O Comité Federal do PSOE avala as listas dos socialistas galegos ao 23X tras os "axustes" do PSdeG en Ourense

Cargos e candidatos do PSdeG, no Comité Federal do PSOE CC-BY-SA PSdeG

O Comité Federal do PSOE apoiou este sábado as listas presentadas polo PSdeG para as eleccións xerais do 23 de xullo, logo de que a dirección dos socialistas galegos introducise algún cambio na candidatura ao Congreso por Ourense con respecto ao que aprobara a dirección provincial. Así, a ex-deputada Noela Blanco foi situada no número dous e Alfredo García, alcalde do Barco, no tres, en substitución de Adolfo Pérez Abellas e Uxía Tizón, que ocupaban eses postos nas listaxes impulsadas polo comité provincial do PSOE ourensán o pasado mércores. 

Prescindiuse así dos que foran deputados nesta lexislatura que agora remata e próximos ao ex-secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, que continúa como cabeza de lista ao Senado. Os números un pola provincia xa foran acordados entre a dirección provincial e a galega. 

Noela Blanco, número dous por Ourense nas listas ao Congreso do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG realizou "axustes" na lista ao Congreso por Ourense, situando a Noela Blanco e Alfredo García de 2 e 3 en substitución de dous afíns a Villarino e Gonzalo Caballero

Así, a candidatura ao Congreso por Ourense segue a estar liderada por Marga Martín, tenente de alcalde durante o mandato de Francisco Rodríguez na capital provincial, seguida de Noela Blanco. No número dous do Senado sitúase Miguel Bautista, mentres que a que era dous na proposta do comité provinical, María Alida Iglesias, pasa a ser o número tres. 

En resumo, o ministro de Sanidade, José Miñones, encabezará a lista do PSdeG na provincia da Coruña, seguido da ex-senadora Obdulia Taboadela, a concelleira nas Pontes Montse García Chavarría e o ex-di¡eputado Diego Taibo. No caso do Senado, está encabezada polo alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo.

Na provincia de Pontevedra, foi confirmada a lista que encabeza o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, para o Congreso, e a presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva, ao Senado. Ademais de Regades, por esta orde situánse Margarita Adrio, Modesto Pose, Paula Fernández;e Luís Piña. A candidatura á Cámara Baixa ten como número un a Carmela Silva.

Na provincia de Lugo, o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a candidatura para o Congreso, que inclúe como número dous a Patricia Otero, seguida de Eduardo Vidal Baamonde e Gloria María Prada Rodríguez. Na do Senado sitúase como titular César Mogo.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, asegurou que as listas das candidaturas das catro provincias están "pensadas para gobernar" e conforman "un gran cadro de compañeiros" logo de defender o día anterior os "axustes" nas candidaturas de Ourense. 

"O PSOE presenta as mellores candidaturas posibles, co espírito de mobilizar os votantes de esquerda porque o que etá en xogo é o modelo social", dixo en Madrid, antes da reunión do Comité Federal. 

Preguntado polas mudanzas nas listas de Ourense, Lage defendeu que o PSOE aprobaría "as candidaturas proposta pola Comisión Executiva Nacional Galega" e que son "as que representan socialmente mellor a calidade de vida dos cidadáns, a aposta de presente e futuro, candidaturas socialistas que están pensadas para gobernar, para que non mire para atrás este país". 

Cargos do PSdeG no Comité Federal do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

No Comité Federal, o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, chamou o PSOE á unidade para gañar as eleccións logo da polémica polas correccións en varias listas provinciais de cara ao 23X por parte da dirección estatal, unha medida que amolou diversos baróns que consideraron que o líder dos socialistas tentou impoñer unha listaxe de fieis no Congreso. De feito, o presidente en funcións de Aragón, Javier Lambán, o presidente de Castilla-La Mancha, Emiliano García Page, non acudiron ao Comité Federal. 

Sánchez celebrou tamén o acordo das esquerdas arredor de Sumar por ser "unha noticia máis que positiva". "A unidade é a primeira mostra de responsabilidade e é a condición para deixar atrás un ruído estéril", dixo. 

Ademais, o líder do PSOE asegurou que os socialistas van seguir "combatendo para defendernos das forzas reaccionarias". "O 23X debemos clarificar que axenda ten España: se construímos a mellor España ou se damos marcha atrás", advertiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.