consellerías de Economía e Facenda aos mellores economistas”, ao tempo que subliñou que ten ao equipo da consellería de Sanidade, con expertos en saúde pública e xestión, “listo para gobernar”.
Dixo que “non hai ninguén que poida facer mellor” que o PSdeG na defensa dos servizos públicos, na sanidade, a educación, dependencia ou dignidade. Caballero apelou ao ADN da socialdemocracia española e galega e, sinalou, “outras forzas se suman, copian o ideario e o programa do PSdeG”.
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións antes de desprazarse a Vigo, onde fixo un paseo xunto co ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, quen pediu “un verdadero gobierno progresista” liderado polo PSdeG en Galicia que poida traballar conxuntamente co goberno central na recuperación logo da crise xerada pola Covid.