Multiplícanse as voces que lle reclaman á Xunta que interveña para evitar o risco de que se perda o rico patrimonio cultural que atesoura a Casa de Galicia de Montevideo, que hai uns días pechou as súas portas de forma definitiva, iniciando o proceso de venda dos seus edificios e outros elementos mobles e inmobles.
O patrimonio cultural da Casa de Galicia, que queda fóra da poxa dos bens da antiga entidade, pasa a ser xestionado pola asociación A Casa de Galicia centro histórico-cultural, que vén de crearse
Da poxa, iso si, quedan fóra os bens "de valor cultural", como anunciou nos últimos días Fernando Cabrera, que en outubro foi designado administrador concursal da Casa de Galicia: "todos eses, para darlle tranquilidade á importante colectividade galega, non están [incluídas na poxa] e estamos buscando algunha alternativa que permita salvagardar todo o que é cultural e da propia colectividade”. Para xestionalos este martes constituíse a asociación civil ‘A Casa de Galicia centro histórico-cultural’, que será a encargada de administrar todos estes bens.
Daniel Castro: “se a Xunta non actúa para salvar o patrimonio da Casa de Galicia quedará demostrado unha vez máis que para o PP a emigración só é un caladoiro de votos”
O BNG, a través da súa coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, e do deputado no Parlamento galego Daniel Castro, instou este mércores ao Goberno galego a que "exerza un papel activo" con esta asociación para evitar, por exemplo, que a escultura de Francisco Asorey 'A Santa' "sexa vendida nunha poxa e remate en mans privadas".
A formación vén de presentar varias iniciativas neste senso no Parlamento Galego, afirmando Castro que “se a Xunta non actúa para salvar o patrimonio da Casa de Galicia quedará demostrado unha vez máis que para o PP a emigración só é un caladoiro de votos”. O deputado instou ao Goberno galegoa que convoque "de urxencia" ás tres forzas políticas con representación no Parlamento galego "para mediar e salvar o patrimonio desta institución", mesmo valorando a posibilidade de que o Goberno galego merque a escultura de Asorey e o resto de bens da institución.
Ana Miranda: “resulta indignante a indiferenza e total desinterese do goberno galego pola situación desta institución centenaria, creada cos aforros de emigrantes galegos"
Ana Miranda, que hai unhas semanas viaxou a Uruguai para interesarse pola situación da Casa de Galicia, dos seus máis de 40.000 socios e socias e do seu persoal, sinalou que “resulta indignante a indiferenza e total desinterese do goberno galego pola situación desta institución centenaria, creada cos aforros de emigrantes galegos, así como o pouco poder político da Secretaría de Emigración”. Daniel Castro, pola súa banda, afirmou que “hai dous xeitos de actuar: a inacción do PP e o apoio do Bloque á diáspora, neste caso visualizado coa presenza de Ana Miranda en Uruguai”.
O PSdeG responsabiliza directamente da situación a Alfonso Rueda
As propostas do BNG, que xa lanzara Miranda hai unhas semanas dende o propio país austral, únense ás críticas lanzadas polo PSdeG nos últimos días, cando José Manuel Lage, secretario de organización, que dirixiu directamente as responsabilidades cara ao actual vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de quen ademais dependen as relacións exteriores do Goberno galego.
Ademais da 'Santa', adquirida pola Casa de Galicia en 1951, a entidade conta tamén con obras de Castelao e Colmeiro e dunha biblioteca
Entre o patrimonio cultural co que conta a institución destaca, sobre todo, a escultura A Santa, de Francisco Asorey, unha peza emblemática que puido ser vista en Galicia recentemente no marco da exposición ‘Galicia, un relato no mundo’.
Ademais da 'Santa', adquirida pola Casa de Galicia en 1951, a entidade conta tamén con obras de Castelao e Colmeiro, unha biblioteca histórica e posúe varias placas conmemorativas, unha delas en homenaxe a Castelao, realizada en bronce coa inscrición “en lembranza do esgrevio patriota de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”.