O Goberno galego iniciou hai un mes o período de prohibición de actos electoralistas publicitando asfaltados, xa foi apercibido pola Xunta Electoral e agora vén de converter a Baltar en protagonista das súas fotos oficiais
O presidente Feijóo “renunciou á precampaña” para as eleccións do 12 de xullo porque tanto el como o seu Goberno están “centrados no realmente importante”, que é “a xestión” da crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus. Fronte a ese discurso expreso do PP, e malia a prohibición de actos electoralistas que está en vigor desde a convocatoria das eleccións hai un mes, neste tempo o Goberno galego xa recuperou as visitas a obras, mesmo antes de saír do estado de alarma, e xa foi apercibido pola Xunta Electoral por usar as futuras obras do hospital da Coruña para “enaltecer” a súa xestión.
Só na primeira semana de vigor da prohibición de actos electoralistas, a partir do 19 de maio, o Goberno galego xa publicitara unha ducia de asfaltados (e así seguiu nos últimos días), ao tempo que potenciou as videoconferencias de “supervisión” de todo tipo de actuacións públicas, posteriormente divulgadas polos servizos de comunicación da Xunta. E agora volven tamén as visitas físicas de conselleiros e conselleiras ás obras públicas.
A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda xa fixo dúas visitas para anunciar pisos protexidos, actos que, tras divulgalos, agora a Xunta agocha na súa web
Malia que o luns 8 de xuño a Xunta Electoral apercibía ao Goberno galego por “eloxiar” a súa propia actuación futura no hospital da Coruña, só tres días despois, o xoves 11, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaba en Santiago a parcela na que asegura que levantará 24 vivendas de promoción pública, tantas como todas as rematadas en toda Galicia durante toda a lexislatura.
Un día despois, o venres 12, a mesma Vázquez repetía acto en Vigo visitando as obras de construción doutras 36 vivendas protexidas. O Goberno galego divulgou imaxes e notas de prensa dos dous actos, tamén na súa propia web institucional, onde xa non se poden atopar.
O martes 16 Vázquez desprazábase a Lugo para presentar as futuras obras de acondicionamento do antigo hospital de San Miguel e a súa contorna, xunto á muralla. E o xoves 18 a Curtis a visitar outras obras de humanización.
Na pasada campaña electoral das frustradas eleccións do 5 de abril a propia Vázquez xa realizara tres visitas a persoas beneficiarias de vivendas protexidas mesmo para entregarlles as chaves en persoa.
E o luns 15 era o conselleiro de Medio Rural, José González, o que visitaba obras de prevención de incendios forestais na provincia de Ourense, acompañado do presidente da Deputación e do PP provincial, Manuel Baltar, ao que a Xunta convertía en protagonista das súas propias fotografías oficiais.
Feijóo, como presidente e acompañado de empresarios con concesións públicas en terreos costeiros, acusou ao Goberno central de “esnaquizar o sector”, ir contra o “sentido común” e atacar “a nosa forma de vida”
Ao tempo que o PP asegura non estar a facer campaña electoral e os conselleiros e conselleiras publicitan actuacións do Goberno galego, Feijóo vén potenciando unha axenda presidencial na que, xunto con reunións con todo tipo de colectivos aos que anuncia futuras axudas económicas da Xunta e critica o seu abandono por parte do Goberno central, tamén aparecen diversas visitas a empresas, desde unha queixaría a unha empresa de enxeñaría, que enmarca na loita contra o coronavirus.
Pero a axenda de Feijóo tamén ten actos institucionais como presidente da Xunta de aberta crítica ao Goberno central, como o que protagonizou o martes da pasada semana, no que acompañado de empresarios con concesións públicas en terreos costeiros cargou contra o suposto intento do Executivo de Sánchez de limitar esas concesións a través da futura Lei de Cambio Climático. O propio comunicado oficial da Xunta deu voz ás críticas dos empresarios contra o Goberno central e nel Feijóo, falando como presidente da Xunta e non nun mitin do PP, chegou a acusar ao Goberno central de “esnaquizar o sector”, ir contra o “sentido común” e atacar “a nosa forma de vida”.
Dous días despois o PP renegaba de facer campaña electoral e este mesmo martes o propio Feijóo insistía na súa “lealdade crítica coa Administración central, achegando ideas e propostas”.