Fronte aos barrios urbanos máis pobres, con renda medias por fogar entre os 25.000 e os 30.000 euros anuais e nos que as rendas do traballo achegan case o 85% dos ingresos, nos barrios con máis renda gañan importancia outras fontes de riqueza xeradas polo seu capital (accións bursátiles, fondos de investimento...) ou polo seu patrimonio inmobiliario (por exemplo, as rendas de alugueiro)
A riqueza e a pobreza van por barrios. Nas urbes galegas a renda media dun determinado distrito pode duplicar, ou mesmo triplicar a doutra zona da cidade situada a apenas uns centos de metros de distancia. Tamén varía moito a orixe deses ingresos. As rendas do traballo -as contraprestacións económicas que derivan das relacións laborais- son a base da economía da maior parte dos fogares, pero hai grandes diferenzas entre unhas e outras familias e entre uns e outros barrios no peso que o traballo representa sobre o total da renda dispoñible.
Os fogares con menos ingresos dependen en exclusiva do seu traballo; en cambio, aqueles con maior poder adquisitivo teñen en moitos casos outras fontes de riqueza xeradas polo seu capital (accións bursátiles, fondos de investimento...) ou polo seu patrimonio inmobiliario (por exemplo, as rendas de alugueiro). A Axencia Tributaria publicou este xoves a información estatística das declaraciones de IRPF en 2024 en cada código postal das cidades de máis de 100.000 habitantes. En Galicia, Vigo, A Coruña, Ourense e, por primeira vez, Santiago e Lugo.
A Axencia Tributaria publicou este xoves a información estatística das declaraciones de IRPF en 2024 en cada código postal das cidades de máis de 100.000 habitantes. En Galicia, Vigo, A Coruña, Ourense e, por primeira vez, Santiago e Lugo
Nestes datos obsérvanse non só as enormes (e crecentes) diferenzas de renda entre os barrios máis ricos e os barrios máis pobres das cinco cidades, senón tamén a diferente orixe da renda en cada un deles, con maior ou menor peso para as rendas do traballo ou para as rendas do capital e do patrimonio. E cunha constante: nos barrios máis ricos teñen un menor peso as rendas do traballo e, en cambio, os barrios máis pobres dependen en exclusiva dos seus ingresos laborais.
No gráfico anterior recóllese a relación -inversamente proporcional- entre a renda bruta media dos barrios de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Lugo e o peso porcentual das rendas do traballo no conxunto dos ingresos. Fronte aos barrios urbanos máis pobres, con renda medias por fogar entre os 25.000 e os 30.000 euros anuais e nas que as rendas do traballo achegan case o 85% dos ingresos, nos barrios con máis renda o traballo achega menos do 75% da riqueza, menos do 65% nalgún caso extremo. No gráfico non figuran os datos do distrito 15001 da Coruña (Cidade Vella-Centro) por ser excepcionalmente altos e distorsionar a visualización do conxunto.
Nestes datos obsérvanse non só as enormes (e crecentes) diferenzas de renda entre os barrios máis ricos e os barrios máis pobres das cinco cidades, senón tamén a diferente orixe da renda en cada un deles
Na seguinte táboa pódese debullar nos datos para cada código postal. Cómpre sinalar, pola súa excepcionalidade, o caso do distrito 15001 da Coruña (Cidade Vella-Centro), que aparece na información do ano 2024 como o barrio galego con maior renda media (117.970€), multiplicando por catro a media galega, por tres a da cidade da Coruña e máis que duplicando os propios datos deste barrio no ano anterior. De feito, o distrito 15001 cóase este ano como o sétimo barrio máis rico de España, rivalizando coa Moraleja madrileña ou o Pedralbes barcelonés.
Non se trata dun erro estatístico, senón que o dato anormalmente alto semella responder ao feito de viviren neste céntrico barrio algunhas persoas con grandes capitais, comezando polo propio Amancio Ortega. Trátase dun distrito pequeno (con 5.304 declaracións da renda presentadas) no que a presenza dunha persoa que nun ano determinado declare ingresos moi elevados -neste caso polo lado das rendas do capital, por exemplo dividendos de accións- poden distorsionar o conxunto dos datos.
Os fogares con menos ingresos dependen en exclusiva do seu traballo; en cambio, aqueles con maior poder adquisitivo teñen en moitos casos outras fontes de riqueza xeradas polo seu capital (accións bursátiles, fondos de investimento...) ou polo seu patrimonio inmobiliario (por exemplo, as rendas de alugueiro)
No resto dos datos obsérvase a diferenza entre os distritos cuxos ingresos dependen máis das rendas do traballo, nomeadamente en Vigo (Coia, Comesaña-Matamá, Calvario-Lavadores, Teis...) e na Coruña (Mesoiro, Os Mallos, Sagrada Familia, Agra do Orzán...), pero tamén a zona sur de Santiago, na Milagrosa en Lugo ou en varios barrios de Ourense, con porcentaxes por riba do 83%. En case todos estes casos a renda bruta media dos fogares non chega aos 30.000 euros anuais.
E a situación, ben distinta, que se dá nalgúns distritos coma o 15004 da Coruña (Juan Flórez-San Pablo), no 15701 de Santiago (Ensanche sur), no 27001 de Lugo (Casco histórico), no 32003 de Ourense (Parque San Lázaro-Parque Alameda) ou no 36201 de Vigo (Centro-Areal), ademais de en Oia ou Coruxo. Neles as rendas do traballo achegan menos do 70% dos ingresos ou superan por pouco esta porcentaxe). Son barrios nos que a renda bruta media supera en todos os casos os 40.000 euros anuais e nalgún caso mesmo pasa dos 70.000 (70.332 en Juan Flórez-San Pablo).
A situación dos barrios populares contrasta coa que se dá no 15004 da Coruña (Juan Flórez-San Pablo), no 15701 de Santiago (Ensanche sur), no 27001 de Lugo (Casco histórico), no 32003 de Ourense (Parque San Lázaro-Parque Alameda) ou no 36201 de Vigo (Centro-Areal)
De onde procede, entón a parte restante dos ingresos económicos nestes barrios se non vén do traballo? Maioritariamente das rendas do capital, tanto mobiliario (accións, letras...) como inmobiliario (rendas de alugueiro, entre outras), que -alén do caso excepcional do 15001 coruñés- superan o 21% dos ingresos anuais no distritro 15004 herculino, o 17% nos Castros e no Castrillón e o 15% no Ensanche compostelán. En contraposición, nos barrios que viven máis do seu traballo as rendas do capital adoitan achegar menos do 5% dos ingresos.
Outra vía de ingresos importante nos barrios con maior poder adquisitivo son as rendas procedentes de actividades económicas, procedentes do traballo persoal ou do capital cando se realizan por conta propia. Nese caso as porcentaxes chegan a superar o 10% no Ensanche compostelán ou no Casco Histórico lucense e roldan o 9% no 32003 ourensán (Parque San Lázaro-Parque Alameda) e no 36201 vigués (Centro-Areal). Neste caso as diferenzas entre distritos non son tan grandes, pero nos barrios populares o peso destas rendas non adoita chegar tampouco ao 5% dos ingresos.
Outro elemento que destaca nos datos feitos públicos pola Axencia Tributaria é a tendencia ao incremento das diferenzas económicas entre os distritos con maior e menor renda das cidades galegas
Finalmente, a derradeira fonte de ingresos dos fogares poden ser as ganancias patrimoniais, derivadas da venda de bens inmobiliarios, pero tamén accións ou criptomoedas. Aínda que cun peso inferior na estrutura das rendas dos fogares, novamente atopamos grandes diferenzas entre uns e outros barrios, con porcentaxes que nalgúns distritos de Lugo ou Vigo chegan a superar o 15% e que en moitos barrios de alto poder adquisitivo pasan do 5%. En cambio, na maior parte dos barrios das cidades galegas o peso destas rendas non chega ao 3%.
Barrios ricos, cada vez máis ricos
Outro elemento que destaca nos datos feitos públicos pola Axencia Tributaria é a tendencia ao incremento das diferenzas económicas entre os distritos con maior e menor renda das cidades galegas, unha tendencia xa apuntada en anos anteriores. Entre 2023 e 2024 medrou a renda bruta media de todos os barrios de Vigo, A Coruña e Ourense (non hai datos anteriores para os barrios Santiago e Lugo), pero o incremento porcentual foi moito máis importante nos distritos con máis renda e a evolución é aínda máis clara se se comparan os datos de anos anteriores.
Alén do 15001 coruñés, os maiores incrementos corresponden ao 15003 compostelán (Ensanche), aos vigueses Oia e Coruxo e ao coruñés 15005 (Falperra-Santa Lucía-Paseo das Pontes-Santa Margarida), distritos todos de rendas elevadas. En cambio, barrios populares da Coruña como Sagrada Familia, de Vigo (Sárdoma, Matamá...) ou de Ourense presentan subas inferiores ao 4%.
Se comparamos os datos de 2024 cos de 2021, vemos como neste tempo a renda media do Ensanche compostelán se elevou case un 50%, a do distrito coruñés 15004 en máis dun 30% e as de Oia e Coruxo, en Vigo, en case un 40%. En cambio, nos barrios populares de Vigo (Teis, Coia, Sárdoma-Calvario...) os aumentos da renda media foron de apenas o 10%.