Caballero evoca o éxito do PSdeG nos gobernos locais formados hai un ano como "antesala do cambio político en Galicia"

Gonzalo Caballero, co alcalde de Ames e outros membros do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Hai hoxe un ano, o 15 de xuño de 2019, tomaban posesión as corporacións municipais elixidas nos comicios locais que se celebraran o 26 de maio. O principal beneficiado en termos de poder institucional daquelas eleccións fora o PSdeG, que conservara os seus principais bastóns de mando mentres, en virtude do ascenso de votos, sumaba algúns tan significativos como os das tres cidades da provincia da Coruña ou vilas historicamente gobernadas polo PP. Dende aquel 15 de xuño, máis da metade da poboación galega ten alcalde ou alcaldesa socialista.

O candidato do PSdeG á Xunta sinala "a xestión das máis de cen alcaldesas e alcaldes socialistas" como "a mellor proba de que sabemos gobernar" e da necesidade dun Goberno galego "en sintonía" co do Estado e os dos municipios

A aqueles bos resultados apelou un ano despois Gonzalo Caballero, candidato á presidencia da Xunta do PSdeG. De visita no Concello de Ames no marco da rolda de visitas que mantén nas últimas semanas con representantes do poder institucional local do partido -dende ás cidades ata ás deputacións-, Caballero evocou as municipais de hai un ano como "antesala do cambio político en Galicia" que, coida, pode producirse o vindeiro 12 de xullo.

A apenas vinte e oito días das cita coas urnas, Caballero chamou a poñer o foco na "xestión das máis de cen alcaldesas e alcaldes socialistas" en Galicia, a "mellor proba de que sabemos gobernar" e de que cómpre "un presidente da Xunta en sintonía co Goberno de España" e cos concellos que gobernan "á maioría" da cidadanía galega. "Somo o cambio con garantías" pero ademais, defende, os concellos onde o PSdeG xa goberna son "a mellor garantía para a chegada dun goberno progresista á Xunta".

Caballero, este 15 de xuño participando nunha sesión do Consello de Política Federal do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Nesta liña, defende o candidato, o 12X é "o segundo reto en clave galega" en doce meses. Tras o éxito local, defende, cómpre "darlle a Galicia o mesmo progreso que xa está nos concellos" con alcaldes e alcaldesas que "son a mellor garantía fronte aos desastres de Feijóo". A xuízo do líder do PSdeG, "o PP na Xunta revelouse como un desastre para os concellos" porque "marxina, non dá resposta e opta polo sectarismo e o caciquismo".

Caballero lamenta que, tras meses "poñendo deberes ao Goberno de España", Feijóo opte por "eludir as súas rsponsabilidades e poñer deberes aos concellos" na xestión do desconfinamento

Tamén agora, tras a fin do estado de alarma polo coronavirus, considera, os gobernos municipais están a suplir á Xunta. Mostra disto, afirma, son xestións "caóticas" como a reapertura dos parques infantís clausurados pola pandemia, que a Xunta autorizou reabrir dende este 15 de xuño pero "sen protocolos nin recursos" para os concellos, os seus responsables.

"Cada día é máis evidente que Feijóo se dedicaba a poñerlle deberes ao Goberno de España, pero agora quedou sen escusas", advirte. Esa é a razón, cre o candidato, pola que agora "elude as súas responsabilidades e pon deberes aos concellos" e "nin sequera responde da organización da xornada electoral". Por todo isto, conclúe, "Galicia necesita dun Goberno socialista que traballe a carón do Goberno progresista de España e en sintonía cos concellos". Caballero continúa este martes, 16 de xuño, o roteiro por institucións gobernadas polo PSdeG con encontros co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.