Morre Pepe Mujica, o político que fixo da humildade a súa bandeira

José Mujica, na toma de posesión de Lula da Silva en 2023 CC-BY-SA Pablo Valadares/Câmara dos Deputados

José Pepe Mujica, presidente de Uruguai entre 2010 e 2015, morreu este martes en Montevideo aos 89 anos de idade, por mor dun cancro

"Soy un anciano que está muy cerca de emprender la retirada de donde no se vuelve, pero soy feliz porque están ustedes, porque cuando mis brazos se vayan habrá miles de brazos sustituyendo la lucha y toda mi vida dije que los mejores dirigentes son los que dejan una barra que los supera con ventaja". Nun dos últimos actos da campaña das eleccións presidenciais e parlamentarias, que tiveron lugar en Uruguai en outubro e novembro do pasado ano, José Mujica deixou esta despedida anticipada.

José Pepe Mujica morreu este martes en Montevideo, coa súa compañeira de vida, Lucía Topolansky -vicepresidenta de Uruguai entre 2017 e 2020- ao seu carón. O cancro de esófago, posteriormente estendido ao seu fígado, atopábase xa nun estado moi avanzado e irreversible, e o vello dirixente, que o vindeiro 20 de maio ía celebrar o seu 90 aniversario, hai meses que viña avanzando o seu desexo de non estirar o seu tempo. "Lo inevitable no se lloriquea. Lo inevitable hay que afrontarlo", dixo nalgunha ocasión. 

O pasado 11 de maio xa non foi quen de acudir a votar nas eleccións locais; nese momento sóubose que estaba xa a recibir coidados paliativos.

José Mujica, no ano 2016 en México © Protoplasma K

Mujica deixa un legado de simpatía nas esquerdas internacionais e unha imaxe de honradez e senso común popular que facía que as súas intervencións fosen escoitadas con atención e case con veneración

Mujica deixa un legado de simpatía nas esquerdas internacionais e unha imaxe de honradez e senso común popular que facía que as súas intervencións fosen escoitadas con atención e case con veneración en todo o planeta. E tamén facía que a súa chacra rural no Rincón del Cerro, a modesta casa na que mesmo continuou a vivir durante a súa etapa como Presidente (2010-2015) fose visitada por asiduidade por políticos, activistas e mandatarios.

Pepe Mujica non era tanto o que dicía como o propio exemplo que encarnaba. Non se limitaba a predicar esa sinxeleza, senón que a practicaba, mesmo cando se converteu primeiro en senador (1989), despois en ministro (2005) e finalmente en presidente (2010). "O poder non cambia as persoas, só revela quen verdadeiramente son", dixo nese momento

Pepe Mujica non era tanto o que dicía como o propio exemplo que encarnaba. O medio era a mensaxe. Non se limitaba a predicar sinxeleza, senón que a practicaba ("no soy pobre, soy sobrio, liviano de equipaje, vivo con lo justo para que las cosas no me roben la libertad", dixo algunha vez), mesmo cando se converteu primeiro en senador (1989), despois en ministro (2005) e finalmente en presidente (2010). "O poder non cambia as persoas, só revela quen verdadeiramente son", dixo nese momento, reclamando que "os políticos temos que vivir como vive a maioría e non como vive a minoría".

A súa filosofía da acción política ("a política é a loita pola felicidade de todos") causou sensación e foille construíndo no imaxinario colectivo un lugar de respecto e admiración. Unha especie de faro moral e de contraste con outros relatos de corrupción persoal ou ligadas a decepcións ideolóxicas e desafeccións.

José Mujica con Lucía Topolansky en outubro de 2023 CC-BY-SA Casa Rosada

Mujica era tamén debedor da súa biografía; da súa participación na guerrilla urbana dos Tupamaros nos momentos previos á ditadura cívico-militar que sufriu Uruguai entre 1973 e 1985 e dos anos que pasou prisoneiro, moitos deles en completa soidade

Mujica, en todo caso, era tamén debedor da súa biografía; da súa participación na guerrilla urbana dos Tupamaros nos momentos previos á ditadura cívico-militar que sufriu Uruguai entre 1973 e 1985 e dos anos que pasou prisoneiro, moitos deles en completa soidade, como amosa a película La noche de 12 años (2018). Sobre a súa etapa como guerrilleiro, pola que pagou "prezos enormes", dixo ser "consciente" de que "sufrimos e fixemos sufrir”. 

As penalidades que tivo que superar, dixo, deixáronlle a ensinanza de repensar “toda a vida como unha entrega e coa vida como valor por riba de todas as cousas” e co convencemento de que "ninguén é máis que os demais" e de que "non hai ningún triunfo definitivo porque tampoco hai derrota definitiva se se ten o corazón temperado”. "Os únicos derrotados son os que baixan os brazos", concluíu máis dunha vez e no momento de abandonar a Presidencia da República confesou: "a miña vida reflexa que os que non se entregan, os que non baixan a garda, sempre teñen algún recoñecemento e algunha compensación".

As penalidades que tivo que superar, dixo, marcaron a súa forma de ser e deixáronlle a ensinanza de repensar “toda a vida como unha entrega e coa vida como valor por riba de todas as cousas"

En certa maneira Pepe Mujica representou ben a identidade uruguaia. O uruguaio é unha persoa modesta e tranquila (probablemente en exceso), tolerante e sinxela, pode que en parte en contraposición coa altisonancia dos arxentinos, especialmente dos porteños da súa capital. Tamén concordaba ben coa maneira de expresarse dalgúns dos nomes máis coñecidos do país fóra das súas fronteiras (alén do futbolístico), como Eduardo Galeano ou Mario Benedetti, que tamén empregaban palabras pequenas para expresar ideas grandes. O cidadán uruguaio pode non dicir moito, pero cun "ta" (expresión con múltiples significados) resolve toda unha conversa.

En certa maneira Pepe Mujica representou ben a identidade uruguaia. O uruguaio é unha persoa modesta e tranquila (probablemente en exceso), tolerante e sinxela

A súa xestión como presidente estivo marcada polo avance de dereitos no país, coa despenalización do aborto, a aprobación do matrimonio igualitario ou a legalización da marihuana. Cómpre dicir que algúns posicionamentos e declaracións espertaron controversia na esquerda uruguaia. E, por exemplo, mesmo nestes últimos meses os sectores máis esquerdistas do Frente Amplio víronse contrariados polas críticas de Mujica ao principal sindicato do país, PIT-CNT, ou polo seu cuestionamento dalgunhas denuncias de vítimas da ditadura contra os militares. 

Pero, por outra banda, tamén cómpre recoñecer que Mujica -ao igual que Tabaré Vázquez- soubo conectar mellor que outros líderes frenteamplistas  co cidadán medio do Uruguai e con sectores máis moderados, especialmente nas zonas rurais.

Non sei se Pepe Mujica escoitou música nos seus últimos momentos e ignoro se el escollería algunha canción para acompañar a súa despedida. Pero creo que non sería unha melodía triste, senón que ben podería ser o candombe do uruguaio Carlos Warren Siga el baile. Un tema que comeza dicindo: "Siga el baile, siga el baile/ De la tierra en que nací/ La comparsa de los negros/ Al compás del tamboril". 

Nunha das súas últimas intervencións públicas deixou unha mensaxe de esperanza, mesmo dende o convencemento da proximidade da morte: “Lo único que es seguro en esta vida es que nos morimos; por lo tanto, no lo estropeen. Vívanla, no corran a otro, no odien, no se dejen ganar más por el odio y entiendan que siempre se puede dar una mano a uno que está más jodido”. Pepe Mujica, que nestas últimas intervencións animaba a cambiar a "bronca" por "esperanza", animaría a que siga o baile.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.