As eleccións xerais do 29 de novembro preséntase como unha axustada competición entre o bloque da dereita e o bloque progresista. PP e VOX tentan asegurar unha maioría absoluta que lles permita formar goberno e aplicar o seu programa. Dada a importancia dos comicios, as enquisas publicadas comezan a aventurar unha elevada participación, que pode superar a rexistrada en xullo de 2023, que xa significou un aumento dende os datos de novembro de 2019.
A participación electoral varía dunha a outra cita en función de compoñentes ideolóxicas (ás veces mobilízase máis a esquerda, outras a dereita) ou de hábitat (rural ou urbano). Pero hai unha constante que se mantén en case todos os comicios: as zonas con maior renda tenden a votar máis que as áreas máis pobres. Isto ten unha transcendencia notable nos resultados finais, pois nesas zonas máis ricas é onde as dereitas obteñen os seus mellores datos, mentres que a esquerda domina con máis claridade no resto do territorio.
Podemos comprobalo en calquera cita electoral, pero imos centrar a análise nas últimas eleccións xerais, celebradas o 23 de xullo de 2023, como xa fixemos naquel momento. As conclusións son claras: canto maior é a renda dunha sección censual, maior é a participación, de xeito que entre as seccións máis ricas e aquelas máis pobres houbo en 2023 unha diferenza de participación de máis de 12 puntos. Ademais, nestas áreas máis ricas a dereita obtivo claramente un mellor resultado.
Realizamos a análise unicamente nas seccións censuais das sete cidades galegas, pois é onde se poden observar mellor as diferenzas de renda entre unhas e outras. En moitos concellos galegos tan só existe unha sección censual ou un número moi reducido delas, polo que non se recollen as distincións existentes entre unhas áreas e outras.
Nas sete cidades galegas hai 779 seccións censuais (das menos de 2.200 en toda Galicia), que abranguen cada unha apenas un feixe de rúas e un censo de entre 500 e 1.500 votantes en case todos os casos. O seu estudio permite afondar moito no detalle e analizar comunidades con características demográficas e socioeconómicas comúns.
Divididas estas 779 seccións en dez grupos equivalentes (nove de 78 e un de 77) en función da súa renda media, as diferenzas de participación entre o 10% máis rico (78,2%) e o 10% máis pobre (66,1%) son evidentes. O gráfico amosa que esta diminución da participación a medida que analizamos áreas con menor poder adquisitivo é continua.
Cómpre lembrar que a participación no conxunto de Galicia no censo de residentes do país foi do 73,1% (61,4% se se inclúen os datos do censo CERA de residentes no exterior) e que nas sete cidades a participación moveuse en cifras semellantes á media galega, dende o 76% de Santiago ao 69,1% de Ferrol.
No segundo gráfico recóllese a relación entre a porcentaxe de participación en cada unha destas 779 seccións e a súa renda media por persoa, con cores diferentes para cada cidade. A liña de tendencia é clara, con algunhas seccións situadas no centro da Coruña (Ensanche) e Vigo (Areal), as máis ricas da Galicia urbana, que rexistraron porcentaxes de participación mesmo superiores ao 80%. As cifras máis baixas de participación, por debaixo do 60% déronse en áreas con rendas anuais medias que non chegan aos 15.000 euros.
No gráfico obsérvase un elocuente baleiro na parte dereita e inferior: nas seccións que superan os 20.000 euros anuais de renda por persoa (cunha única excepción) a participación non baixou do 70%. De igual xeito, cando a renda media baixa de 12.500 euros, a participación non supera en case ningún caso ese 70%.
Tamén se observa unha relación clara entre a renda media das seccións e a dirección do voto cara a formacións de esquerda (PSdeG, Sumar e BNG en 2023) e de dereita (PP e VOX). Xa no primeiro gráfico, divididas as seccións en dez grupos, vese con claridade como a esquerda domina con claridade no 80% delas, con marxes que van dos 12 aos 22 puntos.
Tan só nas seccións que representan o 10% máis rico a dereita foi a máis votada (por unha ampla diferenza, ademais, de 12 puntos). E xa no decil anterior obsérvase unha viraxe cara ás formacións de dereitas, cunha vantaxe moi cativa para a esquerda, de só catro puntos. Hai que dicir que neste caso, non foron as seccións máis pobres as que máis votaron á esquerda, senón que a vantaxe progresista se moveu entre os 15 e os 22 puntos en todos os grupos, agás os tres que representan as zonas máis ricas.
Cómpre salientar, a este respecto, que no conxunto de Galicia a esquerda impúxose á dereita por 1,9 puntos (aínda que o PP levou 13 dos 23 escanos en xogo) e que nas cidades a diferenza en favor da esquerda (coa excepción de Lugo) foi moito máis ampla, chegando aos 26 puntos en Vigo, aos 10 en Ferrol, aos 9 na Coruña e Pontevedra ou aos 7 en Santiago.
Nas eleccións do 23 de xullo de 2023 a esquerda impúxose en 597 destas seccións e fíxoo por máis de 12 puntos de diferenza de media. Porén, nas 40 seccións máis ricas só gañou nunha de Santiago (situada na contorna de Santa Marta e a Choupana). Nestas 40 seccións con máis renda media a dereita impúxose de media por 22 puntos de diferenza. Se, pola contra, collemos as 40 seccións con menor renda media, a esquerda gaña en 38 e faino por 16 puntos de diferenza de media.
Para exemplificalo con casos concretos, podemos escoller as seccións censuais con maior e menor renda das sete cidades galegas. Vemos alí claramente como a participación se dispara nas máis ricas e descende nas máis pobres e como, en xeral, o voto esquerda-dereita segue a dirección apuntada.
Na sección con máis renda de Galicia (cos datos de 2023), situada no Ensanche coruñés (preto da Praza de Galicia) a participación foi de case o 84% e a dereita gañou por 45 puntos, cun 68,5% de voto ao PP, fronte ao 14,7% do PSdeG, segunda forza.
En seccións situadas no Areal vigués -preto da Praza de Compostela-, no centro de Ourense -na contorna da Rúa do Paseo-, no Ensanche compostelán -na Rúa da Rosa-, no centro histórico de Lugo -no interior da Muralla- ou na contorna da Praza da Peregrina en Pontevedra os datos semellantes.
Á inversa, as seccións con menor renda de Galicia presentan participacións moi baixas e amplas vitorias da esquerda. É así, por exemplo, no barrio de Recimil en Ferrol (onde a esquerda gañou por 34 puntos de marxe pero a participación foi do 55%) ou nunha sección situada entre a Agra e o Ventorrillo na Coruña, con diferenza de 29 puntos para a esquerda e unha participación do 58%. Tamén na sección máis pobre de Vigo, preto de Teis, cunha diferenza de 33 puntos para a esquerda e participación por debaixo da media.
As seccións con menor renda de Lugo (no Sagrado Corazón) e Ourense (no Vinteún) escapan un pouco desta análise, con participación baixas pero vitorias escasas para a esquerda. Nas seguintes seccións con menor renda en Ourense, tamén con cifras baixas de participación, a marxe da esquerda foi maior. E en Lugo, en calquera caso, esta sección presnetou resultados mellores para a esquerda que o resto da cidade.