As cinco enquisas publicadas este domingo auguran unha clara vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións do vindeiro domingo 12 de xullo. Todas elas sitúan o PP por riba da maioría absoluta no Parlamento galego (38) e algunha delas mesmo presaxian unha suba da formación conservadora, que podería chegar aos 43 escanos que obtivo Manuel Fraga en 1993.
PSdeG e BNG pelexarían por unha segunda posición sen premio; os socialistas serían a segunda forza en todas as sondaxes publicadas, pero en catro delas os nacionalistas estarían moi preto, grazas a unha forte suba que os leva a duplicar e case a triplicar os seus escanos actuais. Mentres, Galicia en Común móvese entre os 2 deputados que predín as enquisas máis pesimistas e un resultado de 6 escanos no mellor dos casos.
En canto ás restantes formacións, tan só un dos traballos publicados ofece a posibilidade de que VOX poida entrar no Parlamento cun deputado, algo que descarta por completo o resto. De igual xeito, Marea Galeguista e Ciudadanos ficarían sen escano. Este luns é o último día no que legalmente se poden difundir inquéritos electorais.
O resultado máis axustado é o ofrecido pola enquisa que este domingo publica El País (40db). Esta sondaxe sitúa os populares cun mínimo de 39 escanos (que poderían ser 43), só dous por riba da maioría absoluta. En todo caso, os de Núñez Feijóo obtería un resultado (47,5%) moi semellante ao que en 2016 lle permitiu acadar 41 deputados.
Mentres, Gad3 (ABC) e GESOP (Faro de Vigo e La Opinión A Coruña) son as empresas demoscópicas que lle auguran ao PP unha maioría absoluta máis cómoda, fixada nos 43 para a enquisa que publica ABC e entre 41-43 para o outro traballo.
Mentres, a sondaxe de Infortécnica que publican varios xornais locais e provinciais (El Progreso, Diario de Pontevedra, La Región, Atlántico Diario) é a que predí un mellor resultado para o PSdeG-PSOE (19-21 escanos), moi por riba dos 14 obtidos hai catro anos. E, igualmente, é a que anuncia unha diferenza máis clara en relación ao BNG, que aquí ficaría con 12-13 representantes.
Porén, as outras catro enquisas sitúan practicamente un empate técnico entre as dúas candidaturas, con diferenzas de entre 1 e 2 escanos en favor dos de Gonzalo Caballero, que melloraría os resultados do 2016 en todas as sondaxes, agás na de La Voz de Galicia. Ana Pontón obtería o seu mellor resultado no traballo de GESOP, chegando a 14-16 escanos, moi por riba dos seis actuais.
Finalmente, Galicia en Común tería que conformarse con dous escanos (pola Coruña e Pontevedra) en dous dous traballos publicados, unha conta que ascende a 4-5 na enquisa de Infortécnica e mesmo a 6 na de Sondaxe.
Os resultados son semellantes aos que hai dez días ofrecía o CIS no seu barómetro pre-electoral. O instituto público prevía unha cómoda vitoria do PP (39-42), por diante de PSdeG (16-18), BNG (12-14) e GeC (4-6). As enquisas publicadas este domingo preguntan tamén pola valoración e coñecemento de líderes, destacando os bos resultados acadados por Ana Pontón, segunda líder máis valorada na sondaxe de GESOP (só por detrás de Núñez Feijóo) e a candidata máis valorada no traballo de 40db, mesmo por riba do presidente da Xunta.