José Ramón Gómez Besteiro será o novo líder do socialismo galego logo de que a militancia o elixise maioritariamente no proceso de primarias celebrado este sábado e no que derrotou o outro candidato, o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez. O actual presidente da Deputación de Lugo pilotará a que pretende ser unha nova etapa no PSdeG, a que, segundo o propio político lucense, debería ser "o inicio da renovación" dun partido que busca volver ser a alternativa e recuperar os folgos que perdeu, lastrado polos malos resultados nas últimas eleccións autonómicas e arrastrado pola crise do PSOE a nivel estatal e a perda de confianza entre a cidadanía.
Segundo os datos facilitados polo partido, Besteiro obtivo o 77,34% dos votos, fronte ao 20,21% de Manel Vázquez (5.469 votos, fronte a 1.429, 205 en branco e 10 nulos). O presidente da Deputación de Lugo resultou vencedor tamén na maioría das agrupacións socialistas, especialmente nas grandes vilas e cidades nun proceso no que participou o 62,53% da militancia, case a mesma porcentaxe que asinou avais para un ou outro candidato e un total de 7.081 dos máis de 11.300 militantes.
Tal e como se agardaba, Besteiro arrasou na provincia de Lugo, onde é secretario xeral, obtendo máis do 90% dos votos. Na agrupación da capital lucense obtivo 330 das 342 papeletas. Tamén se impuxo na súa agrupación Manel Vázquez. Levou os 53 votos emitidos na Illa e tamén superou o seu rival en case todas as vilas da comarca do Salnés, agás en Vilagarcía, na que o presidente da Deputación de Lugo obtivo case 20 apoios máis.
Besteiro liderará un PSdeG ao que pretende volver converter en alternativa á dereita
O nomeamento de Besteiro deberá ser ratificado no congreso do PSdeG que se celebrará o 29 de setembro e no que será proclamado como novo secretario xeral. O lucense liderará o PSdeG, o partido que inaugura unha elección aberta á cidadanía, un proceso "pioneiro" que insistiu en destacar o líder lucense, así como o seu rival na carreira polo liderado do socialismo galego, Manel Vázquez. Gañou o favorito, o home que levaba anos nas quinielas e que foi apoiado polos principais líderes da formación.
Ademais, Besteiro tivo unhas palabras para o seu rival, Manel Vázquez, ao que convidou a café na sede socialista galega. "O meu recoñecemento expreso", dixo Besteiro. "Inícase un reto colectivo do PSdeG cara á sociedade galega", asegurou, tras destacar as "ilusións renovadas" coas que acolle o cargo e mostrar a súa "enorme gratitude" á militancia nun proceso "absolutamente democrático".
Pachi Vázquez celebra que Galicia dea exemplo ao socialismo español
O aínda secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, salientou a atención e espectativas que suscitou esta consulta en España e en Galicia. “É un día moi importante para o socialismo español e singularmente para o socialismo galego”, afirmou Vázquez, para felicitar en primeiro lugar á militancia, porque “convalidou, coa súa importantísima participación, a celebración por primeira vez na historia do Partido Socialista de unhas primarias para elixir de forma directa ao seu secretario xeral”.
A continuación, Pachi Vázquez fixo un recoñecemento expreso do comportamento dos candidatos, “exemplar en todo este proceso”. O abrazo que diante dos medios gráficos se deron os dous candidatos significa, para o dirixente socialista, un “xesto simbólico de que máis alá que debater non hai espazo para a confrontación”.
Manifestou a súa “ plena satisfacción” porque a consulta do PSdeG quedará nos anais do socialismo español como “a xénese dun novo xeito de participación política”. Tamén afirmou estar seguro de que o socialismo galego inicia un novo camiño “máis democrático, máis participativo”, que permitirá “recuperar o pulo a ser o motor do cambio deste país”, pois “ese era o obxectivos destas primarias”, asegurou o dirixente socialista.
Pachi Vázquez rematou a súa intervención poñéndose a disposición de José Ramón Gómez Besterio, que será nomeado Secretario Xeral no Congreso extraordinario que os socialistas galegos celebrarán en Santiago o vindeiro 29 de setembro.