San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas... E tamén, Cedeira. Mentres aínda ecoan as mobilizacións coas que a veciñanza mobilizada en Verín logrou que o Servizo Galego de Saúde repuxese o servizo de paridoiro no seu hospital comarcal, centos de persoas botáronse este domingo á rúa na vila de Cedeira -de algo máis de 6.600 habitantes- para esixir á Xunta que cubra a baixa da pediatra do seu centro de saúde. A reclamación non é nova, prolóngase dende, cando menos, finais do pasado verán. Pero a ausencia de respostas levou as familias a constituírense en plataforma e botárense este domingo á rúa.
A plataforma das familias afectadas explica que a falta de cobertura da baixa deixou sen atención pediátrica no centro de Cedeira a arredor dun milleiro de menores
Co pano de fondo das carencias dos servizos de pediatría en toda a contorna que, como noutras comarcas, o Sergas vén achacando á escaseza de profesionais, dende Cedeira, pediatra xa! explican que xa cansaron de agardar. Na vila, detallaron ao iniciaren unha recollida de sinaturas apoiada tamén dende o Concello, residen arredor de 700 menores de 15 anos aos que se engaden nenas e nenos "doutras vilas próximas, como Ortigueira ou Cariño". En total, arredor dun milleiro de menores sen pediatra por mor da "baixa de longa duración" da súa pediatra, que non foi cuberta.
En ausencia de pediatra, lamentan, a solución que Sanidade lles vén ofrecendo é recibiren atención da pediatra que atende en días alternos en Valdoviño, a mesma profesional que, segundo a Xunta, prevén desprazar ao centro de Cedeira un día á semana. Isto é o que provoca, din dende a plataforma, que a solución máis recorrente ante problemas de saúde da infancia da vila acabe sendo "desprazarnos ás urxencias de Ferrol, a 35 quilómetors". Noutras ocasións, "derivan os nenos a médicos de cabeceira, que non son especialistas" o cal ademais "afecta xa ao resto da poboación".
A plataforma de familias conta co apoio do Concello, que atribúe a carencia de persoal facultativo á "política de recortes da Xunta" en anos previos
"Necesitamos que nos poñan un pediatra xa" para contar con atención para a infancia da vial pero tamén pra non "colapsar as urxencias de Ferrol", subliña a plataforma, que nas últimas semanas recibiu o apoio do goberno local que encabeza o socialista Pablo Moreda. Este, cre o rexedor, é en última instancia "un problema transversal, xerado pola política de recortes da Xunta" en anos previos. "É urxente -agrega nun comunicado- acabar coa situación de precariedade que obriga á facultativa de Valdoviño a desprazarse tres días á semana para pasar consulta en Cedeira".
A protesta cedeirense chega pouco despois de que noutros concellos de Ferrolterra lanzasen tamén unha campaña con peticións moi semellantes. Ata comezos de 2019, os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas estaban cubertos por unha pediatra con base en San Sadurniño, pero que deixou de exercer alí tras aprobar as oposicións. Dende ese momento, o Sergas "cubriu posto con tres médicos distintos non especializados", lamentan. Os concellos da contorna calculaban o pasado decembro que os nenos e nenas afectados por esta carencia son máis de 3.000.
"A Verín arranxáronlle o problema, pero deixando Cee sen pediatra; desvisten un santo para vestir outro e xeran liortas: se non hai unión, eles gañan"
O feito de que mobilizacións semellantes estean espalladas por toda Galicia é tamén motivo de reflexión no seo da plataforma Cedeira, pediatra xa!. En declaracións á Cadena SER un dos pais que a conforman, Paulo Vicente, lamentaba que estas loitas queden, as máis das veces, no eido local. "A Verín arranxáronlle o problema, pero deixando a Cee sen pediatra; desvisten un santo para vestir outro" e xeran "liortas entre localidades". "Se non hai unión, eles gañan", conclúe.
Neste sentido e ante o "apoio popular acadado hoxe", a plataforma explica que xa prepara "novas mobilizacións" cadrando coas celebracións do Entroido na vila. "Advertimos de que se non se nos ofrece unha solución, intensificaremos as nosas accións, que serán máis contundentes", din. Porque o que definen como "revolta dos chupetes" non fixo "máis ca comezar".
Ante demandas coma esta, a Xunta vén esgrimindo unha escaseza de profesionais da que culpa tamén ao Goberno de España. O Ministerio de Sanidade, din, non atende as súas demandas para poder formar máis pediatras en Galicia.