Non só Verín: familias da contorna de Ferrol reiteran "queremos pediatra" dende hai un ano

Nenas e nenos de Ferrolterra, participantes no vídeo reivindicativo a prol de máis servizos de pediatría © Feitizo Vídeo

O peche da sala de partos de Verín decido pola Xunta a finais de novembro virou os focos do debate público cara á situación da atención médica á infancia. O Goberno galego ligou inicialmente a decisión á baixa natalidade da contorna de Monterrei, se ben non é posible entender o peche sen ter en conta recentes condenas ao Sergas pola súa política de persoal na provincia ourensá, moi especialmente no caso da pediatría.

As deficiencias na atención pediátrica non son, así e todo, exclusivas desta área sanitaria ourensá. En diversos municipios do país, especialmente rurais, veñen agromando protestas ao respecto dende hai meses e mesmo anos. Diante delas, a Xunta esgrime unha escaseza de profesionais da que culpa tamén ao Goberno de España porque, di, non atende as súas demandas para poder formar máis pediatras en Galicia.

A anterior pediatra da zona aprobou as oposicións e deixou de exercer alí a comezos de 2019; dende aquela, persiste a mobilización nestes municipios de Ferrolterra para reivindicar a atención pediátrica para a súa rapazada

Unha das contornas nas que estas denuncias veciñais veñen sendo reiteradas é na comarca de Ferrolterra, con especial intensidade dende hai case un ano en concellos como Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas. Alí, ata xaneiro de 2019, a atención sanitaria infantil prestábase cunha pediatra con base en San Sadurniño que se desprazaba durante parte da súa xornada aos outros tres concellos. Pero esta pediatra aprobou as oposicións e deixou de exercer alí, xerando carencias no servizo que veñen suscitando mobilizacións dende hai meses e demandas de atención pediátrica estable que veñen de sintetizar neste vídeo, protagonizado por rapazada da comarca e realizado dende Feitizo Vídeo.

Vídeo reivindicativo a prol do servizo de pediatría en concellos da contorna ferrolá | Fonte: Queremos servizo de Pediatría en Moeche, Cerdido, Somozas e San Sadurniño!

Como explican dende o Concello de San Sadurniño, dende que a anterior pediatra "obtivo praza fixa noutro destino", o Sergas "cubriu o posto con tres médicos distintos non especializados" e "aínda por riba, centralizando o servizo" neste centro. A xerencia da área sanitaria "indicaba que a decisión se debía á falla de pediatras" pero que en calquera caso, era unha medida "transitoria" e apoiada no compromiso de "dotar o centro médico de San Sadurniño" de especialista en pediatría "tan pronto como sexa posible", din dende o goberno local.

"Vai alá case un ano e seguimos na mesma, co servizo centralizado e con profesionais da medicina que van rotando procedentes doutros servizos da área sanitaria; de todos eles, só un é especialista"

Esta mingua de calidade no servizo suscitou "dende o primeiro momento, grande contestación social ante o que se considerou unha falta de previsión da Xunta" e por iso "as alcaldías de San Sadurniño, Moeche e Cerdido reuníranse coa xerencia comarca do Sergas" á procura de solucións mentres "as familias se mobilizaban. "Mesmo houbo plenos monográficos nos tres concellos, marcados pola polémica marcha da representación do PP antes de debater as mocións que seían tratar reclamando o restablecemento do servizo", evocan.

En calquera caso, lamentan, "vai alá case un ano e seguimos na mesma, co servizo centralizado e con profesionais da medicina que van rotando procedentes doutros servizos da área sanitaria". "De todos eles -detallan- só un é especialista". Por todo isto, explican, familias e concellos "manteñen viva a reivindicación" con iniciativas coma este vídeo, "protagonizado por nenas e nenos de Moeche, Cerdido, As Somozas, A Capela, Fene, Ares e Mugardos", producido por Feitizo Vídeo "a partir dunha idea do grupo de lactancia do centro de saúde de Fene".

Reunión dos alcaldes de San Sadurniño, Cerdido e Moeche co responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol para tratar a cuestión da pediatría a comezos de 2019 © Concello de Moeche

"3.100 nenas e nenos vense afectados por esta problemática"

Fano pola propia carencia do servizo na súa contorna, pero tamén porque as informacións sobre "a situación da atención infantil na sanidade galega, en vez de tranquilizar, son aínda máis desalentadoras". Entre elas, afirman, destaca o devandito peche do paridoiro de Verín, que serve como "recordatorio da lentitude coa que o Sergas se aprovisiona de pediatras para cubrir vacantes e xubilacións". No caso de Ferrolterra, parafrasean o propio vídeo, "3.100 nenas e nenos vense afectados por esta problemática", e a rapazada do rural "tamén ten dereito a unha pediatría pública e de calidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.